Homenaxe ás Mulleres da Parroquia de Cerponzóns

09 de marzo 2025
Actualizada: 20:56

Hai casos de mulleres que quedaron viúvas, outras que quedaron orfas, e outras que simplemente quedaron soas cando se converteron en familia, como foi o caso da veciña a quen queremos homenaxear este ano

Este ano, por terceira vez, a Asociación de Veciños O Chedeiro rende homenaxe a unha muller da nosa parroquia con motivo do Día da Muller Traballadora.

Cando falamos de traballo duro, seguro que, a vós como a min, vénvos á cabeza os tempos dos nosos avós. Ben, dependerá da idade, pero é que eu son neta deses avós e avoas que coñeceron a dureza do traballo desde moi noviños. Pola fresca, se se podía escoller, e de sol a sol cando non, pero que os preparou para facerlle fronte á fame da posguerra e, aínda así, gardar as mellores talladas para os fillos.

Podería encher ringleiras con nomes e apelidos. De seguro, entre eles estarían os meus, o da familia da miña nai e tamén o da do meu pai, porque na miña familia houbo penurias, pero sempre tivo a fortuna de ser de catro mans.

Este ano, para poñer nome á veciña a quen queremos dedicar o Día da Muller Traballadora, pensamos nas familias que saíron adiante co esforzo de só dúas mans.
Hai casos de mulleres que quedaron viúvas, outras que quedaron orfas, e outras que simplemente quedaron soas cando se converteron en familia, como foi o caso da veciña a quen queremos homenaxear este ano.

Por acordo unánime dos membros da Directiva do Chedeiro, queremos que as dúas mans "soas" que agarren o ramo de flores deste ano, sexan as de Isabel Iglesias Porto, A Cacharula, coa moita honra!

Porque xa pasaron os tempos, Isabel, de agarrar o mango da laia para facer buratos para os piñeiros do ICONA, os do legón para raspar debaixo das viñas aproveitando a luz da lúa chea, a aixada, o fouciño e a guadaña de ir ó xornal co que criaches á túa filla, e tamén as cordas das vacas de carrexar carros de toxo e piñas para Pontevedra e os tubos para a traída de augas de Tilve.

Eso sí, esperamos que, por moitos anos máis, sigan sendo as primeiras en chegar para desfacer os pampullos para as alfombras florais do Corpus e para dar palmas e sacar a bailar a Esperón ó ritmo dos gaiteiros polas festas do patrón.

Con moito agarimo de parte de todos os membros da Xunta Directiva da Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns para Isabel, e para todas as mulleres que sacaron, e sacan, adiante ós seus fillos con só dúas mans. Soas, pero valentes e fortes.

A súa Presidenta,
Liliana Casás e Falcón.

Homenaxe ás Mulleres da Parroquia de Cerponzóns, coa entrega a Isabel Iglesias Porto, A Cacharula
Homenaxe ás Mulleres da Parroquia de Cerponzóns, coa entrega a Isabel Iglesias Porto, A CacharulaAsociación O Chedeiro