A comezos do século XX houbo un fluxo emigratorio marinense de certa relevancia cara os Estados Unidos de América. Para moitos veciños de aquí, a figura de Antonio Outeda Santradán, nado en Montecelo (Seixo) en 1886, foi a referencia que tiñan ao arribar ao porto de Nova York, acudindo en concreto a súa propiedade en Water Street nos números 330 a 332. Este personaxe é fundamental para o estudo da historia da emigración de Marín a Norteamérica.

Un dos que marcharon cara aquel lugar foi Manuel Palmás Sequeiros, nado en Xermade (Ardán) en 1903, que con 17 anos embarcou no vapor Manchuria. Tras chegar traballou de mecánico, alí casou en primeiras nupcias cunha muller nativa dos Dardanelos (Turquía), mais adiante casaría de novo cunha parente do famoso "Xiraldo" de Marín.

Nos anos 30 solicitou a nacionalidade norteamericana. Fixo algo de fortuna, mais non se esqueceu da súa terra, realizando unha serie de obras por Xermade, apertura e arranxos de camiños, e como agradecemento veciñal se lle dedicou unha pequena praza no lugar. Hoxe en día a súa descendencia vive nos EUA.

A emigración a Norteamérica, na que participaron moitos veciños de Seixo e Ardán, tamén forma parte da nosa historia local.