Servizos sociais, algo máis que unha mera xestoría

29 de septiembre 2024
Actualizada: 07 de octubre

Antes de continuar, quero deixar claro, como xa teño feito noutras ocasións, que non se trata, nin moito menos, de demonizar a todo un colectivo, no que, coma en todos, hai estupendos profesionais, outros que non o son tanto

Que os Servizos Sociais non se comporten coma unha mera xestoría, que o factor humano que se presupón debería ser a súa principal prioridade e a súa sinal de identidade que axude a facer un pouco mais doados os duros transos polos que as persoas, no caso de SI, hai saída mulleres vítimas de violencia de xénero, pero, para o tema que nos ocupa, tanto ten que falemos de homes coma de mulleres, están a pasar, é unha batalla que vimos librando desde que comezamos a nosa andaina, é que, desgraciadamente, nin gañamos, nin hai indicio algún de que cheguemos a facelo nalgún momento, agás casos moi illados.

 

Esta mesma semana de novo tivemos a demostración, francamente desoladora, por certo.

 

Antes de continuar, quero deixar claro, como xa teño feito noutras ocasións, que non se trata, nin moito menos, de demonizar a todo un colectivo, no que, coma en todos, hai estupendos profesionais, outros que non o son tanto, e tamén algúns que lle farían un enorme favor a todo o mundo, especialmente aos usuarios destes servizos, dedicándose a outra cousa, porque, francamente, semella que no sitio do corazón teñen unha pedra.

 

Sensibilidade, empatía, asertividade, escoita activa, compromiso, son algunhas das características que se dá por sentado deberían definir un traballador social, amén, por suposto, dos coñecementos precisos para levar á práctica todos os asuntos administrativos e burocráticos aos que teñen que enfrontarse cada día, que non son poucos.

 

Neste último aspecto non adoita haber ningún problema, xa que a súa formación é a adecuada, o mesmo que a súa capacidade de traballo.

O gran problema é que, en non poucos casos, dan por sentado, ou iso semella, que a persoa que se senta ao outro lado da súa mesa solicitando a súa axuda, tamén dispón deles, e aí é cando demostran que das primeiras cualidades que acabo de enumerar, e que son, realmente, as mais importantes, andan un tanto escasos.

 

Non son capaces, ou esa sensación transmiten, de poñerse na pel desas persoas que acoden a eles, nunhas condicións anímicas e ás veces mesmo físicas, extremas, esixíndolles unhas actuacións e unhas respostas rápidas, áxiles, para as cales non están preparados por múltiples circunstancias e, en non poucas ocasións, tampouco dispoñen de recursos para telas.

 

Nestes últimos días tivemos, como xa dixen, en Si, hai saída, un perfecto exemplo do que estou a dicir. Un máis, en realidade, dos moitos que xa levamos vendo nestes anos.

 

Unha muller acudiu a solicitar axuda aos servizos sociais do Concello xa que, tras quedar sen traballo, e cunha prestación por desemprego de pouco máis de 400€, atópase nunha situación extrema, a piques de ser desafiuzada por non poder facer fronte ao aluguer da súa vivenda, e de que se lle corte a subministración de luz e gas pola débeda que ten coa comercializadora, débeda que se ve, ademais, incrementada porque esta lle está a cargar, ademais das propias, unhas facturas que non lle corresponden, sen que, por máis que o intentou, consiga aclarar o erro.

Así mesmo, solicitou destes servizos, como é comprensible, un informe de vulnerabilidade, algo imprescindible tanto para evitar eses cortes, e poder tramitar ademais o bono social, para o cal, obviamente, cumpre os requisitos, como para que se suspenda o desafiuzamento, así como para outros moitos trámites.

 

Estamos a falar do mes de abril, e, para resumir, a situación é a seguinte.

 

A débeda que arrastraba coa comercializadora eléctrica, é, na actualidade, maior que a que xa tiña cando chegou aos servizos sociais, xa que foi presionada para que asinara, a fin de evitar o corte, un recoñecemento desta, aínda sen saber que facturas lle correspondían realmente, tanto pola traballadora social, que non moveu nin un só dedo para tentar evitalo, senón todo o contrario como, evidentemente, pola comercializadora, co cal se estableceu un calendario de pagos que fai que cada mes pague case 70€, amén das novas facturas que van chegando, obviamente... na súa penosa situación.

Tampouco se lle tramitou o bono social, que lle foi denegado.

 

En pouco máis dun mes, deberá de abandonar a súa vivenda, porque os meses sen pagar se van acumulando, como é lóxico, malia a súa condición de vulnerabilidade.

 

E todo isto, que se podería ter evitado, sucede porque desde o mes de abril, que contactou con estes servizos, a día de hoxe, xa case no mes de Outubro, o informe de vulnerabilidade non foi emitido ata o pasado Venres, 27 de Setembro, no que, desde Si, hai saída tomamos cartas no asunto, e informamos da nosa intención de trasladar todo isto ao Xulgado de Garda.

 

Pero, dentro do malo, isto non foi o peor.

O peor de todo, é como fixeron sentir a esta muller.

Coma unha auténtica inútil, que pasaba de todo, que demora os trámites pola súa vontade, incapaces de entender que non poden pretender, por exemplo, que se traslade dun extremo a outro da cidade para solucionalos todos nunha mañá, xa que non dispón de vehículo propio, e, debido a uns problemas nas costas, que ademais de resultarlle moi dolorosos, fai que camiñe moi despazo, isto é imposible.

 

O seu estado emocional, xa moi precario, empeorou de xeito notable desde que entrou en contacto con estes servizos xa que contínuamente é cuestionada e posta en dúbida, así como culpabilizada ante calquera atraso que se produce en calquera trámite, e que ela, obviamente, non pode evitar.

 

Algo tan sinxelo como que, para ser atendida en tal ou cal organismo, precisa dunha cita previa, é posto en tela de xuízo pola traballadora en cuestión.

 

Non hai máis que vela para decatarse de que o seu deterioro vai en aumento, algo perfectamente comprensible, xa que se ve soa, sen recursos, cun pe na rúa, mais a traballadora social, non se decata, ou non se quere decatar.

 

O mes de maio foi unha auténtica tortura para ela, xa que, por se non tivese abondo con todo o que ten enriba, foi continuamente fustrigada por esta traballadora que lle repetía a todas horas que marchaba de vacacións en xuño e que tiña que deixar todo arranxado.

 

Cando ela, xa ao límite, lle dixo que non podía máis, e lle pediu que deixara de presionala dese xeito, a única contestación que recibiu foi que debería de acudir a un psiquiatra... Para...?

Para que lle pague o aluguer, ou a luz? Porque ela ten moi claro que lle causa a súa angustia. De feito está claro para calquera que, e perdoádeme, ou é imbécil, ou non se quere decatar da realidade... ou ambas cousas.

 

Este, repito, non é un caso illado, nin moito menos, malia que tamén entendemos que non todos os traballadores e traballadoras actúan do mesmo xeito, pero, e lamentamos ter que dicilo, se un número elevado e preocupante deles.

 

O mínimo que se lles debe esixir aos traballadores sociais é humanidade, capacidade para poñerse na pel daqueles que xa se senten, as veces, coma auténtico lixo.

 

En definitiva, cando alguén acude aos servizos sociais ao límite, e coa autoestima polo chan,o mínimo que agardan atopar é humanidade e a máis elemental comprensión, non unha xestoría que se limite a facer trámites.

 

É pedir tanto?

E se alguén non o entende así, talvez se deba a que está a ocupar un lugar que non lle corresponde.

Así de claro.

 

Asociación Si, hai saída.