Cando a Xunta de Galicia anunciou a tramitación da chamada "Lei de ordenación do litoral de Galicia", desde a APDR faciamos ver que o principal obxectivo do goberno galego era provocar o aumento do nivel de confrontación co Goberno do Estado, un obxectivo, pois, electoralista.
Neste sentido, supuña para nós unha oportunidade perdida no camiño do aumento das competencias en materia de protección do noso litoral.
Falabamos daquela do interese dunha lei de protección do litoral galego que permitise afrontar os importantes retos de conservación dos recursos naturais, afectados de forma grave polas actividades humanas e o cambio climático, dunha lei que debería perseguir o endurecemento das medidas de conservación do litoral e do dominio público marítimo-terrestre en beneficio do medio ambiente e das actividades da pesca, o marisqueo e a acuicultura de bivalvos tradicionais.
Porén, e a pesares da gravidade da situación actual, a Lei proposta pola Xunta de Galicia camiña nun sentido ben diferente do desexado pola APDR.
O texto aprobado polo Goberno galego rebaixa o nivel de protección das nosas costas, facilita a continuidade en dominio público de instalacións e/ou actividades incompatibles coa conservación do noso litoral, e fomenta os usos do litoral por "lobbies" enerxéticos ou turísticos e as actividades acuícolas intensivas, aspectos todos eles denunciados nas nosa alegacións.
Trátase dun texto que, ao noso entender, entra en contradición coas competencias do Estado ao se atribuíren sen ningún pudor competencias estatais na xestión dos títulos de uso e ocupación do dominio público marítimo-terrestre (DPMT), unhas competencias que -na práctica- ningunha comunidade autónoma exerce sen a tutela do Estado. E advertiamos xa de que esta actitude provocaría o conflito entre as dúas administracións e a paralización da lei, situación que vén de producirse coa presentación do recurso do Goberno do Estado diante do Tribunal Constitucional e que a Xunta trata de utilizar como parte da súa estratexia electoralista de confrontación.
Por iso temos que denunciar agora que cando Ángeles Vázquez e Alfonso Villares, titulares das Consellerías de Medio Ambiente e Mar, respectivamente, amosan a súa indignación porque o recurso provoca "inseguridade xurídica", "desnudez" do sector do mar e "paralización das concesións", saben que a situación vén motivada por unha actuación irresponsábel do Goberno galego; saben que na situación actual, todas aquelas instalacións ou actividades que, pola súa natureza, teñan que ocupar terreos do DPMT, gozan de absoluta seguridade xurídica, e saben tamén que cando falan do complexo "mar-industria" están a considerar actividades e instalacións que nada teñen que ver co amentado complexo e que, por Lei, teñen negada a permanencia nesta zona do litoral.
Así pois, denunciamos a demagoxia dos representantes da Xunta, que afirman que a Lei defende as actividades dos sectores produtivos por riba de calquera outro posíbel uso do litoral cando, na práctica, potencia a instalación de muíños eólicos no mar, considera estratéxica a instalación de establecementos turísticos no litoral e nega a existencia do cambio climático e os problemas derivados da súa incidencia no litoral galego.
Xa por último, queremos insistiren na necesidade dunha lei de ordenación do noso litoral que aborde o tema cun enfoque intimamente ligado á súa protección ambiental, un enfoque inexistente no texto elaborado pola Xunta, no que a defensa medio ambiental do litoral aparece sempre ocupando unha posición subsidiaria á protección das actividades económicas que se desenvolven na franxa costeira, mesmo cando entran en contradición coa pesca e marisqueo tradicionais.