Planta Eucaliptos nos eidos. Toda Galicia arderá
Toda a vida económica de Galicia xira arredor da praia de Pontevedra. Non o digo eu. Dino grandes sabios, varóns neutrais, guiados polo amor a Galicia e á súa prosperidade. Os seus veredictos son imparciais. Veñen da ciencia económica. Falan desde importantes tribunas, a todas as horas, con algoritmos, con logaritmos e con toda clase de números. E os números cantan! Vaia se cantan! Cantan a melodía de quen os musica, de quen lles pon o pentagrama e a clave. Eles din: ENCE é o sol que irradia riqueza e traballo a todo o Reino Eucalipteiro.Se ENCE Cae toda Galicia cae. Se ENCE se cambalea, toda Galicia se cambalea. Que sería do noso territorio sen o monocultivo do eucalipto? Que sería dos nosos veráns sen incendios? Que sería do Lago Ness sen o seu monstro? Que sería da praia de Pontevedra sen ENCE? Que sería da ría sen os seus vertidos? Que sería dos vendidos sen os seus euros? Que dos esmolantes sen a súa caridade? Que sería da riqueza do mar? As bateas habería que poñelas no Paraño ( dixo o Lamberto) e as conserveiras no Carballiño e facer as regatas no monte do Seixo ... E todo iso, se se desafiuza a ENCE do seu doce fogar, a praia de Pontevedra! Xa se ven sinais no ceo e ben que nos avisan os profetas de ENCE: "arrepentídevos ou Pontevedra será destruída"! Os inimigos de ENCE están ao axexo! Buscan a ruína da cidade e a caída do Reino! Vixiade sen descanso! Combatede sen piedade! O mal ataca!
Sen ENCE en Lourizán a mocidade tería que emigrar. Os nosos fillos non se poderían permitir fundar familias? Quen pagaría as pensións dos xubilados? Quen os servicios do Estado? ENCE é a garantía: Galicia non se vai despoboar encanto haxa eucaliptos para plantar!