Outubro entre Valle-Inclán e Dante

04 de noviembre 2024

"Los héroes clásicos reflejados en los espejos dan el Esperpento. El sentido trágico de la vida española sólo puede darse con una estética sistemáticamente deformada."(Max Estrella, na escena duodécima de "Luces de Bohemia" de Ramón del Valle-Inclán")

Volvín a ler a Valle-Inclán o mes pasado. Sempre me gustou a súa obra. Sígueme chamando moito a atención "Luces de Bohemia". É a definición da súa obra, o Esperpento. Max Estrella, o protagonista, na derradeira noite da súa vida, recorre un Madrid no que van pasando os conflitos da época, aínda que valería para hoxe, crúzase con personaxes como políticos corruptos, periodistas servís, poetas modernistas, obreiros revolucionarios, bohemios borrachos, ultraistas,... O espello cóncavo descubre as miserias. Max Estrella o cego que se gusta ver nos espellos da "Calle del Gato" que deforman a imaxe.

Estando no desfrute de Valle a actualidade tamén é esperpéntica. O día 24 o portavoz parlamentario de Sumar presenta a dimisión de todo, deputado, portavoz e cargos no grupo. Os parvos, e provincianos coma min, pensamos: que pasou aquí?. Dinlle voltas ao maxín e non vía nada. O rapaz máis "listo", o que non matou unha mosca, o que entrevistaban en todos os lados, o "sensato", o que máis usou a dereita, e non tan dereita, mediática conta Podemos. Lin a carta que mandou aos medios e, sinxelamente, vina entre cursi e pedante, que queren que lles diga, e senón analicen a frase seguinte: "...genera una subjetividad tóxica que en el caso de los hombres el patriarcado multiplica...". Acusou o neoliberalismo do seu mal cando o que tería que dicir era machismo. Quedou tan pancho. Pasadas unhas horas da dimisión mergulleime na lagoa, contaminada, de Elon Musk e xa hai "preparados" que sabían, fai anos, como era o comportamento machista do personaxe. Parecía que había moitas persoas que o sabían, mais ninguén denunciaba, desoíndo o Código Penal e a Lei Contra a Violencia de Xénero que obrigan a denunciar calquera feito que supoña unha agresión, un posible delito sexual ou maltrato. Lémbrame a situación vivida co emérito, moitos o sabían e moitos calaban.

Fun separando a palla do gran. A vida sexual das persoas non me interesa, o que me preocupa son outras cousas. Preocúpame o acoso, o abuso, o comportamento machista, tamén me preocupa quen sabe e cala. Analicei a resposta que se deu por parte do seus grupos políticos e vexo que é moi mellorable. Houbo respostas moi tarde e, por riba, eran dubitativas. O mellor é recoñecelo, a humildade é un valor importante, claro que na política curtoplacista deste país a humildade non cotiza. Non crin a Urtasun cando dixo que non funcionaron os protocolos que, por certo, nunca se puxeron en marcha. Neste caso a tardanza, coma os silencios son atronadores e trae como consecuencia que lle quita importancia e minimiza o relato das mulleres. Vexo como se converte a líderes políticos en heroes ou en sumos sacerdotes, provocando un seguidismo que non cuestiona nada, cando o que temos é que esixirlle coherencia entre o que fan e o que din, e si son cargos (dáme igual si é na política, na empresa, ou calquera outra cousa que implica poder) máis aínda, sobre todo cando van pola vida de exemplarizantes. Hai que aprender dunha vez que os comportamentos machistas están en todos os lados, na empresa, no deporte, na banca, na administración, e moitos sitios máis e, como non podía ser menos tamén na política, tanto na dereita como na esquerda ou no centro (si existira). O machismo é transversal. Moitos na esquerda pensan que o líder por ser un sumo sacerdote que mexa colonia, e nalgúns casos o que é de verdade é un machista.

Falan os medios madrileños das descomposición da esquerda. Como eles viven do madridcentrismo, eu pregunto e que solo hai esquerda en Madrid? Non existen ERC, BNG, Bildu, Compromís, Adelante Andalucía e outros grupos de esquerda?. A esquerda española anda sempre en leas, vai incluído no que o profesor Ignacio Sánchez-Cuenca lle chama a "esquerda fisípara" no que define que "o maior idealismo moral da esquerda explica a frecuencia dos seus conflitos internos, das súas rupturas e escisións". Xa comeza a verse como algúns se están tirando ao pescozo doutros a ver se pillan cacho.

Aínda así e todo hai unha cousa que me amola moito e é a actuación do Partido Popular no tema que está poñendo o ventilador. O PP ten detrás, entre outras, o caso Nevenka, que se gravou a película en Zamora porque o alcalde do PP de Ponferrada non deixou a vila para facelo, que lle fixo un homenaxe, organizado por Ayuso, a Plácido Domingo e que Francisco Granados fixo aquela famosa frase de "un volquete de putas". Neste país o PP sempre foi parte do problema. Recorreron á Lei do aborto e á Lei de Igualdade. Opuxéronse ao matrimonio igualitario, aos dereitos das persoas trans. E ata fai pouco gobernaron coa extrema dereita machista e misóxina. Este caso debería dar pe a un #MeToo xeral, non só na política, senón tamén na empresa, na banca e en todos os sectores e institucións. Non podemos subtraernos do paradoxo de todo isto, si o exdeputado vai ao cárcere vai ser primeiro pola súa culpa e polo seu comportamento machista, mais tamén pola reforma da lei que o seu grupo político e máis el promoveron.

No espello cóncavo, vemos as miserias. Como non hai dúas sen tres tamén na política galega vivimos o Esperpento e as miserias de Alfonso Rueda. O martes día 29 concedéuselle a Manuel Rivas o Premio Nacional das Letras Españolas polo Ministerio de Cultura do Goberno de España. É a primeira vez que se lle concede a un escritor en lingua galega. Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia non o felicitou. Rueda si felicitou, e encomiou, a Rafa Nadal cando anunciou a súa retirada como profesional do tenis. Onde imos —debe pensar Rueda — comparar a Manolo Rivas que nin xoga ao tenis (profesionalmente), nin colabora cunha teocracia polos cartos como é Arabia Saudí, e por riba Manolo defende o galego. Xa sabemos que Rueda o que quere é que desapareza. Rueda non sabe ser, nin estar. Esperpéntico e miserable.

Non podo rematar este artigo sen falar das imaxes dantescas que estamos vendo. Era martes, comezaba a facer os primeiros borradores deste artigo, comezan a chegar as primeiras imaxes dos danos da DANA, ou Gota Fría, primeiro Andalucía, logo Castela-A Mancha e cébase na Comunidade Valenciana. As redes ferven. As imaxes sobrepoñen, coido que ninguén se imaxinou unha cousa así, alomenos de tanto tamaño e en tantos sitios á vez. Miro as imaxes que saen pola televisión, desesperación, impotencia, ruína, vidas desfeitas, negocios arruinados. Miro as imaxes e choro. Choro de impotencia, choro de solidariedade, mais tamén choro de rabia. Cantas vidas se salvarían se se fixeran as cousas ben. Isto xa comeza por planeamentos urbanísticos ocupando espazos que eran do ríos e torrentes, logo construíndo enriba. Máis adiante rodéanse de infraestruturas viarias que no seu deseño tampouco deixan pasar a auga que, por si alguén non o sabe, ten memoria histórica e volve por onde foi sempre. Para rematar xuntamos a fame coas gañas de comer que é a mala xestión, que ata o de agora, está facendo o goberno da Generalitat Valenciana con seu presidente ao fronte. O señor Mazón xogou ao que o profesor Antón Losada describe moi ben nun artigo de CTXT e que describe como: "As catro fases típicas son: non vai ser para tanto, seguro que se arranxa só, seguimos o protocolo e a culpa é dos demais", o profesor Losada a xestión española en: https://ctxt.es/es/20241101/Firmas/47803/Anton-Losada-gestion-de-crisis-espana-politicos-protocolo.htm , Dante escribiu a Divina Comedia en tres cánticos, o primeiro é O Inferno, que é o que se está vivindo agora. O seguinte éO Purgatorio que é o que, por desgraza, imos ver bastante tempo, tanto, que non sabemos cando se chegará ao terceiro que é O Paraíso.

Mais hai que volver ao Esperpento protagonizado por Alberto Núñez Feijóo. As galegas e galegos sabemos da súa inutilidade, aquí actuou como un xestor administrativo que preparaba todo para gañar eleccións, pero política "seria" nunca a fixo. A súa aparición en Valencia, as súas palabras botando a culpa do que pasou ao Goberno (AEMET), creando dúbidas para sacar réditos á conta das desgrazas, impresentable. A imaxe que hai que dar é a de unidade e non a do Esperpento Feijóo. Debería lembrar a Valle-Inclán cando di: "La imagen más bella es absurda en un espejo cóncavo".