Sobre o saneamento da ría

09 de abril 2015

Unha segunda reunión na Confraría de Lourizán será na tarde do mércores preámbulo dun máis que probábel anuncio dun novo plan de saneamento da Ría; un máis dos numerosos plans de saneamento definitivo que se levan anunciado desde as distintas administracións, un saneamento absolutamente imprescindíbel para a recuperación da Ría para o marisqueo, a pesca e as actividades ligadas ao turismo e ao lecer e que a Asociación Pola Defensa da Ría leva reclamando e reivindicando desde o mesmo día do seu nacemento a finais do 1987.

Neste sentido a APDR sería a primeira en celebrar o éxito deste plan de saneamento; pero moito nos tememos que, máis unha vez, esta medida quede tan só nunha actuación parcial e probabelmente chamada ao fracaso ao non atallar a raíz do problema. E temos razóns abondo para pensalo. Cando se comeza por non recoñecer que non abonda con eliminar os vertidos domésticos que ⿿por incríbel que poida parecer- seguen saíndo á Ría sen depurar, que non abonda con resolver os problemas estruturais da depuradora de Os Praceres nin con instalar tanques de tormenta; mentres se siga pensando que a solución virá da man da ampliación da citada EDAR e ignorando ao tempo que o vertido máis importante na Ría, tanto pola súa carga de materia orgánica como polo seu enorme contido en coliformes, é o procedente da fábrica de ENCE, dificilmente se poderá acometer o saneamento que a Ría de Pontevedra precisa.

E a Xunta de Galicia non semella disposta a recoñecer esta realidade, permitindo que a situación de deterioro da calidade das augas da Ría continúe. Mesmo declara estar a prol da concesión dunha prórroga a ENCE no seu actual emprazamento, unha prórroga que viría dar ao traste a calquera recuperación da Ría e da economía da comarca, que en tempos de crise debe vir da man da creación de emprego derivado da explotación racional dos recursos naturais e turísticos. Porque ao goberno galego e ao PP pouco lle preocupa a situación que atravesan estes sectores, pouco lle preocupa a perda de postos de traballo que está a provocar a presenza de ENCE no sector marisqueiro, porque están máis preocupados en defender os intereses da empresa, que son ⿿ao tempo- os seus propios intereses directos, indirectos e inducidos.