Son moitas as lembranzas que teño da Facultade de Historia, pero hai unha que quero traer a colación. Nunha asignatura chamada Historiografía xeral, tivemos que ler un breve libro do intelectual palestino Edward W. Said (1935-2003), Representacións dun intelectual, no cal, a pesar da brevidade do texto, atopamos importantes reflexións sobre a posición do intelectual como suxeito social. Despois daquela lectura, tivéramos un debate para facer de francotiradores sobre a personaxe do intelectual e a súa realidade na sociedade de masas posmoderna. Chegamos á conclusión de que o intelectual era unha especie en extinción. Antes, o intelectual era unha personaxe dotada, non de potestas, pero sí de moita auctoritas, falando en termos de teoría política romana. O intelectual, podía opinar de todo (ou case de todo), sen necesidade de ser considerado "especialista", pero a súa opinión sempre era tida en conta, xa fora dunha opinión sobre política, moral, literatura ou unha opinión sobre arte. A súa opinión incluso podería ter un maior peso que o dun "especialista". Naqueles tempos, cando por exemplo Goethe escribiu o seu tratado Farbenlehre (Teoría das cores) no 1810 tras unha vintena de anos na súa preparación, non había "especialistas" en física óptica cunha formación académica. Hoxe en día, coa invención de múltiples graos universitarios, hai especialistas universitarios en case todo, en Historia Antiga, como o que aquí escribe, como en deseño e moda (sen menosprecio destes últimos). Hai unha tendencia a converter todo en grao universitario, creo que polo interese de abrir novas facultades que non choquen con titulacións en cidades cercanas. As veces é polo chauvinismo de distintas vilas por ter unha campus con máis titulacións que a cidade rival, como non poden repetir titulacións, o que fan é inventar titulacións novas. Xa Nietzsche queixárase das reformas universitarias da Alemaña dos seus días, cando convertían en titulacións académicas ensinanzas que antes eran propios de gremios e escolas técnicas, Nietzsche chamábaos "ignorantes útiles".
Con esta aparición do especialista universitario en todos os campos posibles ata debaixo das pedras, o papel do intelectual xa non ten sentido algún. Daquela, naquel debate entre o profesor e os alumnos e alumnas de Historiografia xeral, puxeron como claros exemplos ás opinións de certos "expertos" sobre a crise do "Prestige", "expertos" contratados polo goberno de turno para branquear a súa pésima xestión que fixo que aparecese aquela plataforma "Nunca Máis" e un movemento de indignación que percorreu toda a nosa xeografía. Ante o peso do "especialista", que é quen dicta o canon do que lícito ou non, o que verdade ou mentira, o intelectual non ten nada que dicir, non ten nada que facer e desaparece. Moitos dirán que a día de hoxe si que hai intelectuais, que non desapareceron extintos como se tratase dun tiranosauro rex. Eu pido nomes… só me sae un: Noam Chomsky, que xa ten uns anos, pero que agardo que manteña por anos a súa lucidez. Moitas veces consideramos coma intelectuais a unha serie de falabaratos xerados en serie que aparecen nos Mass media, con xesto serio e maneiras propias dun intelectual, pero que teña maneiras de intelectual significa que sexa un intelectual?. Ás veces, destes pseudo-intelectuais xa sabes o que van a dicir antes de que falen, xa que están vendidos a determinada ideoloxía e iso convérteos en predecibles. Antonio Gramsci, no seu momento preguntárase se poderían existir "intelectuais do réxime", un intelectual de corte interesado, manipulando á opinión pública. Isto sería o que Julien Bendan chamou "traición do intelectual", unha corrupción do intelectual. Aquí o intelectual trócase nun lexitimador do sistema, ademais de impulsar un pensamento único. Moito fálase do "pensamento único", pero en realidade hai entre os dous termos unha contradición: se é "único", entón non pode ser "pensamento".
Que conste que eu sempre defendo ao especialista do meu gremio, o historiador, fronte a toda unha serie de intrusismos, opinando incluso que os historiadores deberíamos estar colexiados para protexer ao noso terruño, que anos e esforzo custounos gañarnos ese título. Pero creo que nesa "ditadura do especialista" pérdese moito do espíritu crítico, ese espíritu crítico no cal nadaba e respiraba libremente a pretérita figura do intelectual. Por exemplo, cando me venden que un plátano suxeito cun anaco de cinta é unha obra de arte e eu digo que iso non é arte, haberá unha lexión de "especialistas" que me chamarán ignorante e me contarán a súa sesuda tese sobre ese tipo de "manifestacións artísticas". De seguro que gran parte dos meus lectores e lectoras que me están a ler, considerarán que son un ignorante por defender que iso non é arte, que é unha tomadura de pelo. Chamaranme ignorante por defender á música de Beethoven fronte ao que hoxe nos fan pasar por música. A miña opinión non vale, non son un "especialista", se prefiro a Caravaggio ao plátano suxeito cun anaco de cinta, é produto da miña ignorancia sobre producción artística. Ante a lexión de "especialistas" que nos din que ese plátano é tan arte como Caravaggio temos que calar. O artista, en certo momento, pensou que deixaría de ser menos artista se non era raro, e por esnobismo se pervertiu o concepto fáustico da arte. En música, comezáronse a facer cousas "raras" co dodecafonismo de Arnold Schönberg (1874-1951). O 31 de marzo do 1913, na miña amada Viena, o público abucheou a Alban Berg, discípulo de Arnold Schönberg cando interpretaba música dodecafónica. Alguén se ergueu e berrou "isto non é música", Alban Berg doulle unha sonora labazada e ao concerto daquela noite pasaría á historia da música como o "concerto da labazada" ou "concerto do escándalo" (Skandalkonzert). Non sei eu qué faría este furioso espectador se puidera asistir a un concerto dos que hoxe consideran consagrados artistas, cortaríase alí mesmo ás venas. A aquel espectador, chamaríanno ignorante, seguramente tiña un oído acostumado aos sons de Beethoven e os seus herdeiros culturais, Schubert, Brahms e Schumann, e aquilo soáballe a raios. O esnobismo e a rareza pola rareza pervertiu á arte, no momento en que o artista para selo, tiña que ser raro e romper co academicismo, tomouse un camiño sen retorno. O curioso é que hoxe os raros son os propios academicistas, pero agora non queren rachar co academicismo é volver aos valores clásicos da arte. Quizais serían incapaces de pintar coma Caravaggio e prefiran ir pegando plátanos cunha cinta, síntense máis cómodos así, na súa mediocridade. Serei un ignorante, pero para min iso non é arte. Xa sei que a miña opinión non conta, non son un especialista, e tampouco serei un intelectual, tal tipo de persoa está ameazado pola extinción co produto cultural considerado como un ben de consumo, igual ca un paquete de pañais. Iso é o efecto da expansión do Capitalismo na sociedade e a xeración dunha sociedade de masas que detesta ao intelectual e o seu xuízo.