Recuperar as Bienais de arte

06 de agosto 2017
Actualizada: 18 de junio 2024

Descoñezo os motivos porque deixaron de celebrarse as Bienais, pero eu penso que, sobre todo, nos anos setenta e oitenta foron unha xanela aberta á arte e cultura en xeral e orgullo dunha xeneración onde aínda non existía a internet e o acceso á información era moi limitado.

Visitando a magnífica retrospectiva de Manolo Moldes no Museo e comentando co autor o cadro do Cristo das Rías Baixas e da polémica que xerou a retirada pola censura da organización da Bienal de Arte naquel ano de 1985 e o aldraxe que a nós nos supuxo cando xa pensabamos que estaba superado o atraso cultural que tiñamos sen decatarnos que aínda seguía a ser nalgúns sectores unha cidade caciquil e represora, falamos da importancia que tiveron as Bienais de Arte para superar o atraso cultural, sobre todo en coñecer por onde ían encamiñadas as tendencias en pintura e escultura nun tempo que non existía como hoxe acceso á información. As Bienais deron a coñecer a Pontevedra como a Capital de Verán da Arte, como a chegou a nomear un medio de comunicación a nivel nacional, por certo que ao ano seguinte de retirarlle o cadro. Moldes gañou a Medalla de ouro.

Corrían os anos setenta e oitenta nunha cidade triste e chea de fume e contaminación, a xuventude que tiñamos inquedanzas culturais agardabamos que chegara o verán cas festas da Peregrina para escoitar as novidades musicais nos autos de choque, que se instalaban nas Palmeiras e as pictóricas visitando a Bienal de Arte na Deputación, que era o acontecemento cultural do ano para os que nos gustaba a arte e a cultura en xeral, tamén na programación das festas unha Semana de Teatro Afeccionado. Eran os veráns máxicos que pasabamos entre o recendo e amendoas garrapiñadas e nubes de algodón as charlas do noso gurú da contracultura nun banco a carón dos azulexos de Carlos Sobrino. Adonis, un persoeiro entrañabel dos moitos que nos acompañaron na xuventude, ao saír da Bienal sentados nas escaleiras da Deputación agardando que comezaran as verbenas coas orquestras onde a estrela era Balan e os Yanquis.

As Bienais tamén nos serviron para coñecer os nosos artistas, os que non estaban nas enciclopedias de pintura que íamos ollar á biblioteca que naquel tempo atopábase nun fermoso edificio que aínda afortunadamente existe na rúa Colón, naquelas Bienais descubrimos ao nomeado Moldes, a Laxeiro, Úbeda, Zacarías Castro, Ruibal, Castillo, Rafael Alonso, Paisa Piñeiro, Buciños Penado... e cando foi interancional moitos grandes pintores e escultores que descoñeciamos. No certame de 1982 chegaron a visitar a Bienal máis de cen mil persoas, o que di da importancia que tiña a Bienal para atraer visitantes á cidade co beneficio que iso supuña.

A derradeira edición da Bienal, a número 31, foi no 2010. Descoñezo os motivos porque deixaron de celebrarse as Bienais, pero eu penso que, sobre todo, nos anos setenta e oitenta foron unha xanela aberta á arte e cultura en xeral e orgullo dunha xeneración onde aínda non existía a internet e o acceso á información era moi limitado. Foi moi importante para a nosa culturización e que deu moita sona a nivel nacional a Pontevedra de ser unha cidade culta e progresista. Non sei ata que punto podería recuperarse pero eu penso que investir en cultura ao logo sempre é rentabel.

Co difícil que para os artistas é poder vivir do seu traballo as Bienais cas bolsas e pensionados foi de moita axuda e un escaparate onde poder darse a coñecer fóra do ámbito da cidade. Non sei se habería que cambiar o modelo, pois agora de seguir sería a única do estado pero así como a magnífica idea de Novos Valores para dar a coñecer novos artistas, ter un lugar anualmente onde poidan expoñer durante o verán artistas de moitos lugares penso que non sería mala idea e atraería moitos máis visitantes á cidade.