Do repertorio grecolatino que dá información sobre Teucro, o mítico fundador de Pontevedra, quizais sexa a Biblioteca do Pseudo Apolodoro onde se recolle o de máis relevo. Servíndose dunha versión predominante, sabemos que o noso personaxe tivo de pai a Telamón, rei de Salamina, un dos argonautas e irmán de Peleo e, por iso, tío do famoso Aquiles. Telamón acompañou a Heracles (o Hércules romano) nunha expedición contra Troia e, nese contexto, sitúase Hesione, filla do rei Laomedonte, coa que vai ter a Teucro como fillo. Este feito conéctao coa alta sociedade troiana. Tamén se nos di que será -por pai- irmán de Áiax, un dos grandes guerreiros gregos.
E temos máis datos: foi un dos pretendentes da fermosa Helena e foi un dos que estaban dentro do coñecido cabalo de madeira.
Por resumir, trala guerra, coma outros heroes, regresou á súa terra, mais foi expulsado polo propio pai, Telamón, por non ter feito todo para evitar a morte de Áiax. Teucro vaise a Chipre e, desde aí, inicia o periplo cara a Occidente na busca dun lugar onde asentarse. Así seica funda Carthago Nova e logo...Pontevedra.
Pseudo Apolodoro transmítenos o fundamental que coincide con outros autores. Estrabón, Pompeio Trogo, Plinio, Xustino etc. eran sabedores do relato e así o recollen. Mesmo o grande Virxilio, na súa Eneida (I,620) pon na voz de Dido, a raíña de Cartago, as palabras que nos lembran como Teucro fora rexeitado polo pai na súa patria e tivo, cal se fose outro Eneas, que buscar outras terras.
Non hai que esquecer a fartura narrativa destas lendas e mitos, sobre todo, nos séculos II e I antes da nosa era, e os conseguintes relatos "de fundación", paralelos aos procesos do expansionismo romano.
Con todo, é Homero a fonte que deita primeiro, da que os autores mencionados, e outros, beben. Partindo de tradicións previas, a Iliada contén, na súa atmosfera épica, un bo álbum de fotografías de Teucro, unhas realistas e outras que nos levan aos eidos do psicolóxico: o seu arco é forte; as súas frechas, duras; é un guerreiro áxil, intachábel. Agamenón di que é "a persoa para min moi querida". Tiña en Áiax, seu irmán, unha firme protección: a el, ao seu relocente escudo, volvía "coma un neno ao colo da nai" despois de intentar, inutilmente, bater a Héitor, amparado polo mesmo Zeus ou Apolo.
Estes trazos de Teucro, nos cantos VIII e XV da obra homérica citada, podémolos saborear ben saboreados no noso idioma na tradución de Evaristo de Sela ou, de xeito máis breve e igualmente engaiolante, no artigo de Aquilino Iglesia Alvariño publicado o 10 de febreiro de 1948 no xornal La Noche, co seguinte título: "Fundote Teucro Valiente. Semblanza do caporal de homes e de xentes que arribou a Moureira. Arquexaba coma un boi".
Grosso modo, as liñas substanciais sobre o noso personaxe van pasar á Idade Media (para o cal é central Isidoro de Sevilla) e de aí nutrirán aos cronistas do XVI. Citemos dous: Pedro de Medina, que en 1548 nos dá noticia da fundación de Pontevedra ("que llamaron Elenes"), e Florián do Campo, nos mesmos termos, cinco anos despois. Próximamente será un dos humanistas pontevedreses, Xoán García, quen explicite a lenda na súa obra De expensis et meliorationibus...Un século, o XVI, tan referencial para a nosa figura: Santa María, os mareantes, as iconografías de Teucro-Hércules etc.
Posteriormente, a lenda foi tatuando a nosa paisaxe literaria e social. Xoán Manuel Pintos chamounos aos pontevedreses "teucrinos". En Sarmiento ou en Manuel Lourenzo, a figura do noso heroe fundador reaparece, continuando a súa peculiar odisea ao longo dos tempos e dos textos.
Quero convidar, de modo especial, á lectura da recreación fantástica que elabora a prosa moza doutro pontevedrés, Luís Amado Carballo, o 25 de xullo de 1924 nas páxinas de El Pueblo Gallego, sobre a fundación de Pontevedra ( pode verse na rede). E, finalmente, parabenizar ao noso Concello por elixir as "lendas" como motivo desta Feira Franca. Abofé, as frechas de Teucro son certeiras e, parafraseando a G. Dumézil, as lendas manteranos a calor e a vida.
***Xosé Abilleira Sanmartín