Unha segunda reunión na Confraría de Lourizán será na tarde do mércores preámbulo dun máis que probábel anuncio dun novo plan de saneamento da Ría; un máis dos numerosos plans de saneamento definitivo que se levan anunciado desde as distintas administracións, un saneamento absolutamente imprescindíbel para a recuperación da Ría para o marisqueo, a pesca e as actividades ligadas ao turismo e ao lecer e que a Asociación Pola Defensa da Ría leva reclamando e reivindicando desde o mesmo día do seu nacemento a finais do 1987.
Neste sentido a APDR sería a primeira en celebrar o éxito deste plan de saneamento; pero moito nos tememos que, máis unha vez, esta medida quede tan só nunha actuación parcial e probabelmente chamada ao fracaso ao non atallar a raíz do problema. E temos razóns abondo para pensalo. Cando se comeza por non recoñecer que non abonda con eliminar os vertidos domésticos que por incríbel que poida parecer- seguen saíndo á Ría sen depurar, que non abonda con resolver os problemas estruturais da depuradora de Os Praceres nin con instalar tanques de tormenta; mentres se siga pensando que a solución virá da man da ampliación da citada EDAR e ignorando ao tempo que o vertido máis importante na Ría, tanto pola súa carga de materia orgánica como polo seu enorme contido en coliformes, é o procedente da fábrica de ENCE, dificilmente se poderá acometer o saneamento que a Ría de Pontevedra precisa.
E a Xunta de Galicia non semella disposta a recoñecer esta realidade, permitindo que a situación de deterioro da calidade das augas da Ría continúe. Mesmo declara estar a prol da concesión dunha prórroga a ENCE no seu actual emprazamento, unha prórroga que viría dar ao traste a calquera recuperación da Ría e da economía da comarca, que en tempos de crise debe vir da man da creación de emprego derivado da explotación racional dos recursos naturais e turísticos. Porque ao goberno galego e ao PP pouco lle preocupa a situación que atravesan estes sectores, pouco lle preocupa a perda de postos de traballo que está a provocar a presenza de ENCE no sector marisqueiro, porque están máis preocupados en defender os intereses da empresa, que son ao tempo- os seus propios intereses directos, indirectos e inducidos.