A profesora dicía que pasaba máis tempo no meu mundo imaxinario que no real e non lhe faltaba razón. A dicir verdade, o mundo daquela deixaba bastante que desexar. O de hoxe tamén. De pouco me valeu medrar porque eu seguín na mesma; lidando, inventando, falando para min naquel meu povo, non sei se vivido ou sonhado.
O meu povo semelhaba pintado a lápis por un cativo nun folio e coloreado con ceras. Tinha así como mediocento de casas abeiradas a unha estrada xeral e algunhas ruelas pequeneiras. Por unha banda pasaba un pequeno río que medraba na primavera pero que podería levar vinte veces máis caudal sen rebordar pois a súa canle era ben ampla, cruzada por catro pontes. Na parte máis elevada estaba a igrexa co seu grande reloxo, o camposanto, algúns chalets e unha grande residencia de maiores e, entre medias, o colexio, a estación do tren, algúns locais comerciais e…unha ducia de fontes de auga potable! Tódalas casas posuían xardín onde cultivaban moitos amorodos e tulipáns, ademais de legumes e hortalizas. A minha aldea descorría polo fondo dun verde e manso val entre montanhas. Completaban o cadro as mestas árbores, as rebanhadas de vaquinhas nos refulxentes pasteiros e un ridente sol amarelo en todo o alto. Pero, na postal, había algo máis.
É día de festa. No auditorio do colexio represéntase unha comedia teatral onde todo o elenco da obra está formado por xentes do povo. Pola manhá houbo concerto da banda, composta por vecinhos de tódalas idades e sexos. Onte, o corpo de bombeiros voluntarios da aldea fixeron as obrigadas manobras quincenais que os mantenhen sempre en garda. Son todos vecinhos e bombeiros totalmente altruístas.
Tódolos primeiros sábados de mes, ás doce en punto, e perante dez minutos soa unha potente sirea de alarma e algúns vecinhos aínda reponhen alimentos imperecedeiros na súa despensa de guerra.
En tódolos accesos hai fortíns, búnkers camuflados e barreiras anti-carro en desuso. Non se chegaron a utilizar pero foran construídos en previsión de posibles ataques na 2ª GM. Previsión, esa é a clave.
Todas estas cousas poden provocar moita risa pero estamos a falar dunha terra onde a vida das persoas ten moito valor, onde os dirixentes aínda demiten cando os pilhan en "off side” e onde o povo SE VE CORRESPONDIDO por eles. Unha terra que dispón de refuxio antiaéreo para toda a povoación, ponhamos por caso.
Desde o país da impunidade, da incompetencia, dos inviolables e aforados, estas cousas dificilmente se entenden. Nada que ver con isto noso, claro. Aquí somos moi listos de "nuestro señor”.
E como dixo unha vez o Groucho de Ventura & Nieto no Jueves: "É curioso pero tanto ten que sexa Jehová, Tutatis, Viracocha ou Alá…cando os deuses ponhen en marcha as forzas da natureza, os que sofren son sempre os pobres".
Cómpre engadir que nunca houbo un incendio nas mestas fragas daquelas montanhas (cordal do Jura). Se cadra é porque non hai un triste eucalipto.