Onte tiven a fortuna de compartir mesa e café, nunha das moitas terrazas máxicas de Pontevedra, con Carme e Lois. Eu coñecinos e gañei a súa amizade cando eles estudaban bacharelato no IES Valle Inclán. Carme e Lois eran deses rapaces que todos desexamos como fillos. Eles, cheos de ilusión e canseira, encaraban o futuro con optimismo. Lois foi estudar arquitectura na Coruña. Carme, bioloxía en Compostela. Aloxábanse en residencias de estudantes.
Nos primeiros contactos cos novos compañeiros, todos presumían dun fundamentado localismo. Algo valioso era o trazo identificador do lugar: Santiago, a catedral; Lugo, a muralla; Ourense, as burgas. Todas se identificaban por algo positivo. Todas, agás Pontevedra, a cidade maldita, asociada a Celulosas, sometida o monstro de Lourizán. Lois afirma que acusaban a poboación de complicidade coa factoría e que el mesmo se sentía culpable de tolerar o intolerable.
Terminaron os estudos e recibiron os diplomas cos correspondentes postgrados e boa formación en idiomas. Andaron a mendigar traballo os primeiros anos. Tiveron que emigrar. Andan pola UE. Contáronme que agora Pontevedra é coñecida e envexada nas cidades de Europa que eles visitan e que lle falan de Pontevedra como unha cidade modelo para vivir. Peeero ENCE segue a ocupar a praia de Pontevedra e a eivar a cidade.
Con motivo do mundial de triatlón gozaron de Pontevedra xentes de culturas e países moi diversos e admiráronse de como esta cidade antiga estaba a entrar nunha dinámica humana e económica de futuro esperanzador. "peeero agocha –afirman- unha vergoña inconfesable: ENCE na praia e na ría".