Cada vez que hai un problema serio relacionado cos adolescentes, remitímolo ó sistema educativo, como si a educación só fose cuestión dos docentes.
Plans de concienciación dos perigos das diversas drogas, formación sexual, tráfico, perigos das redes sociais, racismo, xenofobia, igualdade de xénero, e moitos etcs.
Fai bastantes anos, nunhas xornadas para membros de consellos escolares, rematamos falando de "Educación para a cidadanía". Na miña intervención dixen que non tiña sentido tal materia, porque é claramente unha materia transversal e, ademais, a cidadanía non se explica, na miña opinión, senón que se ensina co exemplo. Por moito que digamos que hai que ser respectuoso coas leis, cos veciños, cos profesores, policías, sanitarios,... pagar impostos, ser solidarios, e un longo etc, si os exemplos que os rapaces perciben dos seus pais primeiro, pero tamén dos representantes políticos, dos profesores e demais sectores sociais non son axeitados, non vale de nada o que digamos. Resulta moi cínico e pouco efectivo dicir o que que dicía un cura na parroquia onde nacín, cuxo comportamento non casaba nada co que predicaba: "facede o que vos digo, non fagades o que eu fago" – tiña un fillo e gustáballe a esmorga mais do axeitado para o cargo.
A educación dos rapaces é tarefa principal da familia, fundamentalmente dos pais; e as actitudes dos rapaces en canto ao respecto polos compañeiros/as, docentes, na rúa; as actitudes de igualdade ou machismo, as formas de relacionarse, a afectividade, as actitudes dialogantes ou violentas, o interese polo medio ambiente, mesmo as ideas políticas primeiras, todo isto ben da casa e nótase moi ben.
Logo, ao longo da adolescencia, reciben moitas outras influencias de compañeiros, docentes, redes sociais, os chamados celebrities, influencers, youtubers e das clases dirixentes.
E aquí quero facer referencia a ilimitada influencia das redes sociais e Internet. Cando os membros da miña xeración eramos pequenos tiñamos que ser cristiáns, heteros e de dereitas, non había elección – alomenos sen consecuencias graves. Actualmente somos tan xenerosos e comprensivos que parece que non hai límite de elección, e isto fai que os rapaces que non teñen unha comunicación fluída cos pais e persoas próximas, se perdan. Un neno necesita unha guía para empezar e, coa experiencia e madurez xa irá forxando unha maneira de ser, de pensar, de actuar. Se non hai límites e control – non coma o da miña xeración, está claro -, pérdense; non son quen de controlar tantas posibilidades. E falo de moitas cousas á vez – iso é Internet -, inflación de identidades de xénero – parece que está determinada polas neuronas e as hormonas non pintan nada -, influencia duns entes chamados influencers ou youtubers, creadores de contidos, que son persoas sin formación nin experiencia, principalmente, que se dedican a aproveitarse dos adolescentes, e moitos non tan adolescentes, para facer cartos a base de explicarlles como hai que vivir, sen ter vivido previamente – é coma poñerse a explicar unha materia sen estudiala antes-.
Finalmente, hai un par de aspectos que están distorsionando moito a educación nos últimos anos. Unha é o excesivo proteccionismo que teñen moitos pais e nais, que fan que os estudantes non aprendan a facerse cargo das súas tarefas, do seu comportamento e ser responsables. Estanlles facendo unha tremenda faena, porque o mundo actual é basicamente competitivo e convén ser capaz de xestionar o traballo, as cuestións burocráticas, colaborar na casa, responsabilizarse pouco a pouco da propia vida e asumir os fracasos sen derrubarse as primeiras de cambio.
Por outra parte, e polo mesmo proteccionismo, hai unha tendencia a botarlle a culpa ó profesor dos resultados dos alumnos, por defecto, en vez de falar co profesor, tratar de ver cales son os problemas e tratar de colaborar para solucionalos. Por certo, hai grupos de whatsap que deben ser auténticos vomitorios de frustracións e críticas para algunhas persoas. Iso non vale para nada positivo, nin resolve os problemas dos rapaces; deberían ser para darse recados, preguntar por deberes e axudar a quen o necesite. Todo o demais só serve para fomentar o cabreo, socavar a autoridade do profesor e, cando os estudantes ven que os pais non respectan ó profesorado, eles tampouco o respectarán. Resultado: mal comportamento, peor ambiente na aula, peores clases, menos aprendizaxe, mais frustración, ....
Levo moitos anos sendo titor de profesores en prácticas e o consello é sempre o mesmo: "se tí non te divirtes un pouco, si o pasas mal, a clase vai funcionar mal. Si non logramos crear un ambiente de confianza e boa relación profesor- estudantes, os resultados non serán bos e todos sufriremos".
Creo que mais claro non se pode falar. Cada un elixe o seu camiño.
Tamén é verdade que os exemplos dos líderes do país, empezando polo primeiro, non están a ser moi construtivos. Pero a elección é nosa sempre, ou case.
Arturo Neira.