Outra vez. O cabalo de Atila, (CASTELAO, Álbums) xinetado polo Caudillo, fincou as ferraduras unha vez e outra vez no noso territorio. Polo noso ben. Do atraso ao progreso. Do progreso á riqueza. Unha carreira dura; pero segura. Sempre con sangue. Sempre polo noso ben. O cabalo, nas crinas o corno da abundancia, no ramal o vergallo do terror. Cada couce, un chanzo no progreso. Un tren de emigrantes. Centos de casas abandonadas. O progreso, a riqueza. As bestas.
Para mostra, un botón. Progresamos con ENCE? Moito. Á vista está. Con abrir os ollos, abonda. Co progreso industrial dos nosos montes, asociado a ENCE, limpan os mocos e os cenzos non se sabe en cantos países.E o mercurio na ría? Pouca cousa! Que sería de Pontevedra sen ENCE? Que sería da nosa foresta sen o monocultivo do eucalipto? E o espectáculo dos incendios? Grandioso! "As bestas" (Rodrigo Sorogoyen -2022) Canto agradece o gran benfeitor don Eme Punto o ben merecido diploma de Indesexable, outorgado oficialmente por esta cidade!
Tamén os encoros. Polo noso ben. Outra vez as bestas. Outra vez, polo noso ben. Ocuparon centos e centos de fanegas de terras fondas. Alagaron miles e miles de ferrados das mellores varxas. Outra vez, polo noso ben, enchéronse os trens de emigrantes. Polo noso ben, expulsaron aos labregos dos eidos e ocuparon o as súas terras de labor. Galicia, territorio ocupado. "Adiós ríos" (Rosalía). "Un hotel de primeira sobre o río" (Xohana Torres).
"Españoles, Franco ha muerto". "Xa morreu o burro que carrexaba o vinagre" festexamos bébedos e sobrios. Nas rúas e nas casas. "Cando penso que te fuches negra sombra... tornas facéndome mofa" (Rosalía). Quedaron as bestas. Cabálganas os epígonos. PiPiolos. Figuras efémeras con sangue de ovella morta e mentalidade túzara (Manuel Rivas) ocupan o museo de cera de San Caetano. Democraticamente. Para o noso ben. Destrúen o ser da Galiza: "o geos o etnos e o logos" (Vicente Risco). Polo futuro da Galiza. Gobernan cun tuzarismo anémico. O tuzarismo ceporro telladiano, non. Iso para Madrid. Aquí un tuzarismo máis de Obra e de submisión. Menos xenital. Menos tarugo. Máis urbano. Mais de rodas de muíño: "O Ditame dos técnicos... Tan certo como a infalibilidade do papa. Abride a boca. Tragade a Roda". Abrimos as bocas para dicir NON. Non tragamos. "Os postos de traballo. Dobrade os xeonllos. Abaixade as cabezas. Estades ante o sagrado". Co corpo firme e a cabeza dereita saímos as rúas e as prazas para dicir con voz grande ALTRI NON. ENCE FORA.
Non as queremos. Non queremos ENCE. Non queremos ALTRI. Con iso abonda. Só o si é si. Non CONSENTIMOS que os nosos recursos naturais sexan o motivo da nosa desventura. Non TOLERAMOS que a riqueza do noso ecosistema sexa a causa da nosa pobreza social e da nosa emigración. Non PERMITIMOS que ocupen o noso territorio.