Seguimos na mesma

10 de marzo 2024
Actualizada: 18 de junio

Tras a agresión, a rapaza, acompañada, creo que por outra amiga, acudiu a comisaría máis próxima, coa intención de presentar unha denuncia, e ata aí todo ben, pero que, cando chegou alí, para a súa sorpresa, non lle recolleron a denuncia, porque, segundo lle dixeron, xa tiñan os ordenadores apagados

Pasou o 8M, no que nas rúas ateigadas se clamou pola igualdade e polos dereitos das mulleres.

 

Continúan, iso si, o mesmo que nos días precedentes, a celebrarse os diferentes eventos que se prolongarán ata a Semana Santa nos que, se supón, se demostra esa concienciación da que tanto se fala, e, xa que estamos, a xustificar subvencións e demais prebendas con actos nos que se invisten cantidades que dan auténticos arrepíos cando se está a botar a culpa dese dantesco aumento da violencia machista á falta de recursos para a protección de mulleres e menores que viven cunha espada de Damocles continuamente pendurada sobre as súas cabezas por mor dela, esa falta de recursos aos que os políticos e certos colectivos botan a culpa de todo, pero que eles non renuncian a seguir dilapidando para, a súa vez, continuar enchendo os seus petos ou mantendo os seus despachos ou postos relevantes na sociedade, política ou en calquera deses eidos que os converte en VIPS.

 

E, ante este panorama para o que non encontramos cualificativos, ou, mellor dito, preferimos obvialos, tiven, hai uns días, oportunidade de escoitar na Tv. unha desas "noticias" que demostran que nada cambiou, nin nada vai cambiar, e que esa presunta concienciación será patrimonio exclusivo dos e das que tanto a mencionan, porque somos moitos os que non a atopamos por ningures.

 

A noticia en cuestión veu da man dunha desas "expertas" en "feminismo" e en violencia de xénero, das que de todo saben e todo entenden, procedentes dun reality, nos que, polo visto, tanto se aprende, porque saen todos deles cuns aires coma se viñeran de facer un máster, que, en metade dun deses "sisudos" debates que organizan, despois de consultar o seu móbil por enésima vez, interrumpiu a persoa que estaba falando para contar a súa consternación ante unha mensaxe que acababa de recibir.

 

Segundo contou, a mensaxe en cuestión era dunha amiga súa que se atopaba nun local de ocio nocturno cun grupo de amigos, creo lembrar que en Gran Canaria, cando, de súpeto, se presentou a súa ex parella, que a agrediu violentamente diante de todo o mundo.

 

Tras a agresión, a rapaza, acompañada, creo que por outra amiga, acudiu a comisaría máis próxima, coa intención de presentar unha denuncia, e ata aí todo ben, pero que, cando chegou alí, para a súa sorpresa, non lle recolleron a denuncia, porque, segundo lle dixeron, xa tiñan os ordenadores apagados.

 

Visto o visto, optaron por acudir a outra comisaría, na cal, polo visto, se atopou coa mesma resposta, e, unha vez máis, non puido denunciar, ante o cal manifestou a súa intención de non volver a intentalo, co que isto pode implicar.

 

Evidentemente, eu non estaba alí para saber se isto foi certo ou non, porque, de ser así, estamos a falar de algo sumamente grave, gravísimo, pero non o foi menos, cremos, as reaccións dos "expertos" que se atopaban no plató.

 

Coma non podía ser doutro xeito, todos comezaron racharse as vestiduras arremetendo contra o presunto agresor, a condenar a súa agresión, a loar a valentía da presunta vítima por contalo, da colaboradora por darlle voz e a lanzar mensaxes contra a violencia machista, todo isto, por suposto, sementado de aplausos, tanto de todos eles coma do público, pero non se fixo nin unha soa mención, nin unha! ante a presunta imposibilidade de poñer a denuncia en dúas comisarías... por ter os ordenadores apagados, nin unha soa!

 

Todo o mundo o ignorou, coma se o comentario non existira, ou coma se fose o máis normal do mundo.

Vaia, coma se vas ao súper a última hora e che din que teñen as caixas pechadas, coa diferencia de que, ante iso, si que proliferarían as protestas, seguro, e todos o sabemos, pero que unha comisaría peche os ordenadores e imposibilite poñer unha denuncia non ten, polo visto, a menor importancia, e non merece, porén, nin o máis mínimo comentario.

 

Ninguén se indignou, ninguén expresou preocupación ningunha, nin moito menos pediron que se investigaran estes presuntos feitos tan graves, que, de ser certos, estan a poñer en risco, como mínimo, unha vida e deberían ser, ademais, obxecto dun castigo exemplar.

 

Unha vez máis se optou por ignorar a raíz do problema, porque todo canto ten que ver coas FCSE, malia que as eivas en todo canto atinxe a violencia sobre a muller se repiten unha e outra vez, dado o papel fundamental que xogan neste eido, porque practicamente todo o proceso posterior, incluídas, por suposto, a adopción das posibles medidas de protección ás vítimas, dependen da súa inicial intervención.

 

É un tabú enfermizo, ante o que ninguén ousa chamar as cousas polo seu nome, malia que sobran motivos para esixir que se adopten medidas urxentes, independentemente de que estes feitos concretos sucedesen ou non do xeito que relatou a colaboradora en cuestión.

 

Conclusión? Nada mudou, nin nada vai mudar, porque, como ben sabemos, do que non se fala, non existe, porque queda moi ben saír a berrar á rúa, celebrar actos aos que se convoque a "creme da creme", a ateigar as fotos dos xornais de fotos "en lila", ou iluminar os edificios públicos con luz violeta.

 

Cando non se aborda a verdadeira raíz do problema, todo canto se faga é inútil, ademais dunha gran mentira.

 

Cando as raíces da árbore están seriamente danadas, todos sabemos o que pasa. Acaba por podrecer.

 

 

Asociación Si, hai saída