Pagar por visitar lugares de culto. Portádego?

11 de marzo 2024
Actualizada: 18 de junio

Fun ver o Pórtico da Gloria. Tardei moito tempo en poder ir velo, limpo de po, case coma o orixinal do Mestre Mateo. Unhas veces porque non había entradas, outras porque eu non podía, mais as gañas de ir seguían. Dóeme, como cidadán que a través dos seus impostos colabora no mantemento dos monumentos, ter que pagar

Non podedes servir a Deus e ao diñeiro. Evanxeo segundo San Lucas 16.9-15

Fun ver o Pórtico da Gloria. Tardei moito tempo en poder ir velo, limpo de po, case coma o orixinal do Mestre Mateo. Unhas veces porque non había entradas, outras porque eu non podía, mais as gañas de ir seguían. Dóeme, como cidadán que a través dos seus impostos colabora no mantemento dos monumentos, ter que pagar. Nos derradeiros anos as obras de restauración da Catedral de Santiago de Compostela recibiron sobre 17 millóns de euros de varias administracións, 6 millóns de euros da Fundación Barrie de la Maza que foron directamente á restauración do Pórtico da Gloria. Estímase que, como mínimo, vanse acadar case 2 millóns de euros anuais que segundo a Fundación Catedral van a ir á conservación do Pórtico, ao igual que os case 1,5 millón de euros que sacan do Museo Catedralicio. Non vou dicir eu que iso non sexa así, porén o que me preocupa é que non vexo moi "lóxico" que paguemos por unha cousa que, ao fin e ao cabo, foi financiada polos galegos. Reflexionando sobre isto lembreime dunha palabra moi pavera, fun ao dicionario da RAG e busqueiPortádego: substantivo masculino1. Cantidade que se paga para poder pasar por un lugar determinado dunha vía de comunicación, ou por acceder a determinados lugares. Así me sentín eu pagando por entrar, pagando unha peaxe dobre, unha a entrada e outra os impostos. Sei que tamén cobran nas outras catedrais de Galicia para poder entrar a velas, a derradeira en cobrar foi a de Lugo, ao igual que a maioría das catedrais de España. Dicir que cando entrei na catedral de Santiago sentinme un pouco como nunha área comercial polos anuncios que había en xeito de carteis, que si a iluminación a paga Iberdrola, que si o Pórtico foi restaurado con cartos da Fundación Barrie, mais non aparecía ningún cartel no que puxese cantos cartos puxo cada galego, ou español para o mesmo labor.

Cando visito París gozo vendo Notre-Dame ou a vella catedral de Saint Denis, sen pagar. Como é iso? Francia, Portugal e México, entre outros, son países que teñen recoñecido xurídicamente o patrimonio histórico como parte do patrimonio do Estado. Fundaméntase en que foron feitos ao longo da historia co esforzo da súa xente e para o uso cidadán. Nestes países a relixión católica foi a relixión oficial do Estado durante séculos. Coa separación de Igrexa e Estado ese patrimonio cultural desafectouse e pasou a administración do Estado. Francia, en 1905, aprobou a separación Igrexa e Estado. A Igrexa católica foi autorizada a usar os edificios litúrxicos de xeito gratuíto, sempre e cando foran dedicados ao culto, pero a súa conservación ía facerse polo Estado. Portugal fíxoo a través dun Concordato, en 1940 no que o punto máis salientables di que "... os inmobles clasificados como monumentos nacionais ou de interese público (...) quedarán como propiedade do Estado, pero afectados permanentemente ao servizo da Igrexa. Incumbe ao Estado a súa reparación, conservación e restauración."

Que pasa con España? Coma sempre, tarde, arrastro e sobre todo mal, moi mal. Aprobada a Constitución, o 6 de decembro de 1978, unha das primeiras medidas do Estado Español foi asinar un Concordato coa Santa Sede o día 3 de xaneiro de 1979, , é dicir que aínda non pasara un mes, https://www.boe.es/eli/es/ai/1979/01/03/(1). Nese Acordo establecíase que para a Igrexa a: "exención total e permanente dos impostos reais ou de produto, sobre a renda e sobre o patrimonio". Houbo unha queixa da Comisión Europea no ano 1989 ata que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea , na sentencia do caso C74/16 di que "as exencións fiscais que desfruta a Igrexa Católica en España poden constituír axudas estatais prohibidas si se outorgan respecto a actividades económicas e na medida na que se outorguen respecto de tales actividades".

En España somos expertos na lei de Murphy, e si algo vai mal pode aínda ir peor. E nisto chegou o goberno de José María Aznar que en setembro de 1998 modificaba a Lei Hipotecaria coa desculpa de "la adaptación a las últimas reformas legales, acomodación del ejercicio de la función del Registrador a las nuevas necesidades y regulación de figuras carentes de una reglamentación registral actualizada". O máis simpático desta modificación era que facultaba a Igrexa católica, e só ela, para rexistrar ao seu nome inmobles coa sinatura do bispo de onde estivera radicado ese ben como proba de propiedade. É dicir cunha autocertificación pódese rexistrar ao seu nome. Expoliáronse bens que pertencían ao Tesouro Artístico Nacional declarados pola República no 1931 como a Mesquita de Córdoba, a Seo de Zaragoza ou a Xiralda de Sevilla entre outras rexistradas. Mais tamén se rexistraron carballeiras, campos da festa e locais de xuntanzas dos veciños. Fálase de máis de 40.000 inmatriculacións.

Velas de ofrendas en Notre Dame, Paris, antes do incendio, entrada gratis. Foto do autor

 

 

Cando falamos de actitudes persoais falamos de moral, que unha cousa privada de cada quen. Mais cando falamos de inmatriculación con autocertificacións, de non pagar IBI, de exención de impostos ou de pouca (ou ningunha) transparencia estamos a falar de ética. O Papa Francisco manifestou que "os conventos baleiros non deben servir á Igrexa para transformalos en aloxamentos e gañar diñeiro" https://elpais.com/internacional/2013/09/10/actualidad/1378843229_047741.html . Non falo do gratis total, non. Sei que as cousas custan, e moito, mais débese ter en conta con que cartos se pagan as cousas e establecer discriminación positivas para a súa veciñanza como por exemplo que os galegos non paguen por entrar nas catedrais de Galicia, ou que teñan alomenos tres días da semana gratis para axente de aquí. Non é moito pedir si a Xunta, deputacións e concellos inviste no mantemento e restauración de edificios relixiosos.

A Conferencia Episcopal Española (CEE) con moito poder, sempre fala de defender o "Estado de Dereita", non, non me equivoquei, defenden o seu "statu quo". Si entramos no IBI e impostos a CEE sempre se remite ao Concordato do ano 1979 dicindo que non se pode facer nada que iso de recoñecer edificios xa recoñecidos pola República, que Roma (Santa Sede) non o aceptaría. Iso non é certo e o exemplo máis claro é Portugal que renovou o Concordato no ano 2004 no que se mantén a propiedade do Estado portugués sobre os "monumentos nacionais" ou tamén chamados "bens relixiosos de interese público", igual que no 1940, engadíase un novo articulado coa advertencia de que "ningún edificio, templo ou dependencia ou obxecto afecto ao culto católico podería ser derruído ou destinado a outra fin sen avisar a autoridade eclesiástica correspondente". Aínda está sen explicar porque os nosos veciños portugueses o poden ter no seu Concordato e nós non. Alguén nos debe unha explicación, porén os bispos españois non son de dar moitas explicacións como vemos nos casos de acotío, non lle fixeron moito caso a San Lucas 16,9-15. Co amaño que fixo Aznar ca asesoría do ministro e rexistrador M. Rajoy, acabarán no inferno ou zafarán? Deus proveerá.