Sabiades que?

18 de noviembre 2024
Actualizada: 10:09

Sabiades que en 1913 conviviron en Viena Hitler, Stalin, Trotski, Tito e Freud?

Sabiades que en 1913 conviviron en Viena Hitler, Stalin, Trotski, Tito e Freud?
Sabiades que en 1913 conviviron en Viena Hitler, Stalin, Trotski, Tito e Freud?Davide Castelo

En 1913, un ano antes de que se desencadearan os tronos funestos da Grande Guerra, na capital do Imperio Austrohúngaro, habitaban, de xeito prodixioso ao velo en perspectiva, algúns dos personaxes máis influíntes do século XX, e en grande medida, da Historia do mundo en épocas recentes.

Cada un coas súas arelas e motivacións.

Sigmund Freud era austríaco de nacemento, moravo se nos poñemos exquisitos. Adolf Hitler tamén, plenamente, de familia austríaca e nado en Austria, aínda que segue a ser un dato que a moitos chama a atención. Freud era xudeu. Sigismund Schlomo Freud, pronunciado Froiz, coma a cadea de supermercados, era o seu nome de nacemento. Pouco que dicir do pai da psicanálise. Viviu practicamente toda a súa vida en Viena. Fuxiu en 1939 a Londres, xa cun cancro terminal, e alí finou. E fuxía, claro, do outro austríaco, do rapazolo que en 1913 tiña 24 anos e vendía aínda nas rúas de Viena estampas da cidade pintadas por el mesmo, tentando sobrevivir, nunha espiral bohemia e amargada, doída polo rexeitamento da Facultade de Belas Artes, co que afociñou até en dúas ocasións.

Freud marchou da capital imperial pouco antes de que o mandasen deter. As súas irmás ficaron e detivéronas deseguida. Morreron remexidas nos trazos dun dos grandes lenzos que acadou pintar Hitler, o campo de exterminio.

Tito tamén vivía nun arrabalde de Viena no 1913. E, sendo rigorosos, tamén era austríaco, xa que naceu na Croacia, e alí mandaba o káiser de Viena, porque aínda que co tempo se teña esquecido, o de Viena eran tan káiser, tan emperador, coma o de Berlín. De pai croata e nai eslovena, o seu nome de berce era Josip Broz. De familia campesiña, gustábanlle os temas do metal e a mecánica, e marchou cedo a traballar de factoría en factoría por terras xermanas, coma aínda fan a día de hoxe, e nunca deixaron de facer, unha miríade de balcánicos. Estivo na Mercedes e logo foi á Daimler, en Viena. E nese intre xa era un notábel líder sindical. Dos duros. Porque no sector do metal non andan con caralladas.

Trotski e Stalin eran exiliados rusos, ou nados no Imperio ruso tsarista, a mellor dicir. Trotski xa estaba instalado en Viena antes da chegada de Stalin. Lev Davídovich Bronstein, de sobrenome Trotski, era tamén xudeu. Nado no que a día de hoxe aínda é Ucrania (en Khersón, quizabes vos faga un ring). Xa tiña unha sona acadada na cidade. Era toda unha atracción vienesa, coas súas apaixonadas discusións e arengas políticas no Café Central. Daquela, un notábel político austríaco moqueouse da posibilidade de que en Rusia estralara unha revolución se o tsar se enleaba nunha grande guerra europea, que xa se ventaba. E quen a vai liderar, Bronstein?, ou algo polo estilo, din que dixo.

En 1913 chegou Stalin, baixo un nome grego, falso, e o encargado de recibilo foi Bronstein. Este novo camarada non lle caeu nada ben. Definiuno como brután, antipático, sinistro. Seica era un tipo baixiño e fraco, pouquiña cousa, cun esaxerado bigote, a cara picada de varíolas e unha mirada que metía medo. Iósif Vissariónovich Dzhugashvili, que pra entón aínda non se daba en alcumar Stalin oficialmente, nacera na Xeorxia, lugar bastante popular tamén nos últimos tempos en telexornais e notas deportivas. Naquel tempo prestáballe que o chamasen Koba. Nome dun vello heroe xeorxiano. E tamén do bonobo vilán do máis recente reboot da saga de "O Planeta dos Simios", violento ditador antagonista do líder, o xusto César. Non é que en Hollywood lle escolleran o nome por casualidade.

Imaxinade un día, unha vienesa tarde de 1913. No Café Central, na vellísima Harrengasse. Na inmensidade oceánica das mesas hai unha, sempre reservada, apoiada contra dunha das abovedadas fiestraxes que dan á rúa. Freud trata de lle explicar a Stefan Zweig, outro xudeu austríaco vaia, o tema do Eu, do Id, o Ego e mailo Superego, insistíndolle en que, ao cabo, todo está motivado pola libido. Zweig anótao nunha libretiña; seméllalle interesante pra lle dar un desenvolvemento verosímil aos personaxes dunha traxedia que lle bule no maxín.

Nas outras mesas tamén hai serenas conversas, solitarios lectores de xornais e plácidos xogos de xadrez. Nunha das centrais móntase de súpeto un barullo. Era cousa agardada, por acostumada.

Trostki súbese derriba do taboleiro, berregando que ningún traballador será libre namentres exista o capitalismo. Un sistema social e económico comenenciudo, desigual, inxusto, onde a maioría é explotada ao xeito do feudalismo ou do escravismo! Que espeta nos nosos sisos a enganosa fantasía de que seremos quen de progresar, de medrar, de nos enriquecer! Pra que non nos queixemos! Ou pra que sexamos, á nosa vez, explotadores!

Freud detén con fastío a lareta con Zweig, volve á súa pipa e pensa no ben que viría que Bronstein desafogara a súa libido pra deixar de amolar. Asáltao de paso a doce lembranza daquela mañá, do xeneroso busto da panadeira ao se inclinar sobor do mostrador pra lle entregar a barra, e tuse pra afastar a imaxe. Sen dúbida a baguette ten aí un compoñente fálico, estima namentres chucha nervioso na pipa.

O sindicalista Josip Broz, nun recanto remoto, aplaude con furia, e érguese entusiasmado. Fai a longa viaxe no ómnibus tódalas tardiñas que lle é posíbel, ao saír da fábrica, só pra escoitar a Trostki. Mírao con ollos de namorado. Poida que hoxe se achegue a saudalo.

Baixo os zapatos do empoleirado Trostki, arrecunchado na cadeira está Koba, adusto e contrariado. Pensa que Bronstein predica no deserto, que a forza bruta é o que de veras espallará o comunismo. Seméllalle un neno sabichón, ansioso de atención. Dalle noxo. E, deixándoo coa prédica, marcha encabuxado, guindando co asento.

Namentres, Adolf sae tamén aborrecido dunha exposición de Klimt e Egon Schiele preto do Belvedere, á que foi cun par de compañeiros de pensión. Din aqueles que é marabillosamente vangardista. Retrúcalles Hitler que aquilo é decadencia pura, desleixamento do sentido artístico, e chegando a discutir con eles amosando os puños, encolerízase de vez e marcha só.

Con gana de se embebedar, pérdese polas rúas baldroeiras a carón do Danubio, cheas de tascas e casas de lurpias, e baixa os chanzos dunha das súas baiucas habituais, especialmente decadente, especialmente barata. Pídelle un par de cuncas ao taberneiro, e despois outras dúas. E segue así, sen lle prestar máis atención á suma alcohólica.

Á mesma tasca vai parar case a tombos Koba, pra entón co carro igualmente cheo de cuncas. Cavila que o nome de Stalin denota máis forza, xa que quere dicir "feito de aceito", e conclúe con etílica determinación que a partires de mañá non deixará que ninguén o chame doutro xeito. Senta nunha mesa que a piques está de cuspilo ao chan e dubida logo se será axeitado pedir alí un vodka.

–Decadentes, decadentes... todo é decadencia –comeza a farfallar atropeladamente Adolf, en alta voz, guindando golpes no mesado da barra.

–E que o digas, compañeiro, a sociedade e os homes están apodrentados –resposta en automático Koba-Stalin, coma se lle estivesen a ler o pensamento.

Adolf vírase no tallo e tenta fixar na escuridade quen o anda a replicar. Fita de riba pra baixo pra aquel pequeno home de ollar vidroso.

–E ti quen carallo es? Non serás xudeu, non? Tes toda a facha. E o acento!

–Non, non me ofendas. Odio aos xudeus. Falan, falan e falan, e non fan nada... Estou até os narices deles! Mellor canto máis lonxe!

Adolf achégase troupeleando á mesa do que mañá será Stalin.

–Amén, amén. E logo, non serás eslavo? Algo diso soas...

–Non! Aos eslavos hai que atalos en firme, sonche outros lercháns que pouco fan por si.

–Arre Demo! Pois si que es dos meus, compañeiro. Convídoche a unha. Non me respondiches. Ti non es de aquí...

Hitler acada sentar ao fin, cando a cadeira deixa de abanear nos seus ollos.

–Non. Son... grego. Exiliado... e teño raíces no... Cáucaso.

–Ario, logo. Mais non das o perfil pra nada, xa cho digo eu. Non mo tomes a mal. Admiro moito a cultura e a arte grega, sabes? Fina, fermosa, clásica... Escoitaches a Wagner?

–Que é un... "ario"?

–Xa sabes, coma os viquingos, os godos, os nibelungos... altos, fortes, belidos, loiros...

–Pois o que é ti, nacho, non é que sexas tampouco un gran exemplar... ario.

Touché.

Ámbolos dous rompen a rir coma paifocos.

E así seguiron, até o alborexar, borrachos pingando, cantando cancións de adega e amizade eterna.

Mil novecentos trece, amigos. Érase unha vez en Viena.