Sabiades destas dúas noitevellas nas que o mundo cambiou radicalmente?

30 de diciembre 2024

Foron dúas noitevellas recentes, dun século XX que xa quería ir indo. As dos anos 1991 e 1999. As dúas mudaron, dun xeito ou doutro, o rumbo da Humanidade.

Derradeiro desfile militar da URSS, o 7 de Novembro de 1990, día da Revolución

Derradeiro desfile militar da URSS, o 7 de Novembro de 1990, día da Revolución. SPUTNIK

A primeira foi abrupta. Unha ruptura dramática do status quo. Significou a caída dun imperio mastodóntico, a súa extinción inmediata. E nese intre fuxidío, no pasar dun día ao outro, apareceu algo novo, unha páxina en branco por escribir. O Aninovo foi xa parte dunha nova Era, esta na que vivimos, que instaba a esquecer a gastada e ameazante expresión "Guerra Fría". Foi a Noitevella que pechou a lenta ruína soviética.

A segunda Noitevella é un bonus track da primeira. Unha consecuencia da mesma, un acontecemento pequeneiro e prosaico tamén á sombra dos montes Urais. Sen terremoto institucional. Pero que, así e todo, foi determinante pró noso mundo cotián, pró hoxe, pró agora. Prá loucura reinante e prá xeopolítica.

Até fai poucos anos non sabíamos que ía ser tan sobresaínte. Poida que daquela a única pista fose o temido "Efecto 2000". Era quizabes un presaxio de que esa Noitevella de 1999 ía traer, entre outras cousas, unha nova percepción das capacidades da informática. Plenamente utilitarista e ominosa.

Ímoslle, logo, botar un ollo a esas dúas noites de fin de ano, a como se chegou a elas e que transcendencia tiveron.

O 31 de Decembro de 1991, o glacial río Moscova presenciou a constatación xurídica dun feito. Era o final, de pleno dereito, da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas.

“Viva a Gran Bandeira Invencíbel! Marx Engels Lenin Stalin!” Famoso cartel propagandístico soviético
“Viva a Gran Bandeira Invencíbel! Marx Engels Lenin Stalin!” Famoso cartel propagandístico soviéticoDominio público

 

Tras das badaladas e dos fogos de artificio na Praza Vermella do Kremlin, a Unión Soviética deixaba de existir formalmente e a tódolos efectos.

Coa súa morte, no Aninovo de 1992, a Federación Rusa pasaba a ser xuridicamente o seu Estado Sucesor, asumindo como propias as súas débedas, obrigas internacionais e propiedades de ultramar. Tamén nacía oficialmente a Comunidade de Estados Independentes (CEI).

A URSS xa comezara o derrubo antes desa data e, dende o día de Nadal, no Kremlin ondeaba só a tricolor rusa. A bandeira non indicaba oficialidade ningunha. Era así por causa dunha rabecha de Boris Eltsin, que mandara arriar sen cerimonia a vermella da fouce e o martelo, incumprindo o acordo con Mikhail Gorbachev.

Todo porque Gorbachev omitira o nome de Eltsin no discurso de Nadal onde presentaba a renuncia como presidente da URSS, falando só de causas estruturais pra se referir ao colapso. O medrado orgullo de Eltsin non foi quen de soportalo. Agardaba que resaltase o seu papel protagonista, principal, na destrución soviética.

Porque esta tamén é a historia da pugna entre un home ecuánime e calmo, recoñecido pola mancha encarnada na fronte, contra dun home bébedo e arroutado, que só conservaba tres dedos na man esquerda.

Discusión de Mikhail Gorbachev, presidente da URSS, e Boris Eltsin, presidente da RSFS de Rusia.
Discusión de Mikhail Gorbachev, presidente da URSS, e Boris Eltsin, presidente da RSFS de Rusia.Dominio público

Así é que por 6 días, até que chegou o Aninovo, moitos cidadáns da esmorecente URSS viviron no desacougo, sabendo que nin o Exército Vermello nin os seus mandos tiñan orde de recoñecer a Eltsin como líder até o 1 de Xaneiro. Non eran poucos os que agardaban que o depuxesen antes da Noitevella, deran un golpe na mesa e revertesen toda aquela situación de pesadelo.

Mais iso non aconteceu.

Non imos falar das orixes da disolución da URSS, da perestroika e da tentativa de transición a un modelo capitalista semellante ao chinés que pretendía Gorvachev. Levaría demasiado. Diremos só que xa estaba en descomposición aberta, tocada de morte, dende antes do falido golpe de Agosto, no que Eltsin se erixira vitorioso fronte aos tanques dos militares nostálxicos dunha URSS máis unida, pechada e autocrática. Ese golpe que colleu a Gorvachev bañándose en Crimea.

Foron pezas de dominó empurradas unha tras doutra. Precipitáranse xa en 1989, coa caída do Muro de Berlín. Logo tombaron os réximes afíns do Pacto de Varsovia. Despois levaron á vaga de referendos e declaracións de independencia das repúblicas soviéticas.

Eltsin pronunciando un discurso derriba dun tanque, no fracasado golpe de Estado de Agosto de 1991
Eltsin pronunciando un discurso derriba dun tanque, no fracasado golpe de Estado de Agosto de 1991Dominio público

Pra Decembro de 1991 xa se sabía que non lle había que facer. Que só restaba meter ao cadáver no cadaleito de xeito ordenado.

Eltsin, xunto aos presidentes de Ucraína e Belarús, abateron a última peza o día 8 de Decembro. Nunha xuntanza ás agachadas de Gorbachev, na sauna dun pavillón de caza da reserva natural de Belovézhskaya. Decidiron que as tres nacións, como creadoras da URSS en 1922, tiñan todo o dereito agora a dar por acabado o experimento. Asinaron, riron e libaron xenerosas doses de vodka.

Disque o ucraíno e mailo belaruso houberon remolcar a Eltsin, caneco redondo, á cama. E que dende alí telefonou a George Bush Sr., pra informalo da angueira.

Ao saber Gorbachev acerca da determinación tomada na sauna, asumiu deseguida que non había máis marxe de manobra.

Xa que logo, o día 18 de Decembro, nunha tensa e longa reunión, os inimigos xurados, Eltsin e Gorbachev, acordaran soterrar a URSS. Asinaron que pasaría á historia definitivamente no derradeiro minuto de 1991. Pactaron tamén os pasos institucionais a seguir até o día 31.

Gorbachev quería dimitir o día de Noiteboa, mais Eltsin convenceuno pra que o deixase pró Nadal, pra non lle amargar a cea á boa xente da Eurasia. Tras de moito tira e afrouxa, quedaron en que a bandeira que ondeaba fronte do mausoleo de Lenin se arriaría en Noitevella, nun acto cerimonioso, e que o 25, tras da renuncia, Gorbachev entregaría a Eltsin en man e con toda a dignidade soviética ochemodanchik, o maletín nuclear, e mailos códigos de lanzamento.

Maletín nuclear soviético dos anos 80
Maletín nuclear soviético dos anos 80Dominio público

Os seguintes días foron a representación teatral do xa pactado. O día 21 celebrouse en Almati, entón capital de Casaquistán, o cumio de once repúblicas soviéticas (todas agás as bálticas e Xeorxia) que escenificaba o protocolo de creación da CEI, o novo marco de relación entre elas.

O mesmo día 21, tras da formalidade de Almati, a televisión rusa informaba que a URSS xa non existía.

O día 25 renunciou Gorbachev, no seu discurso así mesmo televisado, declarando o seu cargo extinto. Sen amentar unha soa vez ao odiado Eltsin. Con toda a idea.

Así foi que o iracundo presidente ruso incumpriu as partes simbólicas do acordo, esas que deixan fotografías senlleiras, coa única arela de lle devolver o desdén a Gorbachev. Un acto pueril que lle puido custar a transición. Salvouno que entre os xenerais tamén ciscara a desunión.

Amais de retirar a bandeira vermella de xeito inmediato, non acudiu a recoller o chemodanchik e os códigos. Mandou ao seu ministro de Defensa, amosando que Gorbachev xa non estaba ao seu nivel.

O día 26, o Soviet Supremo, o alto corpo lexislativo da URSS, votou a súa propia disolución. Antes de concluída a sesión, os operarios xa retiraran a placa da entrada.

Asemblea conmemorativa do Soviet Supremo nos anos 70
Asemblea conmemorativa do Soviet Supremo nos anos 70Dominio público

O Exército Vermello e as forzas policiais soviéticas continuaron termando da URSS até o traspaso oficial do Aninovo, seguindo a orde dada por Gorbachev o día 18.

Logo diso, sendo xa 1992, Eltsin foi nomeado xefe supremo das forzas armadas, desmantelou axiña as súas xerarquías e respirou tranquilo. Rusia ocupou o asento da URSS nos organismos internacionais. E Eltsin tivo ao fin a súa época de protagonismo. Terríbel pra todos.

Corrupción xeral, saqueo masivo, mafias e oligarcas. Unha defectuosa vitoria en Chechenia que reduciu Grozny e a moral do exército a escombro. Agonía, xenocidio económico, impagamentos de débeda e miseria a varrer. Foi moito peor que a Gran Depresión.

En 1994, Eltsin recoñeceu que a metade da poboación rusa vivía na pobreza. Rematou de se alcoholizar. Non pasaba día sen acudir á botella. En 1995, no medio da resaca, foi o primeiro líder mundial, e único até onde sabemos, que activou o maletín nuclear. Por causa dunha sonda meteorolóxica norueguesa. Os seus asesores retiráronllo antes que premese o botón branco.

Senlleira imaxe de Eltsin, bailando ebrio nun concerto de 1996
Senlleira imaxe de Eltsin, bailando ebrio nun concerto de 1996Dominio público

E por ese camiño foi parar Rusia ao final de 1999, á outra Noitevella transcendental da que falamos, despois de Eltsin. Esa que no momento non semellaba ter grande importancia pero que co tempo traería aparellada unha mudanza substancial no mundo. Foi un sinxelo troco de cromos. Outro traspaso de maletín nuclear. O poderoso xurdimento dunha figura política clave.

A ben seguro xa sabedes de quen falo. Acadou un papel perigosamente decisivo na xeopolítica mundial. Mais non nos imos deter en referir esa crónica sabida.

Imos ver como o tremendo poder co que foi investido este persoeiro naquela Noitevella explica o noso entorno actual dende outro punto de vista: o dun ecosistema asolagado defake news.

Hai moitos factores patentes que perfilaron esta nosa cotiandadede embustes mediáticos, diarios e masivos. Ten que ver, por suposto, coa crise do capitalismo sen freo e sen consecuencias, ese que quere que os estados aporten o mínimo no social e sexan, pola contra, máximo aval prás súas perdas. Co empobrecemento xeral subsecuente e coa rabia que del mana. Mais tamén, moitísimo, con el.

Porque as fake news non son unha novidade. Son e serán sempre síntoma de ambiente prebélico, por ser a directriz básica dunha axencia de contraespionaxe tipo, xa dende antes da I Guerra Mundial: sementar no inimigo ruído, confusión e dúbida. Transformalo nun polo sen cabeza, tardo nas reaccións e, con sorte, capaz de se automutilar.

Reunión da Dirección Xeral de Intelixencia do Estado Maior das Forzas Armadas da Federación Rusa, co eminente logo do GRU
Reunión da Dirección Xeral de Intelixencia do Estado Maior das Forzas Armadas da Federación Rusa, co eminente logo do GRUSPUTNIK

 

Dende a súa amplísima experiencia nese eido, impulsou a tal directriz, que por suposto, ha ser desenvolvida sempre ás caladas. Antes de 2011 xa era pioneiro no emprego das novas tecnoloxías pra este fin. E sábese sobradamente hoxe que entre 2011 e 2016 o GRU, o servizo de intelixencia militar ruso, levou a cabo múltiples operacións de cyberwarfare en Occidente, pra fomentar na opinión pública posicións extremistas. E digo múltiples só polas que foron desartelladas e das que se puido observar o seu incríbel alcance e extensión. A maioría non se detectaron e fixeron labor.

Hai quen lle atribúe a esta e outras axencias rusas a propia creación orixinal das granxas de bots. En 2019, axentes das intelixencias bálticas alertaban da súa cada vez máis sofisticada estratexia de guerra psicolóxica, xa apenas detectábel e, por tanto, de maior éxito.

As redes sociais, que a NSA norteamericana patrocinou e fomentou pra obter maior control e coñecemento dos individuos, transformáronse, por esta interesada influencia rusa cando estaban a nacer, en campo de batalla cotián das grandes potencias. Agora é un todos contra todos. Chineses e norteamericanos non quedan atrás.

Granxa de bots asiática onde un só operador controla centos ou milleiros de contas
Granxa de bots asiática onde un só operador controla centos ou milleiros de contas

 

Podes crer que estás a discutir de política nacional. Ou de miudezas locais. Mais xa non é de todo así. Alí discutes porque a alguén lle interesa que discutas, que gardes rancor e que te polarices. Todo é rexistrado e súmase á estatística, que serve pra reformular algoritmos e mellorar estratexias. Agora até adestras IAs. Ás veces estás a rifar con unha e nin te decatas.

A partires disto, calquera pode conxecturar o que queira. De feito, xa deu pra desenvolver moitas teorías da conspiración. Que precisamente son parte, e froito desexado, da confusión xeral. A constatación do trunfo dunha axencia de contraespionaxe.

O que é innegábel é que os humanos funcionamos, no inmediato, movidos por dúas cousas: o atavismo e o respaldo do número, da multitude. A análise de datos masivos posibilitou empregar esas dúas cousas coma ferramentas.

Que o discurso político da mentira sistemática funcione non é casualidade. Somos atávicos sempre, cando recibimos unha impresión negativa. Se alguén nos xoga unha mala pasada, o primeiro pensamento é botarse á súa gorxa, arrincarlle os ollos. Logo, a reflexión, a consideración e a calma ocúpanse de poñer as cousas en contexto. No contexto da vida en sociedade. No vive e deixa vivir.

A inxente cantidade de datos recollidos amosou que as reaccións atávicas, primarias e viscerais, boas ou malas, atraían máis fieis. Que os individuos primarios e egocéntricos se perciben instintivamente como máis fortes e poderosos. E os reflexivos como insulsos, aburridos, febles.

Chuvia de código informático verde, icónica imaxe do filme The Matrix de 1999
Chuvia de código informático verde, icónica imaxe do filme The Matrix de 1999 WARNER

Os datos amosaron tamén que as mentiras se transformaban en verdades se existía número abondo de xente que as sustentase. E en algures prendeuse unha bombilla. Había como facer que ese respaldo medrase artificialmente. Centos e miles de bots, redes centradas no propósito, afianzan a mentira co recoñecemento do número.

E aí é onde os individuos medios, non os baleiros bots, entran en xogo. Ven unha mentira, pero chimpada por un individuo primario, forte. Ven o respaldo do número que o acompaña. Aos máis, déixaos coa dúbida. Semellaba mentira, pero... Terá algo de verdade? Son eu o que non se decata? Será que realmente é verdade?

Confusión, aínda que sexa temporal. E logo, os menos, os que non teñen costume ou tempo de reflexionar, súmanse aos bots e reproducen a mentira. Pero tamén algo confundidos. Algúns deles rematan sendo conversos, elixen crer. E todo medra de xeito exponencial.

Trumps, Farages, Le Pens, Bolsonaros e demais, florecen, con toda lóxica, neste artello propiciatorio, neste ecosistema artificial, nesta matrix onde nada é o que parece.

E en boa medida, se o noso mundo é agora así, como explicabamos, é porque o 31 de Decembro de 1999 un Boris Eltsin desfeito física e mentalmente, dimitía, deixando o poder en mans do seu Primeiro Ministro.

Acto oficial conxunto de Eltsin e o seu Primeiro Ministro en 1999
Acto oficial conxunto de Eltsin e o seu Primeiro Ministro en 1999SPUTNIK

O día de Aninovo do 2000 a xente aínda saía fascinada dos cines pola Matrix orixinal, a dos/das Wachowski. E tentaba afastar o medo que lle meteran no corpo co vaticinado cataclismo mundial que seica traería o "Efecto 2000". Parchearan o bug no Windows 98 e non pasou nada.

Ese 1 de Xaneiro foi o primeiro día no cargo dun escuro burócrata que daquela se valoraba coma pequenote e miñaxoia: Vladimir Putin.

Dezaseis anos como oficial de intelixencia exterior da KGB, co rango de tenente coronel, chegáronlle, porén, pra coñecer da utilidade de inocular confusión e extremismo no inimigo.

Abondáronlle pra ver o seu sentido práctico básico: ti permaneces estábel, forte e sen oposición até nos contextos máis difíciles, e contemplas como eles se deixan esfarelar dende dentro por catro estupideces.

Un pouco como aquel que, dotado dunha paciencia infinda, sentaba no ribazo do río Ganxes un día tras doutro, agardando que baixara aboiando polas augas o corpo inerte do seu inimigo. Se o veleno que lle cuspiches medra e chega a rebordar o seu sistema, tarde ou cedo crebará a estrutura do seu corpo. E unha noitevella calquera asistirás á súa caída, como pasou coa URSS.

Un tripulante de tanque soviético é aclamado pola xente das rúas ao ondear a bandeira rusa, en Agosto de 1991
Un tripulante de tanque soviético é aclamado pola xente das rúas ao ondear a bandeira rusa, en Agosto de 1991Dominio público

E Putin, o que se di paciencia, tamén semella posuír. Pertencía aínda ao KGB cando esa todopoderosa axencia encirrou ao exército pró golpe de 1991, humillando a Gorbachev e elevando a Eltsin. E axiña, ese borrachón sería o seu mentor. Como se lle debese un gran favor.

Especulación, conspiranoia, mentira, realidade ou media verdade? Quen sabe. Só é un aporte máis á confusión. É así de sinxelo sumar.