A mentira é un triste sustitutivo da verdade. Algúns gurús, filósofos ou mesmo científicos, aseguran que a mentira forma parte da evolución humana: o ser humano, ao converterse nun ser social, utiliza este 'instrumento' para sobrevivir na contorna que lle tocou en sorte; é dicir, a mentira pode chegar a utilizarse de xeito reiterado para alcanzar unha infinidade de cousas, ou simplemente para agradar ou embaucar á xente que nos rodea.
Pontevedra é un deses lugares do mundo onde o engano adoita percibirse con maior claridade. Seica isto se produce por aquelo de que a mentira ten as patas moi curtas e, ao ser a vila do Lérez un lugar pouco poboado e moi, pero que moi peonalizado, á mentira atrapámola axiña, por moito que esta queira correr para desaparecer máis aló das lindes pontevedresas e acazaparse para tratar de ser esquencida.
Exemplo do que narro aconteceu recenemtente coas luces do Nadal, cando os xornais nos informaron de que teriamos que agardar pola iluminación das festas ata o 16 de decembro. Un anuncio que o Concello xustificou como unha medida de aforro enerxético e que deu lugar a un hilarante carrusel de despropósitos, incongruencias e embustes. Asegurou nun primeiro momento a concelleira de Festas, Carme da Silva, que o atraso era voluntario, "unha cuestión de coherencia", algo que fixo agromar a indignación dos comerciantes (que se puxeron en pé de guerra e exteriorizaron o seu malestar cunha recollida de sinaturas).
Non tardou nin un suspiro o propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, en saír a matizar as palabras da súa compañeira, argumentando que a medida non era por aforro exactamente, senón "un xesto simbólico” en tempos de crise. Unha aseveración que o rexidor municipal remachou subliñando que o retraso no acendido das luces non era "ningún drama”.
Pero os subterfuxios de Lores non tardaron demasiado en caer ao chan de xeonllos ante un expediente de contratación que constataba que a versión oficial do aforro enerxético facía augas e que as luces tiñan que estar instaladas e funcionando antes do 6 de decembro. Algo que non aconteceu porque o inicio do proceso de convenio debería terse producido en setembro, pero non se solicitou ata o 8 de novembro, cando xa non había tempo material para cumprir esa condición.
Lonxe de admitir que os pillaran en pelota picada, nun renuncio verdadeiramente antolóxico, outros dirixentes do BNG seguiron a pasear o barco pola costa ata que a pelota das escusas chegou á portavoz municipal, Anabel Gulías, quen afirmou, na enésima versión oficial, que o atraso no acendido non era por aforro, senón "unha decisión política” (engandindo que se Pontevedra se converteu en vanguardia de moitas cuestións que hoxe son debate é "precisamente por non seguir a corrente"… Algo que podería asinar o mesmísimo Jácome).
Ergo, o alcalde Lores faltou á verdade e escudouse nunha causa ambiental xusta para darlle sentido ao embuste, e mesmo para tentar convertelo en verdade. Pero unha mentira é unha mentira, e no caso das luces de Nadal, o que é eticamente censurable non é o feito de que estas acendan antes ou despois ou de que un se poida esquecer de tramitar a tempo unha contratación. O que se critica, principalmente, é que un alcalde decida renunciar á honestidade, que o descubran e que, en lugar de pedir desculpas e de dicir "equivoqueime”, continúe defendendo con uñas e dentes algo que é falso.
Lonxe de rectificar, Lores mesmo chegou a escribir unha tribuna aberta titulada 'O cambio climático aquí e agora', que faría chorar a Greta Thunberg. Unha conciencia medioambiental que debeu durar até o mesmo día do acendido das luces: a iluminación seguía funcionando en varias rúas do centro urbano bastante despois de que os pontevedreses devolvésemos os agasallos de Reis. Tamén se reprocha que aqueles que pillaron ao alcalde nesa mentira, sigan a repetila, a comprarlla e a divulgarlla. Cando a un o cazan, se non pide perdón e rectifica, o que corresponde é lembrar cal é a verdade.
Así pois, esta é unha secuencia dunha nefasta comunicación de crise, unha fotografía desa hipócrita ductilidade moral na que os fins xustifican os medios. Ou resumindo o tema nunha frase, tal e como o faría o dramaturgo, actor e poeta francés Molière: "A hipocrisía é o colmo de tódalas maldades”.