Pódese ser máis miserable?

07 de abril 2024

 

A noticia en cuestión daba conta da detención de catro axentes da garda civil, un sarxento e tres gardas, na localidade castellonense de Nules, din, utilizando un deses eufemismos que se empregan cando se trata de algo relacionado coas FCSE (Forzas e Corpo de Seguridade do Estado, por se alguén non o ten claro) por "supostas irregularidades en seguimentos dunha vítima de violencia de xénero".

 

As "supostas irregularidades" consistían, nin máis nin menos, na presentación, por parte destes axentes, de informes falsos de seguimento a unha vítima de violencia machista, incluída no sistema VioGén, que levaba falecida máis dun ano!

 

Non hai palabras, penso, que abonden para describir tal mesquindade, tanta maldade, un insulto de tal calibre para as vítimas de violencia de xénero en xeral, e para a muller falecida en particular, ademais, por suposto, da noxenta banalización que estes malnacidos, porque, e perdoádeme, non se lles pode chamar doutro xeito, fan da violencia machista.

 

Na mesma noticia non esqueceron aclarar, iso si, que a muller faleceu por causas naturais, e non como consecuencia da súa condición de vítima, coma se iso lle restase gravidade a tan noxento feito.

 

E unha vez máis, atopámonos co raposo coidando das galiñas.

Unha vez máis queda en evidencia a urxente necesidade de revisar os criterios para seleccionar os axentes das FCSE encargados da protección e asistencia ás vítimas de violencia de xénero, e de que, no seo das Institucións, guste ou non admitilo, hai moito veleno agochado, e que finxir que non existe, facer oídos xordos, non impide que este veleno se estenda, empezoñando canto atopa no seu camiño.

 

Tanto os tres gardas, como o sarxento, segundo informaron fontes da Comandancia Provincial de Castellón, foron detidos e postos a disposición xudicial o pasado 19 de Febreiro, é dicir, hai case dous meses, pero nada transcendeu ata agora, porque, xa se sabe, todo o tocante as FCSE é tabú, non se pode nin nomear, e moito nos tememos que, no que atinxe a este asunto, acabará tamén por correrse unha cortiña de fume e deixar que se esqueza ou finxir que nunca existiu, porque esa é a tráxica realidade, do que non se fala, non existe.

 

 

O peor de todo son as consecuencias que actos desta natureza implican para as vítimas.

 

De todos é sabido que, desde Si, hai saída, sempre lles transmitimos ás vítimas de violencia de xénero, a súa contorna, a importancia da denuncia, que é, ou, mellor dito, debería ser, o único camiño para saír do seu inferno, pero ante feitos coma este, ou outros de igual ou aínda maior calibre, como lles podemos insistir en que o fagan, en que denuncien, se ao mellor as estamos mandando das mans dun maltratador ás doutros aínda peores e con barra libre para actuar as súas anchas?

 

Porque esa é a realidade, guste ou non guste escoitala ou enfrontarse a ela, e non hai máis que dar un repaso a moitos dos casos máis recentes nos que se viron implicados, dun ou doutro xeito, membros das FCSE, algúns deles con resultado de morte para a vítima.

 

De todos é sabido a desprotección que estas mulleres, os seus fillos, nos digan o que nos digan e nos vendan o que nos vendan, sofren, pero que, aínda por riba, as utilicen sen o menor escrúpulo, e sen o máis mínimo respecto mesmo cando, coma neste caso, a vítima xa faleceu, para tentar xustificar no que invisten o seu tempo, é máis do que se pode tolerar.

É, sinxelamente, cruel, inhumano.

 

Cando unha vítima incluída no sistema VioGén é asasinada e queda patente a súa desprotección, o primeiro que alegan é a falta de efectivos, cando en tantas e tantas ocasións, como ben sabemos todos os que compartimos o seu día a día, non se toman a molestia de achegarse a elas, por moito que se lles asignen policías ou gardas para a súa protección, e somos nós, os integrantes desas asociacións ás que tanto deostan, os que, na medida do posible, tentamos acompañalas, realizando un traballo que nós asumimos voluntariamente, certo, pero polo que eles cobran e, aínda por riba, se gaban de facer extraordinariamente ben.

 

Como se pode soportar sen indignarse que, día si e día tamén, aparezan nos medios de comunicación, alardeando do seu bo facer e vendéndolles ás vítimas unha realidade que nada ten de certa?

 

Porque mesmo ese dereito se lles nega a estas mulleres.

O de coñecer a auténtica realidade que, por desgraza, e na maioría dos casos, lles agarda unha vez que denuncian.

 

E non se trata, como xa aclaramos nalgunha ocasión, de demonizar a ninguén, nin de meter a todo o mundo no mesmo saco, nin moitísimo menos.

 

De feito, en Si, hai saída temos que dicir que coñecemos membros da Garda Civil que son excelentes profesionais, concienciados con esta causa, cos que mantemos unha excelente relación e que mesmo nos prestan a súa colaboración, que agradecemos no que vale, ao igual que noutros eidos das FCSE, pero iso non fai que teñamos os ollos pechados ante esa outra realidade cruel, malsana, que, obviamente, existe, e ante a cal, a única solución pola que se opta é por quitar do camiño a quen a visibiliza e a verbaliza, e iso tamén en Si, hai saída o sabemos ben, xa que hai anos que o vivimos na nosa pel, comprobando, case cada día, como se nos castiga por contar o que non son máis que feitos certos e demostrables, que, por outra banda, case ninguén ignora, pero que non interesa evidenciar.

 

Descoñecemos, evidentemente, as circunstancias desta muller falecida á que, supostamente, estes "exemplares" gardas, acompañaban, e, porén, se tiña familia, e, de ser así, se son coñecedores destes feitos e o que opinan ao respecto, pero, se existen eses seres queridos, oxalá non os deixen pasar, e cheguen ata o final, porque, e reiteramos a pregunta coa que comezamos, pódese ser máis miserable?

 

Dificilmente.

 

Asociación Si, hai saída