Onde dixen "público"... agora digo "privatización"

17 de mayo 2018
Actualizada: 18 de junio 2024

O BNG defende agora o mesmo que rexeitaba cando estaba na oposición. E o fai cos mesmos argumentos tramposos que utilizou a dereita en 1997. Vostede Sr. Lores xa non é fiable nin confiable. 

Ano 1997. O goberno do PP leva a Pleno a privatización da xestión do servizo de abastecemento de auga. O actual alcalde en representación do seu Grupo Municipal, dende a oposición, fixo unha critica contundente a tal decisión. Falou de pelotazo, de pasteleo, de amiguismo.

Argumentou que o abastecemento de auga debe ser de xestión directa, que as privatizacións non melloran a calidade do servizo. Que a xestión directa aforra custes. Indicou as súas sospeitas sobre a transparencia do proceso.

O PSOE mantivo unha posición similar. Considerabamos naquel momento que se estaba a perpetrar un pelotazo inmenso, que se favorecían os intereses dunha empresa, que o prego de condicións era un escándalo e que a proposta de inversións era unha enorme mentira que nos ía a saír moi cara.

Ao final a maioría do PP e os independentes foi suficiente para proceder á privatización. 

Transcorreron 20 anos e o entón concelleiro na oposición Miguel Anxo Fernández Lores acabou por converterse en alcalde. E tamén, transcorridos 20 anos finalizou o contrato e a concesión referente ao abastecemento de auga.

A verdade e que os Socialistas tiñamos unha gran expectativa en recuperar a xestión directa do servizo. Nos o levamos no noso programa electoral e o BNG no seu Programa Marco tamén fala de proceder á remunicipalizacion daqueles servizos privatizados a medida que venzan as concesións. 

Pero 20 anos dan para que algúns muden a ideoloxía por oportunismo. Mentres os Socialistas seguimos a manter o que xa diciamos no ano 1997, resulta que o BNG, os mesmos que clamaban contra a privatización naquel ano, agora están tan encantados con ela que cambian de postura sen ruborizarse. Como o PP.

Oportunismo Sr Alcalde. Moito oportunismo e nula ideoloxía. 

O BNG defende agora o mesmo que rexeitaba cando estaba na oposición. E o fai cos mesmos argumentos tramposos que utilizou a dereita en 1997. Vostede Sr. Lores xa non é fiable nin confiable. 

As supostas inversións son o elemento xustificador para manter a privatización. Un elemento tramposo. Porque as inversións non son un regalo a fondo perdido. Todo o que invistan as empresas vano a amortizar no recibo da auga. Pagaremos con intereses cada euro que invistan.

En definitiva, o goberno está enchendo o peto dunha empresa privada a costa dos veciños e veciñas. E faino sen rubor.

Moitas cidades do estado e tamén de Europa están optando por recuperar a xestión directa. París, Berlín, Hamburgo. No estado, Valladolid, Torrelavega e Terrasa están nese tramite. E noutras moitas xa funcionan con xestión directa. En París no primeiro ano aforráronse nada menos que 35 millóns de euros e baixouse o recibo un 8%. A pregunta é por que o BNG nin sequera valorou estudar esa posibilidade

Sorprende tamén a postura muda e absolutamente contemplativa de organizacións defensoras dos servizos públicos. É cando menos curioso que as Federacións de Veciños que veñen mantendo unha encomiable loita a prol da sanidade publica, por exemplo, neste asunto da xestión da auga, que afecta a todos os veciños e veciñas de Pontevedra, estean a manter un silencio total, sen que se coñeza posicionamento algún. E xa sabemos aquel refrán que di que o que cala, outorga. Incomprensible actitude dos que deben  defender os intereses dos cidadáns de Pontevedra. Porque ao final, tanto silencio vai a acabar descualificando a quen o mantén.

Tino Fernández

Portavoz Municipal do PSOE