O torpe atraso na publicación da enquisa do CIS non fixo máis que contribuír a darlle pulo á principal nova que contiña a ferramenta demoscópica do Gobierno de España. Podemos aparece como a primeira forza en intención de voto no medio da escandalización da actualidade, que é estes días un catálogo da corrupción sistémica. A canalización electoral da rabia social por medio dun discurso simple non é novidade ningunha, outra cousa é falar de cambios nas lóxicas políticas que conforman a actual hexemonía ideolóxica: iso non é máis que unha simple foto fixa. Nin tan sequera a actual tendencia electoral pode homologarse con certeza a unha mudanza de fondo. Non se poden valorar cambios políticos en base a tempos minúsculos.
A dificultade de atopar unha análise medianamente seria, en termos políticos (non ideolóxicos), sobre o caso Podemos é unha proba de que ninguén acumula arredor de sí mesmo unha bipolarización semellante. A ira transita por un abano moi amplo: dende os opinadores a soldo que alertan da proximidade do caos, da venezuelización e da chegada da incerteza á esquerda conservadora e ultraortodoxa que descualifica dende a súa irrelevancia a falta de pureza do discurso podemista. Os máis fieis servidores do Réxime, que no canto de preocuparse pola súa descomposición negan compulsivamente calquera alternativa, seguen a emitir munición contra a equivocación masiva que o voto pode cometer se trata de abandonalos. Cómpre tamén unha reflexión sobre o afastamento dos faladoiros políticos da realidade dos seus espectadores.
Calquera ocasión é boa para dispararlle a Podemos: fendas internas, decisión de non presentarse ás municipais de maio, o escaso asemblearismo da súa organización interna Sendo discutibles cada un destes puntos, é difícil crer que teñan unha alta incidencia na determinación do voto maioritario. Ningún deses reproches técnicos están no pensamento do cidadán medio que, consumidor do discurso que emite a marca Podemos, decide sumarse a un ascenso que se nutre en boa medida da caída do relato oficial do 78. Podemos adaptou o envoltorio da súa mensaxe para converterse nun catch all, pregoa a disolución do eixo dereita esquerda como presentación mediática e iso é un motivo para os seus detractores da esquerda máis conservadora para atacalos a conto dunha suposta desideoloxización. Non todos demostran entender que o envoltorio da mensaxe pode ser en ocasións unha ferramenta a empregar cando o obxectivo é puramente electoral (os que sempre desprezaron a utilidade da comunicación política hoxe láianse da incidencia mediática no ascenso de Podemos). Pero o verdadeiro medidor ideolóxico deben ser os feitos e a capacidade, dende a esquerda, de transformar cando se ocupan espazos de poder. O contrario é onanismo político, autosatisfacerse coa radicalidade estética dun discurso e buscar as xustificacións máis dispares para explicar a non aplicación da prédica. Na outra beira están os que empregan o envoltorio da mensaxe para acusar a Podemos de populista, termo xa impregnado de connotacións negativas. Sería moi discutible se é ou non é útil o populismo na sociedade espectáculo de hoxe para avanzar posicións. En todo caso, nada máis populista que o propio Réxime do 78: que se democracia, que se liberdades, que se gobernar para a maioría ÿ populista dicir que se garante a universalidade e a gratuidade da sanidade pública mentres se privatiza? ÿ populista dicir que se moderniza o mercado laboral mentres se aplican retrocesos agresivos? ÿ populista dicir que se loita contra o paro cando é un elemento fundamental na devastación salarial que se pretende? ÿ populista dicir que se aposta pola educación pública cando se minguan orzamentos en favor da escola privada? Algo máis populista que un sistema de elites revestido de democrático? Algo máis populista que unha Monarquía simbólica que oscila entre as cacerías de negocios e os xulgados?
Consten estes poucos apuntamentos sobre o proceso asemblear recentemente celebrado e algúns dos resultados que motivan as fendas polas que entra a crítica. Confrontábanse dúas opcións organizativas que en realidade eran moito máis que simples modelos internos. Dunha banda estaba a parte que priorizaba o que, e da outra estaba a posibilidade de priorizar o como. Dunha banda estaba un grupo promotor que pensou Podemos como unha ferramenta para empregar na única oportunidade que eles consideran: as vindeiras eleccións xerais, cita á que fían todas as contradicións que asumen. Aceptan non implantar o modelo máis desexable en termos democráticos, o máis útil para construír un contrapoder transformador a longo prazo porque decidiron apostar por gañar as eleccións de 2015, como sexa, participando nunha feira que está moi lonxe dos escenarios aos que a eles lles gustaría aspirar. Estimulando un personalismo incoherente co discurso pero indispensable no terreo de xogo actual, acolléndose a unha estrutura férrea criticada noutras forzas pero ensamblada mecanicamente para rodar no ano que xa se desconta, deseñando unha campaña electoral permanente Tratando de contestar, en definitiva, a ese que conscientes de que noutras circunstancias o como sería distinto. Isto esperta as críticas máis diversas dende unha esquerda absolutamente desorientada e incapaz de reaccionar, pero que non é a residencia habitual do voto que busca Podemos.
Fronte a esta maneira de entender a necesidade, de concibir as formas e de construír a ferramenta situouse a outra opción, personificada en Pablo Echenique e en Teresa Rodríguez, que tamén desembocaron no escenario a partires da promoción mediática de seren deputado e deputada. Pretendían un modelo tecnicamente máis puro, democrático e asembleario, que a longo prazo puidera ofrecer réditos máis sólidos e que fose exemplar e exento de contradicións. ÿ dicir, situaron o como na primeira posición das cuestións a resolver. O que é curtopracista, asume todas as contradicións e fíao todo a unha soa oportunidade. O como é máis metódico, máis de acumulación e participación, a longo prazo, entendendo a política como a loita pola hexemonía e como un proceso lento. Ningunha das dúas partes descoñece as formulacións da outra. Unha delas baséase no manual e na coherencia e a outra átase ás condicións reais nas que ten que pelexar, submisa á ditadura mediática e quizais temerosa de que esa fiestra se peche en calquera momento (non o fará mentres a súa presenza/aparición siga a ser rendible en termos económicos inmediatos).
A contraposición destes dous enfoques resolveuse, unha vez máis, botando man dalgunha palabra fetiche contra a que non poder posicionarse: eficacia. Pablo Iglesias, Iñigo Errejón, Monedero, Bescansa explicaron, dun xeito ou doutro, que eficacia non sempre é compatible con pureza democrática. Neste sentido, a metáfora do partido de baloncesto sintetiza maxistralmente cal é a orientación, e quizais tamén a duración, de Podemos. A respecto doutras espiñas, como a non presentación da marca ás eleccións municipais, semella tan obvio que o contrario sería un evidente suicidio, tanto no aspecto político coma no estratéxico. ÿ outro argumento máis para soster a concepción de ferramenta electoral de cara unicamente ás Eleccións Xerais. Fixéronse, contra esta decisión, críticas bastante absurdas
O ascenso meteórico de Podemos non é, na miña opinión, tan vantaxoso para eles como puidese parecer. O reto agora é manterse arriba nun espazo de tempo indeterminado, xa que ninguén hoxe pode atreverse a afirmar que as Eleccións Xerais serán dentro de doce meses. ÿ un tempo que manexa o inimigo. A capacidade para aguantar nos cumios será tamén, coido, a que determine varias cousas máis, como a busca decidida da confluencia ou a aposta por presentarse en solitario (haberá que ver tamén a evolución dos posibles compañeiros de viaxe). En todo caso, os promotores da marca Podemos asumiron que a política, e máis concretamente o xogo electoral, manchan e que a pureza absoluta non é unha característica útil na busca de maiorías. Entenderon, basicamente, o escenario no que actúan, que nin moito menos é o desexable.