O protocolo do postureo

10 de noviembre 2024

Estela é a muller presuntamente asasinada en Baiona, que fuxiu, antes da chegada da Garda Civil, despois de dar a voz de alarma tras, segundo el, achar o corpo, e manifestar, diante dos sanitarios que tentaron salvar a vítima, "eu non me vou comer ese marrón".

Abel Losada, subdelegado do Goberno, insiste na necesidade de manter a prudencia, algo co que concordamos totalmente, e que, lamentablemente, case nunca, por non dicir nunca, se fai, o que é sumamente nocivo e que pode ter, e, de feito, ten, consecuencias tan graves como entorpecer as labores de investigación ou propiciar os xuízos paralelos, que tanto gustan de facerse nun país no que todo o mundo sabe, opina e entende, pero moi poucos traballan nin moven un só dedo para tentar arranxar o que non se está a facer ben. Nin sequera aqueles que teñen potestade para facelo, e a obriga.

Pero manter esa imprescindible prudencia non significa ignorar o que é obvio, sobre o cal, curiosamente, todo o mundo evita pronunciarse, e que, neste caso concreto, son dous feitos evidentes.

O primeiro, e moi grave, gravísimo, é que Estela estaba incluída no sistema VioGén, de vixilancia de casos de violencia de xénero, no que figuraba cun nivel de risco medio, existindo, ademais, unha orde de afastamento desde o pasado 30 de abril que Humberto, a súa ex parella, con independencia de que sexa ou non culpable da súa morte, quebrantou sen o menor problema, o cal deixa en evidencia, unha vez máis, o "control" e o "seguimento" que se fan, tanto ás vítimas coma aos seus maltratadores, algo isto que se repite unha e outra vez, con resultados tráxicos, pero sobre o que, curiosamente, ninguén opina nin semella decatarse, porque para isto, naturalmente, habería que pronunciarse sobre onde reside gran parte da orixe do incremento cada vez maior da violencia machista, e iso non interesa... Demasiados galóns, méritos e cargos implicados, e, ante tal circunstancia, o silencio cómplice é unha consigna implícita, calada, pero ineludible.

O segundo feito ao que nos estamos a referir, non é, malia que poida semellar o contrario, menos grave, porque non é senón a mostra de como se manexa e se negocia coa dor que implica a violencia de xénero.

Aínda non se coñecen as circunstancias reais nas que se produciu a morte de Estela, por máis que se poidan intuír, ou por máis sospeitas que se poidan ter, malia o cal, cando aínda case non dera tempo a que se arrefriase o seu corpo, xa se puxera en marcha o "protocolo do postureo", que debe ser o único, nun país no que temos protocolos para aburrir, pero que case nunca se levan a cabo, que se activa case antes de que se cometa o crime.

Tanto ten. O caso é deixarse ver.

Determinados colectivos, autoridades, representantes de tal ou cal organismo ou institución.......todos se apresuran a botarse á rúa para as manifestacións de repulsa, minutos de silencio, e por suposto, fotos, moitas fotos, ademais das declaracións de rigor con cara de dor daqueles que, en moitos casos, sabendo, calaron, e, faltaría máis!, das correspondentes "personalidades VIP".

Pero, alguén se tomou a molestia de tentar saber que opinan de todo este "postureo" os achegados ás vítimas, as súas familias, os seus seres queridos.....? Ou, tanto ou máis importante, alguén se molestou en coñecer a opinión, os sentimentos, da inmensa maioría das vítimas que, por fortuna, aínda sobreviven, das que están vivindo un inferno en vida, morrendo un pouco cada día?

Evidentemente, non, porque se o fixeran, saberían que o único que lles causan é dor. Elas, os que as queren, os seus fillos e fillas, non soamente non se senten para nada representados con esta clase de "homenaxes", que para eles son auténticas aldraxes.

Alguén se pode imaxinar, por exemplo, o que se pode sentir vendo na primeira fila, con cara de circunstancias, nos minutos de silencio, a quen se supón debería velar pola súa protección, pero que non se lembran para nada delas, a quen tal vez minimizou a súa dor, o seu medo, cando tentou poñerlle remedio á súa tráxica situación?

Ou os seus sorrisos ou mesmo risas cando finaliza ese minuto de teatro e dan por sentado que tanto as cámaras como os micrófonos xa están apagados?

Ou a quen as ten presas e mergulladas nun mar infinito de burocracia, sen ter en conta para nada, cando acoden a pedir axuda, o seu estado emocional, as súas lóxicas carencias, recitándolles toda unha serie de trámites, esixíndolles para onte unhas documentacións que moitas delas non saben nin como tramitar, nin dispoñen das ferramentas para facelo, e descoñecen onde nin o xeito de conseguilas, sen tomarse sequera a molestia de erguerse da cadeira do seu confortable despacho, nin levantar a vista dos papeis e mirarlles aos ollos?

Como se pode ninguén gabar de ser "feminista" (que non é o mesmo, como sempre aclaramos, que ser feminista, sen aspas) cando o último que teñen en conta certos personaxes é o que elas consideran lei, sen importarlles en absoluto o que senten as mulleres que realmente están a padecer o que elas din reivindicar, pero que deixan claro que descoñecen por completo, ou, o que é peor, que para nada lles importa?

O que si temos claro é unha das razóns que, en moitos casos, as leva a convocar estes actos, a lo menos na miña cidade, e que é, nin máis nin menos, que, convocatoria tras convocatoria, minuto de silencio tras minuto de silencio, manifesto tras manifesto e, por suposto, achegándose ao sol que mellor quenta, moitas delas foron facendo camiño para acadar un carguiño, un despacho e a tranquilidade de vivir ben o resto das súas vidas a costa da violencia de xénero e da dor das súas vítimas.

Foron e seguen a ser moitas, desde que en Si, Hai Saída comezamos a nosa andaina, hai xa dez anos, que, pouquiño a pouco, manifestación tras manifestación, foron facendo a transición do "look activista" ao de "señoras de ben". De feito, practicamente todas. Seguen acudindo ás concentracións, si, pero a súa posición nelas xa é outra moi diferente. Actualmente, xogan noutra división, na da oficialidade esa que tanto deostaban, pero que grazas á cal, viven, actualmente, non sei se como raíñas, pero si francamente ben.

Así as cousas, o que sintan as vítimas é o de menos, e o "protocolo do postureo" é sagrado, é, de feito, o pasaporte para que moitas manteñan as súas cadeiras e os seus despachos, e outras cheguen a ocupalos.

Asociación Si, Hai Saída