Repetimos? / A historia é nosa / Os procesos sociais non se deteñen

19 de septiembre 2023
Actualizada: 18 de junio 2024

Fai xa uns cantos lustros que pasei do colexio á escola da vida, pero iso non evitou que siga contando os anos por cursos, como cando era un infante. Así que un setembro máis, iniciaba novo ano académico, con expectativas renovadas e leccións por aprender. Sen embargo, a medida que avanzaba o mes, a sensación tornábase de repetición de curso, con sinaturas pendentes, leccións de historia esquecidas e uns manuais que sonaban ancestrais

Fai xa uns cantos lustros que pasei do colexio á escola da vida, pero iso non evitou que siga contando os anos por cursos, como cando era un infante. Así que un setembro máis, iniciaba novo ano académico, con expectativas renovadas e leccións por aprender. Sen embargo, a medida que avanzaba o mes, a sensación tornábase de repetición de curso, con sinaturas pendentes, leccións de historia esquecidas e uns manuais que sonaban ancestrais. 

Aí seguía o PP enredando a madeixa do novo Goberno; o Sr. Lores esfollando a margarita (aínda que penso que se trata máis dun problema de audición, xa se sabe, non hai máis xordo que o que non quere oír); o Consejo General del Poder Judicial de okupa (e imos para 5 anos); o mundo do fútbol pasándose a pelota afogado en testosterona; Rusia dando leccións de democracia a bombazos; a Xunta sendo exemplo de imparcialidade (rescindíndolle o local ao Ateneo de Pontevedra, pero promovendo os campamentos da franquista OJE e á antiabortista Red Madre); e Vox, cal símbolo de cancro, transitando polas institucións como un cangrexo, cara atrás. 

Os floreiros chinos continuaron estando de moda, cun Aznar anunciándonos a enésima fin do mundo, poñendo a tirita antes da ferida e promovendo manifestacións contra feitos non acaecidos, mentres a persoa encargada polo Rei para intentar armar un goberno desentendíase da encomenda para pasar a facer oposición (anque vendo o que ingresa Feijóo, 14.750 € ó mes, sobresoldos incluídos, quen quere ser presidente?). O típico esperpento español. Polo menos esta vez non presidiu o atril do acto de investidura o bolso de Cuca Gamarra, aínda que imaxino que de seren así, Ayuso tería imposto o seu complemento, máis castizo. 

Podería chamarme a atención que quen falaba catalán na intimidade, chamaba "movimiento vasco de liberación" á ETA, autorizou contactos con dita banda armada, achegou a 547 presos etarras cando aínda mataban, acordou co delincuente Jordi Pujol o "Pacto do Majestic", ou indultou a 16 membros da organización terrorista Terra Lliure, critique agora calquera negociación cos nacionalistas; ao igual que está facendo quen indultou ó Xeneral Armada, condenado por dirixir un verdadeiro golpe de Estado.

Decisión que contou co beneplácito do Tribunal Supremo, que tamén se mostrou favorable a indultar ó golpista Tejero por "conveniencia pública", dándolle o terceiro grao para que abandonara a prisión. Todos eles xustificaron no seu momento estas accións como necesarias para poder seguir avanzando politicamente e procurar a concordia, deixando atrás os enfrontamentos que dividían á nación, xa que, como dixo Nelson Mandela, "Se queres facer a paz co teu inimigo, debes traballar con el". E estaban no certo, "a paz é o camiño" (Ghandi), como demostraron as políticas apazugadoras e de diálogo do Goberno socialista en Cataluña. O independentismo segue baixando a súa porcentaxe de apoio (sobre un terzo da poboación), o vitimismo que enarboraban os nacionalistas deixou de ser crible, os socialistas volven ter a confianza da cidadanía pola súa aposta pola conciliación, e a situación política e social de Cataluña cambiou drasticamente para mellor. Iso é facer política e respectar o pluralismo democrático.

Sen embargo, as arengas da dereita, contraditorias coas súas accións cando gobernan, e que só contribúen a avivar a confrontación entre cidadáns, non me sorprenderon, xa que veñen sendo práctica habitual cando outros que non sexan eles ocupan o poder. Historicamente, sempre que a esquerda goberna, a dereita fala de caos e aviva o medo, xerando un clima de inseguridade exaxerado e irreal, tendente a suscitar unha reacción social e a aceptación de prácticas pouco democráticas. Así sucedeu con anterioridade ao golpe de Estado de Chile, como tivemos ocasión de lembrar con motivo do 50 aniversario do alzamento e a desclasificación de documentos. E así foi sempre na nosa pel de toro patria. Non hai máis que recordar as arengas de Gil Robles ou Calvo Sotelo, voceiros da dereita máis ultra, durante a II República, tachando ó Goberno republicano de "ilexítimo" ou contrapoñendo símbolos como "civilización ou barbarie".

Tamén acusaban ao Goberno de problemas de orde público (falseando os datos) e de contemporizar cos revolucionarios comunistas, advertindo de que "España debe hacer un supremo esfuerzo, sumando las energías de todos sus ciudadanos, o desaparece como nación". A que lles soa? Tratábase de inocular un discurso catastrofista e un ambiente guerracivilista que rompera coa normalidade democrática, impedindo o correcto funcionamento das institucións ata forzar un cambio de goberno. Para isto, converteron as Cortes no contrario a un espazo para a argumentación e o debate, fomentando a discrepancia e a ruptura social fronte á conciliación. Todo elo amplificado dende os medios conservadores, como deixou escrito o embaixador norteamericano Claude Bowers.

Como ven, un setembro máis todo segue igual para os que están obcecados en repetir curso, por algo lles chaman "conservadores". Por sorte, pese aos seus augurios, España continúa empeñada en non romperse, a xestión do Goberno en funcións permitiu mellorar o mercado de traballo, e a economía segue a manterse forte, cunha previsión de alcanzar a maior taxa de crecemento da eurozona, segundo a UE. Xa o dixo Allende no seu derradeiro discurso: Teñen a forza, poderán avasallarnos, pero non se deteñen os procesos sociais nin co crime, nin coa forza. A historia é nosa.