Os antibióticos, unha das seis grandes novas ameazas ambientais no século XXI

26 de enero 2018
Actualizada: 18 de junio 2024

Un dos seis desafíos que forman parte do informe "Frontiers 2017" plantexa a resistencia aos antimicrobianos. No ano 2015 a Axencia Europea do medicamento informou que se venderan 8.361 toneladas de antibióticos veterinarios na Unión Europea, Suíza e Islandia

O pasado decembro en Nairobi, expertos de todo o mundo, concorreron á xuntanza da ONU- MEDIO AMBIENTE para tratar novidosos problemas ambientais que están afectando o planeta e que ó longo do século XXI terán un protagonismo indiscutible. 

Un dos seis desafíos que forman parte do informe "Frontiers 2017" plantexa a resistencia aos antimicrobianos. No ano 2015 a Axencia Europea do medicamento informou que se venderan 8.361 toneladas de antibióticos veterinarios na Unión Europea, Suíza e Islandia inclusive. España foi o país onde se mercaron mais antibióticos, unhas 3.000 toneladas; máis do dobre que o segundo, Italia.

A este ritmo esperase que para o ano 2030 a demanda creza ata un 67%. Deste xeito, o 75% dos antibióticos que se venden son para consumo animal. As industrias gandeiras ─bovino, porcina, avícola e as piscifactorias─ consumen xa máis antibióticos que os seres humanos, isto plantexa un grave problema ambiental e de saúde pública.

O emprego de antibióticos esta dirixido a previr infeccións nas poboacións de animais altamente susceptíbeis ás infeccións debido a perturbacións inmunolóxicas producidas polo apiñamento, as manipulacións e os problemas dietéticos creados pola crianza nun sistema industrial.

Estes antibióticos desplázanse o medio natural, atopándose con colonias de bacterias que se fan resistentes aos antibióticos. No caso do gando, o medio de desplazamento é o abono de esterco, no que se pode acumular ata o 80% do antibiótico, contaminando escorrentías de augas superficiais e augas subterráneas. Un exemplo do grave problema que isto supón, esta en Cataluña, o segundo maior produtor de carne de porco de Europa. O Govern catalán gasta máis de 6 millóns de euros ao ano en subministrar auga potable ás zonas afectadas pola contaminación dos xurros cos que abonan os campos as granxas porcinas, xa que a poboación que vive nas zonas onde se atopan as granxas non ten acceso a auga potable. 

No que se refire as piscifactorías o problema aínda é maior: nas contornas acuáticas os antibióticos escapan do seu confinamento espacial, repercutindo no medio ambiente do seu entorno podéndose propagar por áreas máis extensas. Ata tres cuartas partes do antibiótico que se lle da os peixes dispérsase no medio mariño. Alí exercen como panca para que as bacterias que sobrevivan sexan as máis resistentes, ademais do seu efecto en procesos de alteración da microbiota ambiental a causa dos seus desperdicios, que xeran tamén cambios drásticos no plancto.

En Chile, por exemplo, o segundo maior produtor de salmón de piscifactoría do mundo, non existe un programa de seguridade alimentaria que garanta a ausencia de antibióticos residuais na carne de salmón e outros produtos acuícolas. O alto contido en antibióticos residuais desta carne vai alterando a flora intestinal normal da poboación humana e producindo potenciais efectos tóxicos.

O uso de toneladas de antibióticos na industria acuícola probablemente tamén expón ao persoal traballador, súas familias e súas comunidades á actividade antibiótica destas sustancias, creando alteracións nos intestinos, pel, farinxe ou xenitais da flora bacteriana normal. Isto favorece a aparición e a diseminación de bacterias resistentes aos antibióticos e a infección con bacterias patóxenas.

Segundo o informe da ONU, as superbacterias atoparon un medio ambiente cargado de residuos químicos ideal para medrar e fortalecer a súa resistencia aos antibióticos. A contaminación de augas e solos cunha xigantesca cantidade de medicamentos usados na industria de animais, na hixiene persoal ou de desperdicios hospitalarios está a favorecer este problema. A maiores, convén sinalar que a depuración de augas urbanas non está preparada para o tratamento deste tipo de residuos.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) pide que sexan prohibidos os antibióticos máis potentes en animais de granxa, un consello que , ao non ter forza legal, segue sen ser atendido.

Médicos en todo o mundo advirten dun apocalipse post-antibiótico, falan da necesidade de accións en todo o mundo para abordar este problema "oculto" que xa está cobrando vidas. Se os antibióticos perden a súa efectividade, significaría, segundo moitos médicos, "o fin da menciña moderna". Sen os medicamentos para combater infeccións, as intervencións médicas comúns (como as cesáreas, os tratamentos contra o cancro ou unha prótese de cadeira, por citar algúns) volveríanse moi arriscados e a menciña de transplantes sería imposible.

Ante este panorama desolador, unha das cousas das que non somos conscientes é a falta de información cando imos mercar estes produtos, tanto carnes como peixe de piscifactoría, a opacidade total, se lle preguntaramos, o que nos vende a carne, con que antibióticos foron tratados estes animais e en que cantidade. O normal é que non saiban respostar, pero o máis grave é que os supermercados ocultan esta información ao consumidor. En xustiza, hai que recoñecer que tampouco a ninguén lle da por preguntar cando vai un restaurante e pide carne ou salmón polo tratamento do mesmo.

Pero isto tamén está cambiando. Recentemente, Marks & Spencer foi o primeiro supermercado do Reino Unido en publicar detalles sobre o uso de antibióticos na súa cadea de subministro agrícola. A compañía deu a coñecer na súa páxina web información sobre as cantidades de antibióticos que os granxeiros empregan na gandería que lles subministra carne, ovos e produtos lácteos, información que se vai actualizar regularmente para mostrar o progreso na redución do uso de medicamentos humanos vitais na cría de gando.

Iniciativas como esta da cadea británica son moi estimables, xa que avanzan na dirección de poñer fin á incoherencia total que existe entre o consumo humano dos antibióticos, moi restrinxido, e a falta de restricións no seu emprego en animais.