O pasado sábado representouse no Centro Social Os Campos de Mourente a obra 'Tiqtoqueiras', creada pola Aula Municipal de Teatro de Pontevedra.
O espazo no que se desenvolve a trama de 'Tiqtoqueiras' ten os límites difusos. Pode ser unha rúa, un hospital, como suxiren as batas azuis, ou os cuartos das nosas casas. Porque elas somos nós, e eses límites que non vemos son os da realidade actual.
A nai de Escarola está alporizada porque a súa filla ten que ir disfrazada de peixeira á escola. Un feito semellante atenta contra os principios veganos que ela leva inculcando á súa filla desde que lle puxera o nome. As peixeiras teñen as mans manchadas de sangue. De sangue de peixe e enfróntase a todo o persoal do centro, aínda que non disfrazarse coma os demais leve á nena a illarse do resto dos seus compañeiros.
Unha das profes de Escarola vive por e para a súa gata, a pesar dun picor insistente no seu brazo ao que non presta a máis mínima atención. Para que a súa filla gatiña teña unha irmá, decide mercar unha Rumba, que alén de limpar o po, acaba facéndose co control da casa, se é que algunha vez o tivo.
Happy tamén ten un problema coa filla. O caso é que deu en teimar na importancia que teñen as cores na ideoloxía, porque á nena volvéronlle a cabeza do revés e só lle gustan os froitos vermellos. Ela, loira natural, pensara tinguir o pelo de roxo pero, como nai, non pode dar tan mal exemplo tendo en conta a deriva cara ao universo vermello da filla. A pequena vai para trotskista e isto provócalle a Happy (xa non tan happy) unha forte crise persoal.
Non lle queda outra que cambiar a nena ás garderías da Galiña Azul, que teñen unha cor moito máis decente, como de dereitas. E o pelo? O pelo xa verá que fai con el.
Nese momento da función, esta espectadora, que está nalgures entre azul e vermello, empezou a chorar coa risa, cousa que non facía dende hai moito tempo. Happy/ Bego quérote.
O problema de Chari-Charito é ben distinto: idolatrada e odiada a partes iguais, ten a súa maior hater nunha antiga compañeira de escola, que a ten por parva perdida.
Chari-Charito vai sempre a fume de carozo, posteando fotos das súas viaxes ao redor do mundo, especialmente as de Punta Cana, porque son instagrameables nivel pro, pero a verdade é que está ata o moño da súa profesión de influencer, que a ten desquiciada, a piques de anular a súa conta con miles de followers e marchar ao Courel, que é un sitio do mundo no que nunca estivo. Alí, probablemente, acabará por atoparse coa súa compañeira sabichona, que tanto a odia, e montarán entre as dúas un hoteliño rural.
Isto último só pasa na imaxinación desta espectadora, moi dada a elucubrar, pero na vida real, a que elas representan malia o que nos pese, nunca se sabe onde acabaremos e con quen.
A estas tolas da Aula Municipal de Teatro de Pontevedra diríxeas Anxo Lourido, aínda que a agrupación, despois de tantos anos xuntos, funciona xa coma unha mancomunidade e nútrese das ideas de todos. Aínda así é Anxo, tan feito ao oficio, quen pon orde no CAOS e failles atopar o camiño polo que queren ir e levar con eles o espectador.
Así, ímonos poñendo morriñentos coa música que protestaba polo estado do mundo, tola por incordiar, coma Rosendo, ou solidaria coma "We are the world", a través dun adicto co nome non casual de Fuxan os Ventos.
Outra adicta encárgase de recordar que a calidade da música da que fala o compañeiro vén sendo cuspidiña á das perreas actuais. Onde estará o enxeño daqueles letristas que foron quen de burlar os censores da Ditadura?
Temos tamén outra adicta ao TikTok que está contentísima de selo, porque non ve onde está o problema, se pode facer o que quere e o que realmente a fai feliz. Os equivocados son todos os demais.
Alguén sentíuse reflectido ata o de agora por algún destes especímenes tan humanos? Pois espere que 'Tiqtoqueiras' dá para moito máis.
Con Cebola perdeu toda a súa capacidade de decisión, e non sabe se a tortilla de patacas queda mellor con ela ou sen ela, porque os seus followers están tan divididos que ten que chamar á súa nai para que a axude a decidir sobre ese dilema existencial e seguramente sobre todos os que lle xurdan na vida cada cinco minutos.
A mesma indecisión ten totalmente bloqueada á tiqtoqueira mergullada na crise dos corenta, que principalmente busca unha maneira fácil de financiar os seus soños de agora en diante. Non acaba de saber se son máis os pros ou os contras desta nova actividade, porque se documenta toda a súa vida e a lanza ao éter cibernético xa non haberá volta atrás e a imaxe é algo demasiado importante como para vendela ao mellor postor. Ou non?
Non vai ser todo malo, nin sequera nas redes, e temos unha tiqtoqueira que promociona libros. Cómpre facelo, porque hai libros coma os de Rosalía de Castro dos que as novas xeracións, e non tan novas, non oíron falar e como todo está ben misturado nas cabezas, pódese promocionar a nosa meirande poeta xunto coa relectura de "50 sombras de Grey" porque o saber non ocupa lugar e moito menos nun disco duro.
As ensinanzas do mestre Grey non parecen facerlle falta a outra compañeira adicta, que está a piques de ensinarnos nun titorial como facer un lazo, e xa de paso, promocionar o chicle Happydent e falar das telenovelas turcas. A cousa váiselle un pouquiño das mans pensando en Can Yaman, o actor, e entre ese pensamento e o sabor forte do chicle, acaba por facer contido cun orgasmo do tamaño do que finxía Meg Ryan na película "Cando Harry atopou a Sally". Os seguidores do titorial quedamos sen saber que facemos coa lazada, pero en todo caso pagou a pena, sobre todo a ela que leva o que leva, e por riba farase viral.
As cousas poden poñerse moi feas coa Intelixencia Artificial como nos conta a Tiqtoqueira á que un luns calquera a oficina quedou totalmente ás escuras. Nin ela nin os seus compañeiros puideron seguir traballando porque se hai un fallo no aparato eléctrico, adeus ríos adeus fontes, e se non funciona a domótica, non sei cando nos veremos.
O persoal da súa oficina xa é algo así como un híbrido entre humano e robot. As conversacións foron substituídas por pitidos, pero para que os pitidos se oian o sistema ten que volver funcionar. De momento, silencio e escuridade total. Só teñen a lanterniña dos seus móbiles para alumearse.
Ante este panorama, outra tiqtoqueira avoga polo analfabetismo dixital. O que antes era non saber facer o O cun canuto, é agora non prender o móbil ou calquera outro aparello, e facer o máis subversivo que se pode facer hoxe en día: Voltar ao analóxico. Retroceder para avanzar. Pechar os ollos para telos ben abertos á vida real que se escapa ao redor noso cada vez que miramos unha pantalla.
Outra actriz recrea o estilo da Rosalía máis "motomami" recreando as escenas da adolescencia máis preocupada polo mundo virtual que polo real, mentres outra recoñece as súas dependencias hidroalcohólicas.
Como mestra de cerimonias enriba de todo do escenario unha doutora/celadora/enfermeira trata de poñer orde no hospital de adictos, pero non está moito mellor ca eles e só consegue berrar coma unha tola e espallar aínda máis o Caos e mais o TikTok.
"Tiqtoqueiras" é un intelixente exercicio teatral co valor engadido de que os textos foron feitos tanto polo director da obra como polas actrices, e conseguen funcionar para cada un deles e mais en conxunto. Todo está misturado con doses xenerosas de retranca e unha posta en escena tan dinámica que non dá tregua nin aos actores nin aos espectadores.
Entre tanto trastorno obsesivo compulsivo -ou TOC- e mais o TikTok, conseguimos engancharnos tamén e seguir o fío que tenden desde o escenario para reflexionar sobre o feito de que estamos nunha etapa importante de transición na que a IA vai revolucionar as nosas vidas. Pode facelo para ben, igual que o resto da tecnoloxía, sempre que teñamos claro que é ela a que está ao noso servizo e non ao revés.
Os científicos falan de homes e mulleres que, de non opoñer resistencia, volverán, tras milleiros de anos de evolución, a camiñar encorvados, coa cabeza gacha por mor do teléfono móbil, coas mans en forma de garra de tanto premer a pantalla, cos ollos secos e menos capacidade auditiva polo uso dos cascos co volume demasiado alto. Alertan da trampa que supón unha sociedade aparentemente máis comunicada que na realidade deixa de comunicarse entre individuos para facelo entre máquinas.
A soidade non desexada xa é un mal do presente e seguirá séndoo nos anos vindeiros, acurtando a esperanza de vida que medrara nos últimos anos. A Tecnoloxía pode facernos a vida máis agradable ou engalirnos coma un burato negro.
Nas nosas mans, aínda non garras, está elixir ben para continuar progresando ou voltar á escravitude.
De todo isto, dun xeito divertido e aparentemente livián fala "Tiqtoqueiras", esta loucura feita con tanta lucidez pola Aula Municipal de Teatro de Pontevedra, outro motivo máis de orgullo para esta cidade tan chea de talento desexando ser compartido.