E que non teñen reparo ningún en utilizar esta dolorosa lacra e as súas vítimas, mulleres e menores, en favor das súas carreiras, demostrando que a súa implicación se pode cualificar de calquera cousa agás de real e que os seus sentimentos semellan estar feitos de pedra.
Pero, por se algunha dúbida nos quedaba de que non fose así, xa se encargou a vicepresidenta segunda do goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, de despexala, deixando clara a súa total falta de escrúpulos, non dubidando en utilizar a desgraza dun menor no seu favor, que hai que tentar que Sumar remonte, e esta ocasión é que nin pintada para saír nos titulares e potenciar o seu chiringuito.
De novo, lamentablemente, saltou á palestra o caso de Juana Rivas, ao decidir o xuíz permitir, polo momento, que o seu fillo menor, á raíz dunhas declaracións do seu irmán maior afirmando que corre perigo se volve co seu pai tras as vacacións de Nadal, permaneza en España coa nai.
Isto polo momento, porque, en apenas 48 horas, producíronse tres resolucións diferentes. Primeiro, como acabamos de dicir, que permanecera en España, para, pouco despois, decidir o contrario, e unha terceira que lle permitirá, de novo, quedar coa súa nai.
Non imos entrar niso, porque, como xa dixemos no seu día, loxicamente, descoñecemos os pormenores do caso, máis alá do que vemos nos medios, nin somos quen para pronunciarnos. Hai algo que si nos preocupa e nos doe profundamente, que é o vaivén emocional para o rapaz e a tremenda dor que todo isto lle estará a causar.
Ningún neno debería ter que pasar por unha experiencia semellante, que, xunto co que xa leva vivido, lle deixará, sen ningunha dúbida, algunha pegada de por vida.
Polo demais, de novo reiteramos que non nos pronunciamos e se sobre algo tivésemos que facelo sería unicamente para manifestar o noso apoio e o noso agarimo a eses rapaces, a el e ao seu irmán, porque converterse en maior de idade non fai a ninguén menos vulnerable emocionalmente.
Cada quen é moi libre de ter a súa propia opinión, por suposto, pero de aí a pronunciarse taxativamente sobre algo tan grave media un treito, e ben grande, e máis aínda se non lle corresponde en absoluto a quen o fai, neste caso a vostede, Sra. Díaz.
Por desgraza, ademais, sobra quen o faga, do xeito máis imprudente, sen ter en conta que hai un menor que está pagando as consecuencias, menos aínda que a xustiza debe facer o seu traballo, e que os xuízos mediáticos e paralelos o único que conseguen facer é dano, pero tanto ten.
Cos voitres, obviamente, non se pode razoar.
Pero por se non tivésemos abondo cos "expertos" e "abandeirados" de pouca monta, de súpeto aparece a Sra. Yolanda Díaz, á que, polo visto, non lle chega con gobernar o seu propio ministerio, e ben sabe Deus ou quen sexa que boa falta lle fai darlle unhas cantas voltas, proclamando aos catro ventos que desde o goberno se vai facer o posible porque o menor non regrese a Italia co seu pai, e comprometéndose a que así será.
Como se pode ter tan poucos escrúpulos, ser tan inconsciente e estar tan cegada pola ambición, polas ansias de continuar trepando, que non se teña nin o máis mínimo reparo en utilizar a dor dun menor para o seu proveito?
Acaso coñece ela a verdade do que está a pasar realmente? Vive ela co menor, co seu pai, ou con Juana Rivas para saber cal é a verdade?
Porque alcanzar a maioría de idade non implica que non sexas manexable, e con máis motivo despois de ter vivido o que semellan levar nas costas estes dous rapaces (e ollo, non estamos a dicir que sexa así, que quede moi claro, que xa estamos a ver vir o panorama, pero é unha posibilidade, coma outras que se poden dar).
E, aínda que así fose, saír a contalo nos medios ou vía redes sociais non sería, nin de lonxe, o máis oportuno nin o máis beneficioso.
O que tería que facer a Sra. Díaz sería denuncialo onde e ante quen corresponde, e punto, como todo o mundo ante un caso semellante, pero ela con máis motivo aínda, dado o cargo que ocupa, debería dar exemplo non soamente de cales son os pasos correctos para seguir, senón de obxectividade.
A menos, claro está, que dispoña de información privilexiada, en cuxo caso deixaría aos pés dos cabalos ao mesmísimo xuíz, malia que, ben mirado, visto o seu xeito de proceder, non sería nada raro.
Polo que se ve, sería quen diso e de moito máis.
Pronunciaríase do mesmo xeito de tratarse dun caso sen a proxección mediática deste, se a nai, un irmán ou o que fose, do menor, lle pedira axuda, ou limitaríase a ignoralo?
E, xa que estamos a despexar dúbidas, permítanos unha observación: Non lembramos que se manifestara vostede de ningún xeito acerca das 47 mulleres, algunhas con medidas de protección ou afastamento, e dos 9 menores asasinados no 2024.
Esa publicidade xa non a beneficia tanto, non si?
O que si está claro é que o "fenómeno Sumar" resultou non selo tanto, e hai que facer o que sexa para remontalo, mesmo utilizar a dor dun menor se isto redunda no seu beneficio.
Non se pode ser máis desprezable.
Pero non acaba aí a cousa, non...
Por se non abondara co bo facer da Sra. Díaz e as súas incualificables manifestacións, apareceron tamén en escena, aproveitando, como non!, a mediatización deste caso, a ex ministra Irene Montero e a ex delegada de Violencia de Xénero, Victoria Rosell, que, despois de deixar ao seu paso a máis desastrosa xestión no que atinxe á violencia machista, que tantas vidas custou, que lapidaron miles e miles de euros en caprichos fomentando a súa megalomanía en lugar de destinalos a mellorar a protección e a atención ás vítimas, mulleres e menores, teñen a pouca vergoña, por non dicir ningunha, de pretender vir dar leccións e sentenciar sobre algo que non lles corresponde en absoluto.
Ata onde sabemos, as tres son nais, e que conste que a súa vida privada non nos importa en absoluto, pero tan só, e por iso o mencionamos, lles facemos unha pregunta: Como se sentirían se alguén estivese utilizando, ante unha situación tan grave, a dor dos seus fillos para sacarlle rendemento?
Pregariamoslles que se parasen a pensalo tan só por un minuto, pero de corazón, se é que o teñen.
Se lles queda un mínimo, un só ápice, de humanidade, de dignidade, canto ben farían calando, máxime tendo en conta que non deixaron, precisamente, nada atrás do que gabarse, senón todo o contrario.
De feito, moitos nos preguntamos se poden durmir tranquilas, porque as pegadas de dor que deixaron son considerables.
Por que ningunha delas, especialmente a Sra. Díaz, sendo como é a vicepresidenta segunda do Goberno, sae a pronunciarse tan taxativamente cando algunha das mulleres que tiñan en vigor unha orde de protección ou de afastamento é asasinada ou salvaxemente agredida por non ser protexidas como deberían telo sido?
Nese caso non interesa, claro. Mellor calar, axudar a correr a cortina de fume, e aquí non pasou nada. Esquecemento absoluto.
Pouco máis se pode dicir.
A importancia real que os políticos lle dan á violencia de xénero queda, de novo, máis que demostrada, e, polo que ao seu caso concreto atinxe, Sra. Díaz, permítanos que lle fagamos unha suxestión: "Zapateiro aos teus zapatos", e que lle recordemos que estamos a falar da vida dun menor.
Non todo vale para seguir trepando, Sra. Díaz. Non todo vale.
AsociaciónSi, hai saída