Unha mámoa no Samarco de Pardesoa

29 de octubre 2024

O colectivo Capitán Gosende descobre unha mámoa nos Toxais da Carballa, sitio arqueomítico da aldea do Samarco.

A carón de Xavier Cortizo, no goio da mámoa dos Toxais da Carballa
A carón de Xavier Cortizo, no goio da mámoa dos Toxais da Carballa /

O domingo 20 de outubro, os exploradores do Capitán Gosende citámonos coa boa xente do Samarco (Pardesoa-Forcarei) para percorrermos xuntos o camiño que comunica a aldea co denominado "castro das Mouteiras", un xacemento catalogado por Patrimonio no ano 2002 (GA36018045). Había tempo que planeabamos pór o pé nese contraforte do monte do Samarco, afectado polo damóclico proxecto de construción do tren de alta velocidade Madrid-Vigo.

O "castro das Mouteiras" afástase un quilómetro escaso do casarío, dirección suroeste, situándose a unha altitude de 628 m. O mapa sombreado ou a fotografía do "Voo americano" do ano 56-7 permite albiscar aquilo que sobre o terreo se lle oculta aos ollos. Os visores corroboran que o sitio arqueolóxico posúe forma oval. O topónimo "Mouteiras" evoca un terreo choído de chantos, marcos ou pedrafitas. Velaquí as dimensións do ben catalogado: uns 125 m de lonxitude de eixe maior (medido dende o bordo exterior do foxo perimétrico) e uns 100 m de eixe menor (ídem); uns 350 m de lonxitude de perímetro exterior e uns 225 m de lonxitude de perímetro interior.

Nun labor de milenios, os axentes naturais aterraron a gabia, o parapeto e os vestixios construtivos (se os houber) da superficie acoutada, e tamén ocultaron unha ampla avenida (uns 100 m de lonxitude visíbel e uns 17 m de largo) que, na dirección leste-oeste, acada o recinto murado pola súa sección sueste. Hai seis anos –dezaseis anos despois da súa catalogación–, a prensa local (Faro de Vigo: "¿Un henge en Forcarei?", 2-9-2018) facíase eco interrogativo da súa existencia.

Malia o sitio arqueolóxico de Pardesoa figurar consignado no catálogo de Patrimonio coa denominación "castro", nós preferimos identificalo cun "henge" (anglicismo), aludindo unha estrutura arquitectónica prehistórica, caracterizada pola presenza dun foxo circular ou elíptico e mais o ribazo subsecuente; ou ben cun curro prehistórico, empregado para ameixoar o gando no monte; ambas as dúas estruturas, datábeis no Neolítico. Non sería, pois, o xacemento de Pardesoa un espazo habitacional da céltica Idade do Ferro (+/- 2.000 anos de antigüidade), senón un espazo ritual, sagrado, cerimonial, ou unha cerrada gandeira duns 6.000 anos de antigüidade.

Se o de Pardesoa for "henge", engadiríase á listaxe in crescendo de sitios arqueolóxicos afíns, achados na Galiza nos últimos tempos: A Roda (Barreiros), As Lavandeiras (Xove), A Mourisca 1 e 2 (Cervo), As Portaleiras (Laracha-Cerceda)... (Léase Faro de Vigo: "Descuberta dun crómlech en Cerdedo", 3-4-2024).

Se for un curro neolítico, o de Pardesoa sumaríase na comarca ao Coto da Roda (na estrema das parroquias de Castrelo e Parada-Cerdedo) e á Roda da Ameixoada (parroquia de Figueiroa-Cerdedo); ambos os dous, dados a coñecer no seu día polo colectivo Capitán Gosende (Faro de Vigo: "O Coto da Roda, un curro neolítico", 23-9-2012; Faro de Vigo: "A Roda da Ameixoada, un novo curro prehistórico en Cerdedo, 2-12-2012). O Coto da Roda foi catalogado por Patrimonio en 2014; a Roda da Ameixoada agarda ad calendas graecas. Se a autoridade local quixese facer forza en prol da súa pronta catalogación, nós apludiriamos o esforzo. A perder ninguén é rico.

Xacando, algún arqueólogo castelanfalante se deixou caer polo "castro das Mouteiras", e informou os veciños da existencia no seu monte dun "hoyo" (o foxo do xacemento). Dende aquelas, o pobo failles saber aos visitantes que no coto das Mouteiras hai un "ollo", atribuíndolle ao fenómeno a condición de apotropaica sentinela do poboado. Na transmisión oral do saber tradicional opera unha máxica artesa onde se amasan os mitos.

Volvendo á paseata do domingo, avanzabamos en boa compaña polo antigo camiño de carro dos Tallós ou das Mouteiras (hoxe ancheado polos madeireiros), afagando a vista coas cores outonizas da fraga. Á altura das leiras coñecidas polos Toxais da Carballa, o señor Manuel –que nos guiaba– sinalou unha prominencia do terreo, situada á beira dereita da verea. Nomeou o sitio O Burato da Moura.

Adobiou o señor Manuel aquel montelo cunha lenda tan saborosa coma elucidadora: "Dicían os vellos que dende aquí ata O Curriño (onde hoxe verdea a carballeira do Samarco), a uns 700 m de distancia cara ao norte, téndense soterradas dúas vighas: unha de ouro e outra de alcatrán. Se os cacheadores de tesouros bateren na rebusca coa vigha de alcatrán, un pavoroso incendido arrasaría a contorna".

Sentado diante dun mapa, comprobei que debuxando, de sur a norte, unha liña recta entre o Burato da Moura e O Curriño, o trazo atravesaba a aldea, pasando por riba da capela do San Marcos, sita nun punto intermedio.

Feitas as pertinentes comprobacións, o colectivo Capitán Gosende alédase de pór en coñecemento dos lectores o achado doutra mámoa inédita en Montes; esta, en terras de Pardesoa, na avenida neolítica dos Tallós, a uns 200 m de distancia do "henge" das Mouteiras.

O túmulo megalítico coñecido popularmente como Burato da Moura, que os veciños non identificaban como mámoa, debera asentarse no rexistro de Patrimonio a carón da denominación "Mámoa dos Toxais da Carballa", para facilitar a súa localización; mesmo así, velaquí as súas coordenadas.- X: 556.205; Y: 4.708.618; 618 m de alt.

A mámoa, visibelmente vulnerada, posúe na actualidade un diámetro de 22 m. O diámetro da foca de espoliación acada os 5 m. A coiraza está colonizada por carballos e bidos de bo porte, amais dun gateño silveiral. Segundo o noso informante, os carballos habían ter uns cincuenta anos. Antano, aqueles predios daban boas pataqueiras. O muro do camiño atravesa de leste a oeste a sección sur da mámoa. O alargamento do carreiro (hoxe, 3 m de ancho) fixo desaparecer parte da sección sur do túmulo.

Retomando o asunto das "vighas de ouro e alcatrán", a curta distancia da mámoa dos Toxais da Carballa, cara ao norte, localízase o predio chamado Fonte da Lameiriña (manancial). In illo tempore, naquela braña apareceu unha pequena imaxe en pedra do san Lucas. A figuriña representa o apóstolo redactando o seu evanxeo, co libro pousado no lombo dun boi (iconografía canónica). A imaxe consérvase no altar maior da capela, á dereita dunha talla do san Marcos, que ocupa o fornelo central. Este paradoxo explícase pola errónea interpretación que os naturais fixeron do topónimo "Sumarco", aínda vivo na microtoponimia da zona, leiras inmediatas ao devandito sitio do Curriño, onde, ao parecer, pousan as cabeceiras das "vighas encantadas".

O topónimo Sumarco (>Samarco) –como ben deduciu Carme Hermida– non é un haxiotopónimo, senón índice de que o poboado se estabeleceu nunha cota inferior respecto a un histórico (e desaparecido?) marco de deslinde, probabelmente fincado perto das veigas chamadas Sumarco ou Curriño (estrema coa parroquia de Ventoxo, ao norte), ou ben, respecto a unha pedra alta, existente até hai pouco no medio dun valo que amolloaba a terra do Samarco e do Sisto (ao sur). Uns 25 m de muro aínda son visíbeis, á beira esquerda do camiño dos Toxais da Carballa.

Por todo o exposto, a mámoa do Burato da Moura debe estudarse poñéndoa en contexto co curro da Mouteira, coa Fonte da Lameiriña e mais co Curriño. O colectivo Capitán Gosende suma a décimo quinta mámoa ao seu labor de descuberta en Terra de Montes.

Tras a gratificante andaina, agasallóusenos con café e rosca en cas de Xavier Cortizo. As veciñas do Samarco presentes no parladoiro adiantaron algún relato truculento dos que na noite do 2 de Santos se escoitarán na sobrecea do Roteiro da Pantalla: o home de lume de Presqueiras, a pantasma de Pousada, os tres anxos de Guisande...

Hai moitos xeitos de vivir a comarca de Montes. Eu, ao socairo da polarización política e da hipnose das redes sociais, prefiro botarme ao monte cos amigos do Capitán Gosende. Vémonos polos camiños da vida, sempre cos pés na terra.

Curro ou henge da Roda da Ameixoada (Figueiroa).
Curro ou henge da Roda da Ameixoada (Figueiroa).Calros Solla
Curro ou henge do Coto da Roda (Parada Castrelo).
Curro ou henge do Coto da Roda (Parada Castrelo).Calros Solla
Localización da mámoa dos Toxais da Carballa (der.) e do henge das Mouteiras (esqu.) (Samarco Pardesoa).
Localización da mámoa dos Toxais da Carballa (der.) e do henge das Mouteiras (esqu.) (Samarco Pardesoa).Calros Solla