Os mestres atesouran libros, e memoria

21 de junio 2022
Actualizada: 18 de junio 2024

Foi o 29 de maio, no Campo das Laudas. Aquela mañá solleira de domingo xuntámonos no castrelo conmemorativo das Raposeiras (Meilide-Cerdedo) máis de setenta persoas, ao reclamo da figura inmorredoira de Francisco Varela Buela (1890-1981), don Paco, o mestre máis sabio e respectado (que non temido) de Cerdedo. Entre os asistentes, contabamos coa presenza de María Xosé Varela, neta do mestre, mestra coma el, e mais coa presenza da súa familia

Os mestres atesouran libros, e memoria

 

Maqué Varela, neta do mestre represaliado Francisco Varela Buela, dona á biblioteca do colectivo Capitán Gosende dúas xoias bibliográficas propiedade do seu avó.

 

Calros Solla

 

Foi o 29 de maio, no Campo das Laudas. Aquela mañá solleira de domingo xuntámonos no castrelo conmemorativo das Raposeiras (Meilide-Cerdedo) máis de setenta persoas, ao reclamo da figura inmorredoira de Francisco Varela Buela (1890-1981), don Paco, o mestre máis sabio e respectado (que non temido) de Cerdedo. Entre os asistentes, contabamos coa presenza de María Xosé Varela, neta do mestre, mestra coma el, e mais coa presenza da súa familia.

Tras o infausto verán do 36, don Paco, adaíl da Constitución republicana e da renovación pedagóxica en Cerdedo foi detido,xulgado en consello de guerra, condenado a cadea perpetua nun xuízo fraudulento, condenado a traballos forzados, expulsado do maxisterio, difamado...; vítima da horda fascista en rebeldía (hogano, avivecida), sempre esporeada polo berro "Viva la muerte, muera la inteligencia!". Ao longo das últimas décadas, esta foi a consigna inspiradora dunha praxe política que acabou por extinguir o municipio de pura inanición intelectual. Cerdedo agoniza, é un feito; por moito que a maioría absoluta entreteña o transo rezándolle o rosario ao ente vexetatito.

Moito lle debe o pobo de Cerdedo ao seu vello mestre. O colectivo Capitán Gosende, que detesta a mansedume comenenciuda, arrepúxose á ignominia institucional e ao silencio pecuario e dedicou a novena lauda do Campo das Laudas a resarcir a débeda contraída co maxisterio republicano, do que o cerdedés Varela Buela é selleiro representante.

O domingo 29, minutos antes de comezar o acto inaugural no Campo das Laudas, María Xosé Varela (Maqué) fíxonos entrega agarimosa e agradecida de dous libros que pertenceran á biblioteca do mestre don Paco, seu avó. Quede constancia do feito. Libros: non hai cousa neste mundo máis estimábel!

Non é só o feito da doazón o que converte en noticiábel o asunto, senón o significativo dos dous libros doados, que bosquexan oportunamente o carácter da persoa que os considerou merecentes de integrar a súa colección particular. Referímonos a un exemplar autografado do poemario "Voando cas aas da vida" da autoría de Avelino Cachafeiro Bugallo (1899-1972) e a un exemplar de "O porco de pé" do polígrafo ourensán Vicente Risco (1884-1963). Varela Buela asignoulle ao poemario do Gaiteiro de Soutelo o nº 270 da súa biblioteca, e ao volume de Risco, o nº 682.

O poemario de Avelino Cachafeiro, publicado en 1969, foi editado polo autor e impreso por Artes Gráficas de Faro de Vigo, no seu antigo obradoiro da rúa Colón (Vigo). Os labores de impresión rematarían o 30 de xuño de 1969. Os versos do soutelán precédense da caricatura e do texto que, a xeito de eloxio, Afonso Daniel Castelao lle dedicara na primeira do xornal vigués Galicia (10-8-1924), datados en Soutelo de Montes o 30 de xullo de 1924; e mais do prólogo de Ramón Otero Pedrayo, datado en Trasalba (Amoeiro-Ourense) en novembro de 1968.

A biblioteca do colectivo Capitán Gosende xa contaba con outros dous exemplares deste poemario, porén, o que converte esta terceira achega nunha xoia é a dedicatoria e mais dous poemas que o gaiteiro de Soutelo de Montes, empregando unha estilográfica de tinta azul, engadiu do seu puño e letra nas páxinas 3 e 6.

Fiel transcrición da dedicatoria (páxina 3):

 

Pro meu vello amigo

D. Francisco Varela Buela

O meu regaliño do Apostol 1970

 

 Dedúcese que Avelino Cachafeiro cumprimentou a Francisco Varela Buela co seu libro de poemas o Día Nacional da Galiza, é dicir, o 25 de xullo de 1970, dous anos antes do falecemento do músico e once anos antes do pasamento do mestre. Avelino Cachafeiro morrería con 73 anos (en 1972) e Francisco Varela con 91 (en 1981). O mestre, pois, leváballe ao gaiteiro nove anos. Así mesmo, o galano rememoraba cando, corenta e seis anos antes, pola festividade do Apóstolo, no Certame de gaitas e bailes, o de Soutelo fora proclamado en Compostela "o mellor gaiteiro da Galiza" (1924). Na devandita caricatura de Castelao, tantas veces reproducida, o rostro inerte de Rosalía de Castro se acocha entre os brazos do repoludo gaiteiro. A cantora do Sar "alentando a Galiza nun fol": bela metáfora.

Na páxina 6 do libro en doazón, baixo a referida caricatura, Avelino Cachafeiro escribiu a man:

 

Toquei diante a Santa Susana

pra cara branca de Rosalia.

Castelao esmaltoulle a cariña

no fol da miña gaitiña.

¡Pra aledarlle as soedades

do sono de Rosalia!

Avelino Cachafeiro

 

En maio de 1970, Avelino Cachafeiro aínda atendía a encomenda de ser xurado no "Concurso Regional de Gaitas" que, pola Ascensión, se viña celebrando en Compostela.

A seguir, achegamos a fiel transcrición do poema da páxina 3, escrito a man polo autor no espazo en branco existente debaixo do título:

 

Na riveiriña do Lerez

naceu miña nai Delores,

naquela aldeiña da Ponte

naiciña dos meus amores.

Paxariños cantores do Lérez

no Cotelo suvide os carballos,

pra escoitar os vaguidos do vran

nas casiñas dos Bugallos.

Xantade no Cachafeiro

ide o Pego a Candelora,

pra que encenda as luciñas do vran

pidillo a nosa Señora.

¡Campaniñas de Folgoso

e San Pedro de Parada

alboreade cos paxariños

no día da Candelora!

Avelino Cachafeiro

 

Nunha busca apresurada, atopei á venda en Internet outros dous exemplares do poemario. Ambos os dous, autografados por Avelino Cachafeiro. Saliento este particular por se alguén estar interesado en facer unha reedición da obra, enriquecéndoa cos poemas inéditos que o autor foi engadindo e espallando en innúmeras dedicatorias. Verbigracia:

Poema do exemplar 1 (Soutelo, 22-7-1969): Coa miña gaitiña/o lombo/na era espacial/rompín a voar/esmaltando a miña/doce Galiza/co meu agasalleiro/cantar.

Versos iniciais do exemplar 2 (1971): Ó pé do Arenteiro entre terras esgrevias/unha nai acendeume no peito un luceiro,/no adro da irexe de Oseira/co filliño no seu Cruceiro...

 

O outro libro recibido en agasallo na biblioteca do Capitán Gosende é, como dixen, un exemplar de "O porco de pé e outras narracións" de Vicente Risco. Esoutras narracións son as célebres: " Do caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros", "Os europeos en Abrantes", "O lobo da xente" e "A trabe de ouro e a trabe de alquitrán". Trátase do título nº 8 da colección Trasalba, organizada pola Editorial Galaxia; libro editado en Vigo no ano 1972. A primeira edición de "O porco de pé", ao coidado da Editorial Nós, aparecera no ano 1928. A edición de Galaxia adórnase coas ilustracións de Xohán Ledo. Daquelas, o prezo do libro, indicado a lapis no recanto superior dereito do anverso da páxina de cortesía, era de 150 pesetas (as mesmas pesetas que, en 1924, o gaiteiro de Soutelo recibiu de premio ao coroarse en Compostela). Francisco Varela Buela forrou o libro cun papel de envolver de cor branca crema. Na portada, don Paco, con estilográfica azul, escribiu: "O Porco de pé e outras narracións, por o noso Vicente Risco. De D. Francisco Varela Buela de Cerdedo (Pontevedra)". A prosa de Risco adobíase coas anotacións, a lapis e á marxe, de don Paco. O exemplar engade entre as páxinas 126-7 unha fita de papel, que se empregaba como marcapáxinas.

Se o libro "Voando cas aas da vida", en poder de Varela Buela dende 1970, facía o número 270 da súa biblioteca persoal, e "O porco de pé e outras narracións" (1972), o número 682, deducimos que, en pouco máis de dous anos, o fondo bibliográfico do mestre se veu incrementado en 412 títulos.

De gozar dos beneficios dunha máquina do tempo, moito me chistaría recuar nos almanaques e, coma pícaro devezoso de saber, asistir en Cerdedo a unha das clases de don Paco; sobre todo a aquela na que o mestre, en pé dende a tarima, con ton retranqueiro, lles leu en alto aos seus alumnos: "Na post-guerra, D. Celidonio ascendeu de porco a marrán e chegou a Alcalde".

Avelino Cachafeiro Bugallo.

Familiares de Francisco Varela Buela no Campo das Laudas, a carón da lauda do homenaxeado.

Francisco Varela Buela (fotografía do ano 1978).
Portada do libro O porco de pé e outras narracións, de Vicente Risco (Galaxia, 1972).

 

Portada do poemario Voando cas aas da vida (1969), de Avelino Cachafeiro Bugallo.

Primeira do xornal vigués Galicia do 10 de agosto de 1924.

Vicente Risco.