Os vertidos ao Lérez: o conto de nunca acabar

30 de octubre 2022
Actualizada: 18 de junio 2024

Non dubidamos en estudar a posibilidade de denunciar xudicialmente estes vertidos e esixir, por esta vía, as sancións aos responsábeis de atentar contra o medio ambiente natural de forma continuada.

Alertados por un asociado da APDR, achegámonos hoxe sábado 29 cando eran as 12:00 da mañá, até a marxe esquerda do río Lérez, para observar á altura do mercado de abastos, unha escena que por desgraza vense repetindo con demasiada frecuencia e que temos denunciado en infinidade de ocasións nos medios de comunicación e no Concello de Pontevedra, Viaqua e Xunta de Galicia.

Como nas anteriores ocasións, coincidindo con momentos de intensas chuvias, podíase observar un importantísimo vertido que polo aspecto visual e polo cheiro, podemos afirmar que se trata de augas residuais urbanas. E producíase días atrás unha situación moi semellante na autovía a Marín, á altura de Cocheras.

Resulta inaceptábel que unha cidade como Pontevedra, con razón orgullosa do seu modelo de cidade, dos avances acadados en materia de mobilidade peonil, de ter optado pola redución do tráfico e de terse situado á cabeza das cidades do Estado tamén no que fai á redución da contaminación por ozono, sega pechando os ollos a esta realidade.

Pontevedra semella seguir ignorando o que supón ter un río como o Lérez; segue vivindo de costas aos seus ríos e, polo tanto, ao ecositema río-ría que tanto pode aportar á calidade de vida das persoas, ao seu dereito ao lecer, e á economía da comarca.

Temos que lembrar que nunha das últimas denuncias deste mesmo vertido, alá pola primavera do ano 2021, obtivemos unha resposta oficial de Viaqua: o vertido víñase producindo pola existencia dunha deficiencia estrutural na canalización dos vertidos fecais, unha deficiencia que "quedaría resolta nese mesmo verán, pola imposibilidade de facelo en épocas de choiva".

Este novo vertido fai ver que aquela resposta foi, máis unha vez, un puro conto para saír do paso.

Lamentabelmente, esta realidade entra en clara contradición cos obxectivos presentados na exposición municipal que, baixo o slogan "Pontevedra flúe", pódese ver sobre a Ponte do Burgo, un entorno inigualábel danado sistematicamente pola existencia destes inexplicábeis vertidos.

Desde a APDR, denunciamos máis unha vez esta situación; esiximos explicacións razoábeis ao Concello, a Viaqua e/ou á Xunta de Galicia e esiximos responsabilidades a quen corresponda.

Neste sentido, non dubidamos en estudar a posibilidade de denunciar xudicialmente estes vertidos e esixir, por esta vía, as sancións aos responsábeis de atentar contra o medio ambiente natural de forma continuada.

 

Antón Masa, presidente da APDR