Un dos primeiros síntomas da decadencia é a aparición da soberbia. Cando se traspasa esa liña que separa o respecto da desconsideración hacia as propostas dos demais, estase iniciando unha viaxe cara a derrota.
Fai ano e medio o alcalde Lores iniciou esa viaxe. Non porque decidise gobernar en solitario. Senón porque optou por desprezar as propostas que lle chegan alén do seu partido. E nomeadamente decidiu desprezar as aportacións do Partido Socialista. Teña por seguro o lector deste artigo que se pode gobernar en minoría e facer as cousas moito mellor. Basta con non pechar as fiestras ou con non saír ao balcón a exercer de Nerón.
Basta con manter esa humildade que caracteriza ao bo gobernante. Memento mori (Lembra que eres mortal) lle susurraban aos xenerais vitoriosos cando voltaban a Roma. Memento mori, me atrevo a dicirlle hoxe ao alcalde Lores.
Outro dos síntomas da decadencia e algo mais prosaico. Consiste na deixadez. En pensar que as cousas saen adiante por si soas ou porque o diga algún titular de prensa.
A deixadez é compañeira inseparable da mala xestión. E aínda peor que esa mala xestión é a falla de xestión. O alcalde cultiva un grupo de goberno especialmente deixado. E non é soamente culpa deles ou delas. Basicamente é culpa do señor Lores, porque el ten a responsabilidade de dirixir e de esixirlles que fagan o seu traballo que non é outro que mirar por Pontevedra. E non o está a facer.
As cousas, os proxectos non se fan porque se poñan nun papel, porque se escriban nun artigo de prensa ou porque se repitan nos actos públicos. Os proxectos necesitan esforzo, resolución para levalos adiante e unha dirección axeitada. Este ultimo ano e medio serviu para descubrir que o señor Lores, ou se quere o proxecto que encabeza, está agotado. Da igual o que se poña nun documento de Orzamentos. Da igual o que se queira vender. As súas actitudes e a súa xestión son síntomas inequívocos dese esgotamento.
Durante moitos anos houbo gobernos municipais que foron quen de ir sacando adiante proxectos moi importantes para o noso concello. Dos que nós, os socialistas, estamos orgullosos. Agora vemos con preocupación como moitos están estancados e mesmo se retrocede. O alcalde e o seu equipo de propaganda, que é o único que sigue a funcionar ben, amárranse como un cravo ardendo á expresión "modelo de cidade", un modelo que por certo, non é solo do BNG. Pero un modelo no que non se está a profundar. Un modelo que debaixo dunha superficie de beirarrúas esconde un mundo de persoas que necesitan deste goberno. Necesitan respostas aos seus problemas. E non as están a atopar no seu alcalde. Xa non.
Ligado con iso aparece outro síntoma da decadencia: A cegueira. Cando un alcalde non é capaz de mirar ao seu redor e darse conta das necesidades dos seus veciños e veciñas, é que está cego. Se non pode sentir como súa a dor dos que teñen que usar unha ambulancia, se non é capaz de ver a necesidade de mellorar os colexios como parte da defensa do ensino publico, se non comprende que hai moitas familias que necesitan axuda para quentar o seu fogar ou para pagar o seu aluguer ou para levar a un familiar a un centro de día, se non entende que hai miles de veciños e veciñas seus que querrían ter un traballo digno na súa cidade, cerca da súa familia, se non se da conta de que cada vez lideramos menos unha comarca que debería ser referente da nosa actividade económica. Se non percibe a necesidade de trazar unha folla de ruta para a vindeira década. Entón é que está cego. E fai uns orzamentos dende esa cegueira nos que pretende aterrar todo isto con campos de fútbol e composteiros.
Pero a realidade é moi terca señor alcalde e acaba por triunfar. E a realidade, o que xa está na rúa é que o seu ciclo esgotouse. Estos orzamentos son unha clara proba delo.