A fábrica de ENCE e as augas do Lérez, unha nova burla

02 de noviembre 2022
Actualizada: 18 de junio 2024

Vai esixirlle a Xunta que en tanto o Tribunal Supremo non ratifique as sentenzas da Audiencia Nacional, cumpra integramente o convenio? Vai obrigarlle a implantar na fábrica de Lourizán a acordada redución da captación de auga do Lérez e a traballar en ciclo pechado coas súas augas de vertido? Con absoluta seguridade, non! 

Baixo o réxime franquista, a fábrica de celulosa conseguía a concesión dun caudal máximo de 129.600 m3 diario de auga do Lérez para transformar as nosas árbores en pasta de papel; aportaba a cambio un novo perfume á comarca e coloracións nunca imaxinadas ás augas da Ría. Disque era o prezo a pagar polo progreso.

Hoxe, ENCE ten permiso da Xunta para consumir 51.840 m3/día do auga do noso principal río, un dato que por si mesmo invalida o apelativo de “biofábrica” co que os seus donos bautizan a unha fábrica condenada por delito ecolóxico. Trátase dun consumo incompatíbel coa prioridade de garantir as necesidades básicas da poboación da comarca e coa propia subsistencia do Lérez, e máis cando o cambio climático -por máis que a Xunta se negue a admitilo- avanza de forma inexorábel e ameaza con novos episodios de escaseza de auga como a sufrida meses atrás e que obrigou a paralización da produción na fábrica.

Nesta situación, ENCE busca solucións que lle permitan manter a produción e reducir o consumo de auga do Lérez. Propón así o uso das augas da EDAR de Os Praceres como complemento ás augas do río.

Aínda sendo conscientes de que a reciclaxe das augas de vertido dunha EDAR é obxectivamente positivo, na APDR entendemos que a proposta realizada por ENCE non é en absoluto aceptábel. 

En primeiro lugar, porque -en pago pola ilegal prórroga da concesión- ENCE asinou un acordo que comprometía á empresa a reducir de forma drástica a captación de auga do Lérez e pasar dos 38.000 m3/dia que captaba naquel momento a só 4.000 m3/día, re-utilizando a práctica totalidade da auga do seu proceso industrial. Esa é a solución que ENCE debeu ter adoptado hai xa moito tempo e que a Xunta ten que obrigarlle a cumprir.

En segundo lugar, o uso das augas da EDAR por ENCE esixe o coñecemento público previo do proxecto de captación e tratamento desas augas para uso industrial e deberá estar suxeito ao pago do correspondente canon. Do contrario, estariamos pagando a depuración das augas para beneficio exclusivo dunha empresa privada que, ademais, vai devolvelas á Ría contaminadas. 

Así mesmo, co uso das augas da EDAR no proceso industrial, os vertidos de ENCE adquiren características de augas residuais urbanas e, polo tanto, deberán cumprir as esixencias legais de aplicación a este tipo de augas. Neste sentido, con anterioridade á concesión do permiso para este proxecto, o Goberno galego debería modificar a AAI da fábrica e introducir nela as esixencias de aplicación ás augas residuais urbanas.

Porén, lonxe de facerlle cumprir o amentado convenio, a Xunta de Galicia -submisa sempre aos intereses da fábrica- anunciou xa que ENCE poderá utilizar as augas da EDAR (sen fixar medida preventiva ningunha) cando teña a punto o sistema necesario para tal fin, un obxectivo que a empresa sitúa neste mes de novembro.

Asegura agora o Goberno galego ter solicitado a ENCE en varias ocasións o cumprimento do chamado “plan social”, un programa de subvencións dirixido a neutralizar a súa mala imaxe social, a mercar o silencio ou o apoio público dos colectivos da comarca; pois ben, este “plan social” é só unha pequena parte do acordo asinado no ano 2016.

Vai esixirlle a Xunta que en tanto o Tribunal Supremo non ratifique as sentenzas da Audiencia Nacional, cumpra integramente o convenio?

Vai obrigarlle a implantar na fábrica de Lourizán a acordada redución da captación de auga do Lérez e a traballar en ciclo pechado coas súas augas de vertido?

Con absoluta seguridade, non! 

 

Pontevedra, 1 de novembro de 2022.
Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR