Tiña preto de vinte e cinco anos o fento á beira de Ponte Boleira nun recuncho onde nun tempo atopábase o Muíño do Meco onde ían as veciñas e veciños da contorna á moenda e a saber das noticias, pois os muíños naquel tempo eran a canle de información que tiñan. Ao seu lado tamén houbo un lavadoiro, debaixo da ponte.
Contábame a miña nai que ela e as demais veciñas nestes tempos de choiva tiñan que madrugar moito para poder coller sitio para gorecerse da choiva o frío e o vento.
Cóntanme que foi un fillo do río, Ramón Laxe, un dos fundadores de Vaipolorio, dos Imprescindibles que dicía Bertolt Brech, quen o plantou nese recuncho e brotou vigoroso.
Era como un Lirio Branco que de súpeto, sen que ninguén o esperase, agroma nun estercolero.
Enseguida os veciños se encariñaron del, coidárono e colocaron un cartel en homenaxe e recordo dos veciños e veciñas que ían ao Muíño e ao Lavadoiro.
Pouco durou o cartel, alguén pensou que non eran merecedores de tal honra. Logo fíxose unha placa cunha foto de Zagala das lavandeiras que se colocou nos laterais da ponte que por sorte aínda permanece.
Rompeu o fento dos recordos e das nostalxias, un vento mesetario e traidor de bruar ferinte, dos que veñen á nosa terra para facer mal derrubando casas estragando colleitas e rompendo árbores centenarias. Que o único que fan é mover as aspas dos muíños das eólicas para que as multinacionais gañen máis diñeiro e leven a luz a Castela invadindo os nosos montes de muíños como xa fixeran outrora cos encoros.
Ninguén está en contra das enerxías alternativas, pero como di a Xunta no lema que despois non cumpre “Con Sentidiño” sen romper a paisaxe e sen roubarlle espazo a cabalos, vacas e demais animais libres e alterar a tranquilidade dos veciños aos que ningún beneficio achégalles que enchan o seu monte de muíños.
Nun atardecer de choiva fun a ver a crecida do río. Atopábase o paseo baleiro, cheo de follas da cor do marmelo maduro, só estaba nunha rama caída dun bidueiro a garceta que todos os anos voa ao amparo do Gafos para facerlle compañía e atopar tranquilidade, cando de súpeto no recuncho onde se atopa o fento caído.
Mollados como pitos, un mozo e unha moza, dos que son ronsel de frescura e abrazan as árbores para non esquecerse da natureza, estaban a tratar de salvar o fento, eu penso que non tiña arranxo, pero os vi tan entusiasmados que me ofrecín a colaborar con eles.
Contáronme que ían consultar na internet, que nestes tempos é onde se atopan os remedios a todos os males pois xa non quedan bruxas nin arranxadores nin vellos que saiban enxertar, para consultar e xa me avisaría das novidades.
E niso estamos, oxalá que teñan sorte polo agarimo como trataban o fento.
O máis curioso desta historia é que os mozos non eran galegos.