Érase unha vez, unha nena que habitaba nunha vila chamada Pontevedra, situada nunha fermosa terra onde natureza e vida se unen nunha aperta sen fin ou, polo menos, noutrora así era...
Esa rapaza medrou sentindo como algo non encaixaba de todo ben, como a fermosa contorna era, ás veces danada e corrompida por inxustizas e desigualdades, como as terras cheas de verdes matices ían adquirindo un ton monocromático e como as augas ricas e poboadas ían perdendo a vida.
Os anos foron pasando e, entre xogos e realidade, a nena foi adquirindo consciencia dos males que asolaban esta terra, mais había un que mancaba especialmente, un grande e terríbel monstro elevábase sobre a Ría de Pontevedra!
Día tras día o seu alento enchía de fume e tóxicos o ar. Os seus tentáculos e apéndices inzaban o monte de eucaliptos succionando vida a carballos e castiñeiros, impedindo que medrase nada máis que esa árbore devoradora. Peixes e mariscos eran asasinados sen miramentos polos seus despoxos. Este monstro no era outro que a fábrica de Celulosa chamada ENCE que, ano tras ano, arrasaba co traballo, coa saúde, coa vida e co futuro!
Así que a rapaza, decidiu actuar e rebelarse contra tanta inxustiza e barbarie.
Observou, pensou e acadou a seguinte certeza: a única maneira de loitar e vencer a tan poderoso ser tiña que vir da man da loita colectiva. Só sería posible coa suma das forzas de cada unha das persoas que con constancia, coherencia e ilusión compartían este obxectivo común. Só así, podería chegar a bo porto este barco, mais, por sorte, non era a única!
Un grupo de persoas con inquedanzas semellantes uniuse aló polo ano 1987 arredor da Asociación Pola Defensa da Ría, levando á praxe esa demanda social tan sumamente necesaria para derrocar o fedorento. A través de innumerábeis vitorias e tamén dalgunha que outra aparente derrota, foron gañando batallas ata chegar ao momento actual.
Hoxe, en 2022, podemos dicir coa boca ben grande que estamos máis preto ca nunca de lograr esta tan ansiada vitoria colectiva!
O tan ansiado e soñado futuro por fin é o noso presente, podemos celebrar e festexar.
Porén, no debemos descansar aínda. O monstro e todos os seus viles servos continúan abafando cos seus últimos estertores. É o momento de pelexar esta última batalla, coa alegría e o optimismo do que nos dota a razón. Debemos continuar demostrando que a maioría social está en contra da presenza desta pasteira noxenta. Temos que esixir dende xa mesmo a recuperación dos terreos roubados ao pobo, a recuperación da biodiversidade dos nosos montes e a recuperación da vida na Ría de Pontevedra. Foi un camiño longo e duro e a fin está moi próxima.
Cómpre agora pensar e deseñar ese futuro, onde a creación de postos de traballo e a xeración de riqueza veña da man da explotación racional dos recursos e das innumerábeis potencialidades da Ría, da comarca e da Galiza. O noso estandarte ten que ser o desenvolvemento sostíbel, o respecto, a vida, a saúde, o emprego ou o medio ambiente.
Compañeiras e compañeiros, como xa imaxinarades, esa rapaza que amentaba ao comezo chámase Antía e está hoxe aquí falándovos en nome da Asociación Pola Defensa da Ría, mais podería chamarse Alba, Leo, Lara, Martín, Manuel, Daniela... ou calquera outro nome. Porque a loita contra Ence a facedes real todas e cada unha das persoas que estades aquí hoxe e todas as que nalgún momento decidistes consciente e coherentemente unir as vosas forzas e voces para acadar a vitoria e gañar ese tan ansiado futuro onde a biodiversidade dos nosos montes será unha realidade, onde a ría e o mar volverán ser fonte de de riqueza! Un presente onde encher con ar limpo os nosos pulmóns para berrar ao unísono, coa voz forte e clara: A RÍA É NOSA! E NON DA CELULOSA!!
Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra