FRESADOR : Persoa que se encarga de manexar unha fresa.(RAG)
FRESA : Ferramenta de aceiro constituída por unha serie de coitelas dispostas en forma de cono ou de cilindro, que serve para puír, furar ou para facer máis grosos os furados dunha peza de metal ou de madeira. (RAG)
Un oficio non moi estendido na miña parroquia de Cerponzóns é o de Fresador, oficio donde son necesarios unha serie de estudos teóricos, cousa que como noutros oficios non se necesitaban seguramente tantos estudos deu lugar a que só coñeza, que eu saiba, un veciño que decidiu ser fresador.
No lugar de Pidre vive Constante, un veciño que desde os dezaseis anos traballou ata a súa xubilación como fresador.
Nacido en Lérez fai uns cantos anos, veu vivir a Cerponzóns cando contraeu matrimonio con Viruca.
Quixen saber da súa vida profesional e quedei con él hai uns días.
Constante comezou a contarme a súa infancia transcorrida na parroquia de Lérez, sorprendeume cando me dixo que tendo doce anos o seu catequista daquela (coñocido por Chicho O Carrapicho) levouno a traballar de aprendiz a unha tenda que había na rúa Cesar Boente, coñecida como Tejidos Carrasco, Chicho levaba alí uns anos de encargado, pero logo de tres meses de aprendizaxe, a Constante non lle convencía e preferiu seguir estudando e foise para a Escola de Maestría, o que me sorprendeu deste recordo foi que Chicho foi anos máis tarde o meu xefe de toda a vida.
Cando Constante cumpriu os dezaseis anos comezou a traballar en Talleres Pazó (2/07/1956), daquela era o máis importante taller de motores de barcos que había en Pontevedra. O seu traballo de fresador consistía en facer todo tipo de piñons e estriados con destino á construción de maquinaria industrial.
Alí estivo ata os vinte e tres anos en que tivo que acudir a filas, ao volver da mili volveu a Pazó, chegando a ser Xefe de Rectificados, pouco máis tarde foise para Tafisa e uns anos despois incorporouse a Celulosas, estando na fábrica ata a súa xubilación.
Durante moitos anos Constante tiña unha media de traballo ao día de once horas, incluídos sábados e domingos, tiveron que pasar moitos anos para que puidese ter vacacións, era tal a súa importancia en calquera das empresas por onde pasou que tiña que estar sempre dispoñible.
Recorda Constante que se había unha avaría grave chegou a ter que estar máis de vinte e catro horas seguidas ao pé do canón, ata levábanlle o almorzo, a comida e cea ao posto de traballo.
Outras veces tenlle pasado de recibir a chamada que o avisaba de que tiña que acudir urxentemente para solucionar un problema, a calquera hora, en calquera momento; podía ser ás tres da mañá como cando estaba xa disposto co seu Seat Seiscentos repleto de cachivaches para ir á praia coa familia e tiña que deixalos na casa para irse inmediatamente a fábrica, Constante era o único que desempeñaba esa función na fábrica, tiña que estar en garda permanente. Co paso dos anos a empresa comezou a contratar empresas auxiliares, isto fixo que o noso veciño fose atopándose máis liberado e así puido comezar a ter os seus días libres e as súas merecidas vacacións.
Constante estivo sempre moi ben recoñecido polos seus superiores, a súa profesionalidade non tiña discusión, coñecía á perfección todolos factores que interviñan no sistema mecanizado, sabía as características e a disposición das máquinas "ao dedillo", estaba ao día no uso de refrixerantes, nas novas pezas e en todos aqueles requisitos de tolerancias na fabricación e no acabado de todas aquelas pezas que pasaban polas súas mans.
Constante foi un dos mellores fresadores que houbo en toda Galícia, así o xustifica o Campionato Galego de Fresa que conseguiu cando estaba traballando en Pazó, chegou tamén a participar no Campionato de España, quedando en terceira posición, un gran resultado tendo en conta que os dous primeiros clasificados, que usaban ferramentas do mellorciño, saíron das universidades laborais de Gijón e Salamanca, mentres que as ferramentas de Constante eran feitas na casa.
Con todo o traballo que tiña e que practicamente non lle deixaba horas de descanso, Constante sempre sacou tempo para colaborar en temas relacionados coa parroquia de Cerponzóns, durante anos estivo como directivo na Comunidade de Montes, sempre achegando o seu gran, sempre facendo cousas en beneficio da parroquia. Aínda é hoxe o día que participa activamente nas reunións, nas actividades ou en calquera evento que se fai ao longo do ano, sempre podemos contar con él.