Sabiades que Australia librou unha Guerra Civil contra os emús que ademais perdeu?

13 de enero 2025

En 1932, cando comezou a Guerra do Emú, había en toda Australia seis millóns e medio de poboadores humanos e probabelmente máis dun millón de poboadores emús.

Australia e a estrambótica Guerra Emú de 1932
Australia e a estrambótica Guerra Emú de 1932Davide Castelo

 

O emú é unha ave non voadora, endémica de Australia, semellante á avestruz, que soe acadar os dous metros de altura. Son pois, animais grandes e potentes, moi potentes. As súas patas son quen de derrubar valos metálicos con facilidade. E tamén son moi rápidos, chegan aos 48 quilómetros por hora, como quen di, ao trote. Pra poñelo en contexto, o correcamiños (Beep, Beep, Fodeccyx Coiotus) anda polos 32. Non son bechos cos que conveña andar á leria. Aínda que iso, o de non fozar ou andar a xiringar, pode aconsellarse ante case calquera cousa coa que un topa en Australia.

Australia é un país diferente, cheo de animais revirados e velenosos, onde até as pedras te poden matar. Hai 70 especies de serpes pezoñosas, e nove das dez máis letais da Terra atópanse alí. A taipán do interior ou cóbrega feroz podería matar máis dun cento de homes dunha soa chantada. E ten o hábito de morder tres veces, coma se tivese que asegurar. Non fai falla deterse no amplo mostrario de arácnidos e alacráns.

E diredes, inxenuos, os canguros non fan mal a ninguén. O carallo. Os canguros rebéntante a puñadas á primeira ocasión, e logo patéante até que ficas paxariño. Non serei eu quen os culpe. Non lle faltan motivos.

E os koalas, que me dis dos koalas? Osiños agarimosos, indefensos, de tenro ollar. Error. Esa besta amorosa só agarda a que a collas no colo pra saltarche na aña e comerte vivo. Non vos confiedes con nada que proveña de Australia. Quedade con isto: Australia mata.

Esaxeras, oh. Home, si, un pouquiño si, cumpría darlle un pouco de dramatismo. Pero en liñas xerais, reafírmome: Australia mata.

A un Clint Eastwood mozo, en Australia, baixaríanlle os fumes.

Póster do filme “Mad Max Fury Road” (2015), relato de fermosas aventuras distópicas inspiradas no Outback australiano

Póster do filme “Mad Max Fury Road” (2015), relato de fermosas aventuras distópicas inspiradas no Outback australiano@WARNER

 

Todo ese devecer por matar que ten Australia provén da paisaxe e a desproporción. Comecemos polo coñecido entorno, agradábel e marabilloso, que a George Miller lle deu pra idear as idílicas historias de Mad Max, pura exaltación da amizade, coas súas bucólicas contendas motorizadas entre gardiáns da gasolina. Todo iso e máis ven sendo o Outback, que tamén chaman por aqueles lares o Never-Never, co fin de quitarlle aos incautos toda gana de ir pintar nada alá.

O Outback representa o 70% de extensión total de Australia. Caberían dentro, desafogadamente, tódolos países da Unión Europea, e aínda ficaría un anaquiño, case millón e medio de quilómetros cadrados pra meter, por exemplo, a Mongolia. Contén dez desertos, onde só reside o 3% da poboación e, aínda que pareza mentira, en inverno xea. Desertos estes, ademais, cheos de camelos (dromedarius e bactrianus). Sí, en Australia. Trouxéronos ao principio da colonización. Hoxe pasan do millón, e hai literalmente máis camelos que humanos no Outback, o que lle da ao país pra ser o maior exportador de camelos do mundo. Case o que nos pasa a nós cos seus eucaliptos. Árbores que lle comen todo nutriente á competencia. Que vos dicía? Australia mata.

Xa temos a conciencia xeral de que en Australia todo é desmesurado, aínda sen que eu andase a dar detalles. A xente, a fauna, a flora, adáptase a ese ambiente desmedido e adverso. Os resultados desa adaptación acostuman chocarnos, por contradicir os nosos instintos e sentido común. Os desaforados éxitos das especies invasoras, mesmo, dan pra un meme sen fin.

Dingo anoxado impoñendo o seu punto de vista
Dingo anoxado impoñendo o seu punto de vista© Mark Piekarz

 

Quizabes non coñeciades da Dingo Fence. Alá pola linde oriental do Outback. Unha sorte de muralla china de 5.600 quilómetros, isto é, uns 2.400 máis que toda a extensión da fronteira entre México e os Estados Unidos. Un valo que vai de Queensland a Nova Gales do Sur, cuxo propósito é manter afastados aos dingos das zonas máis poboadas e de maior concentración de granxas ovelleiras. É a testemuña doutra eterna guerra australiana. Os dingos son agora coma os xermanos puxando alén do limes romano.

Todo, todo, absolutamente todo, está sobredimensionado en Australia. Unha derradeira curiosidade do Outback. Hai un tren que o cruza en diagonal. Trátase do The Ghan (de THE AfGHAN Express), e carreta en cada viaxe 44 vagóns. A tal fileira ten 1,2 quilómetros de lonxitude e é coma unha cidade en movemento. Amais dos apartamentiños prós pasaxeiros, ten tendas, restaurantes das máis variadas especialidades, vagóns de luxo e mesmo un balneario. Non é chanza. Fai o percorrido de Darwin a Adelaida, pasando por Alice Springs, e lévalle máis de dous días.

Abonda. Asumimos xa que probabelmente non haxa lugar máis axeitado no planeta pra librar unha guerra absurda de desenvolvemento extravagante.

The Ghan percorrendo o Outback
The Ghan percorrendo o OutbackCC BY 2.0 Publicity Photo

 

E aquí ven logo a Guerra do Emú, nesa sorte de epicentro do esperpento, que diría Valle, do upsidedown, do todo ao revés, que é Australia. No 1932, como xa fixaramos ao comezo.

Ese ano, unha asoballante forza de vinte mil unidades de infantería emú saíu do pandemonio do Outback cara occidente, en dirección á rexión doWheatbelt (Cinto de Trigo), que arrodea a cidade de Perth. Nos anos inmediatos medrara extraordinariamente o número de granxas nesa zona. As forzas emús leváronas por diante.

Foi o casus beli, o Pearl Harbor emú.

Mandábaos o Xeneral Migración. Porque o único que facían era iso, migrar. Os humanos plantaran as granxas no seu itinerario habitual de paso. Despois, os emús decidiron ficar, ao haber alí moito que papar.

O ministro de Defensa humano non o dubidou. Enviou ao exército. Veteranos da Gran Guerra con dúas metralladoras Lewis. Ao mando, o maior Meredith. Pomposo el, xurou vinganza, a recuperación de toda a terra conquistada, prometendo plumas de emú a varrer, abondas pra que todos e cada un dos xinetes lixeiros do exército australiano puidesen engalanar os seus sombreiros.

Acompañábaos un cámara do Noticiario da Fox e algún outro xornalista. De xeito que a poboación local puido seguir o proceso case en tempo real.

E iniciáronse as hostilidades. A Guerra Civil. Dous bandos orixinarios do mesmo país loitando en grupos organizados por intereses contrapostos e irreconciliábeis. O que ven sendo a definición de Guerra Civil. Non paremos nas especies.

Soldados australianos apostados en liña, enfilando unha metralladora Lewis, en primeiro plano, e os fusís

Soldados australianos apostados en liña, enfilando unha metralladora Lewis, en primeiro plano, e os fusísDominio público

 

Pouco antes da chegada do exército, as chuvias espallaran a forza emú por unha área amplísima. Por espazo de seis días as forzas do maior Meredith tentaron emboscar aos pequenos grupos emús, sen repouso, sen lles deixar acougo. Ante os ataques, os paxaros dividíanse aínda máis. Era evidente que o mando emú ordenara tácticas de guerrilla pra neutralizar a vantaxe do moderno equipo de combate inimigo.

Os disparos das metralladoras eran sempre de lonxe, imprecisos. E cando non, os emús toleaban aos artilleiros zigzagueando diante deles. As máquinas de repetición entalábanselles por telas que andar a virar tanto dun lado pró outro. Probaron perseguilos coas metralladoras montadas en camións, mais os vehículos non era quen de lles gañar tampouco en velocidade aos bravos paxaros.

O cálculo máis realista de baixas do bando emú é de cincuenta abatidos. As baixas humanas do exército australiano foron cero, pero o custo de cartuchos foi inxente. Caían, baleiros, coma moscas. Dous mil cincocentos, que endexamais retornaron ao seu morno fogar na armaría.

Ante o fracaso e a cobertura negativa dos medios, Meredith foi instado á cesación da operación. Declarou entón que admiraba a capacidade de manobra emú, a súa valentía aínda estando feridos de gravidade. Que eran combativos coma zulús, rexos e duros coma tanques. Non invento nada.

Maior Gwynydd Purves Wynne Aubrey Meredith, xefe das forzas australianas e admirador da valentía emú
Maior Gwynydd Purves Wynne Aubrey Meredith, xefe das forzas australianas e admirador da valentía emúDominio público

 

Cando os soldados se repregaron, o groso da forza emú volveu tomar posesión das granxas. Menos dunha semana despois do abandono, ordenouse ao maior Meredith retornar, ante o clamor irado dos granxeiros. Desta volta puxo toda a carne no asadeiro e abateu preto de cen emús. Informou de que ferira aproximadamente outros dous mil cincocentos, que con seguridade terían morto despois. Ao cabo, só era un rabuño na colosal forza de vinte mil paxaros que se fixera co Wheatbelt. Do seu bando caeron nada menos que dez mil cartuchos. E os emús seguían a controlar e devastar o territorio sen maior problema, irredutíbeis.

O goberno australiano, xa que logo, constatou o inútil e enorme gasto. A vergoña e mofa pública, que medraba e traspasara fronteiras. De xeito que aceptou a categórica derrota. Ordenaron a Meredith unha retirada total, definitiva e inmediata. Os aldraxados soldados volveron por onde viñeran, transitando o camiño do bochorno ante as olladas vitoriosas e escintilantes, medio estrábicas, dos poderosos paxaros. Poida que até lles grallasen inxurias. Non se asinou tratado ningún.

Abandonados á tiranía da ocupación emú, os granxeiros do asoballado Wheatbelt volveron pedir axuda, reiteradamente, en anos sucesivos. E o goberno, coa lección aprendida, fixo o xordo.

Recortes dos xornais que facían crónica das operacións
Recortes dos xornais que facían crónica das operaciónsDominio público

Vendo que de Camberra non ía vir acorro, deixaron que aquilo se convertese no Salvaxe Oeste. Puxéronlle prezo á cabeza de cada emú. Axiña se encheu o lugar de tiradores na procura de recompensas, coma se viñesen chamados pola febre do ouro.

Aos dous anos eliminaron aos emús do Wheatbelt. E como a cousa funcionaba, seguiron cos do Outback. En menos de trinta anos exterminaron un cuarto da súa poboación total. Era un xenocidio sistemático.

Despois viñeron os anos hippies, os sesenta, tomouse conciencia, e a atafegante montería detívose, retomando os emús vellos hábitats.

O resultado global da contenda, pois, a día de hoxe, segue a ser incerto. Deixémolo en táboas. É Australia. E a Australia, así como concepto, pouco lle hai que facer. Por máis que se porfía, nada cambia realmente.

Selos conmemorativos das exploracións de Luís Vaz de Torres e Pedro Fernandes de Queirós, emitidos en novembro de 2017
Selos conmemorativos das exploracións de Luís Vaz de Torres e Pedro Fernandes de Queirós, emitidos en novembro de 2017@Correos

 

A min sempre me estrañou que sendo España como foi ama e señora única do Pacífico por espazo de dous séculos, non reclamase Australia prá Coroa. Teño a teoría de que o explorador Vaz de Torres, nado disque na mariña luguesa, ao pasar polo estreito ao que deu nome, botou alí pé e veu o percal. Denominou aquela terra Austrialia del Espíritu Santo, seguramente porque aquilo era un sindiós onde a ninguén máis que ao Espírito Santo se lle podía confiar a tarefa de poñer orde. Ao volver embarcar, fuxindo de mil perigos, conversou cos seus oficiais.

–Se tomamos posesión disto pra España, o rei esfólanos.

–Tira, tira! –díxolle o segundo.

E marcharon sen mirar atrás.

Se vos fixastes ben, xa vos decatariades de que Torres non denominou aquilo Australia, senón Austria-lia. Non viña de que estivese ao sur, era pola casa de Austria á que el servía. Posteriormente houbo unha pequena e comprensíbel confusión. Pero iso é outra historia.

Deixémolo aquí. Australia, fogar da incríbel incredibilidade do incríbel.

Algúns produtos meme da Guerra do Emú capa do libro "Letters from Emu War" de J. A. Bryden (2021) e cuberta do filme de serie B "The Emu W" (2023)
Algúns produtos meme da Guerra do Emú capa do libro "Letters from Emu War" de J. A. Bryden (2021) e cuberta do filme de serie B "The Emu W" (2023)© J. A. Bryden & Umbrella Entertainment