O soño dunha noite de verán do Señor Lores

20 de agosto 2023

Dicía Mark Twain que viaxar é fatal para os prexuízos, a intolerancia e a estreiteza de miras, que se ten que viaxar para aprender. E é certo, porque cada vez que vago polo mundo amplíase a miña perspectiva das cousas, en especial cando un o compara coa súa realidade cotiá. É por elo que estes días, en ruta pola veciña Francia, non puiden deixar de fixarme nos mercados que se organizaban nos centros das cidades e vilas, e da importancia que estes tiñan, ata o punto de que incluso en París cada un dos seus distritos está obrigado, por lei, a ter un mercado na rúa (así como o seu hospital e outros servizos, de tal xeito que non haxa diferenzas básicas entre barrios). Por ter, ata tiñan o seu carrusel, elemento que non faltaba en ningunha das cidades que visitei. De aí, que non entenda o enfrontamento que o Goberno municipal de Pontevedra mantén non só contra os feirantes, senón tamén contra o sentir maioritario da poboación. Entre outras cousas porque non hai ningunha razón obxectiva para elo. Se os feirantes, que son o sector implicado, queren seguir na Alameda, e a cidadanía está contenta co cambio, como demostrou a boa recepción da nova localización, que ademais dinamiza a economía da cidade, como ben saben os nosos veciños portugueses, onde está o problema? Por que se empeña o BNG en buscar localizacións peregrinas, como a Avenida de Bos Aires? Acaso porque foi idea do seu anterior socio de Goberno? Esta explicación, que parece a única plausible, definiría un Goberno con curtidade de miras, que prefire retroceder a avanzar, que é incapaz de recoñecer os acertos doutros e adaptarse ós cambios, ignorando que o pasado é ríxido e o futuro flexible.

Ao igual que co desatino da rúa Raíña Vitoria, o BNG parece empeñado en seguir aplicando as máximas marxistas, pero non as do marxismo-leninismo da UPG, senón as de Groucho Marx, cando dixo aquelo de que “a política é a arte de buscar problemas onde non os hai, atopalos, facer un diagnóstico falso e aplicar despois os remedios equivocados”.

En ámbolos casos, como se puido ver no primeiro Pleno do Concello, o pasado 31 de xullo, Fernández Lores esqueceu xa o seu discurso da noite electoral, cando, nun ataque de sensatez, recoñeceu que algo fixeran mal para perder 2 concelleiros, e prometeu tomar nota e escoitar á veciñanza. Probablemente os seus acólitos xa o convenceron de que non eran máis que vanos pensamentos do soño dunha noite de verán. Soño do que parecen non espertar os nacionalistas, comportándose como se tiveran unha folgada maioría absoluta. Particularmente o paladín do alcalde, César Mosquera, quen, pese a ser matemático, parece esquecer que 9 non é a maioría de 25, optando máis pola resta que pola suma; como parece desacordarse da súa formación de pedagogo, preferindo a ruptura ao diálogo e prometendo unha lexislatura divertida, como se os pontevedreses os votaran para converter o Pleno municipal no Club da Comedia. Non creo que os máis de 55 vendedores ambulantes que están sufrindo a soberbia do Goberno municipal se divirtan vendo como se retraen os seus beneficios, nin os traballadores do Concello ós que non se escoita, nin a cidadanía que observa estupefacta como o BNG promete saltarse o artigo 94 do regulamento orgánico do Pleno, incumprindo o voto maioritario da representación popular, favorable á reapertura de Raíña Vitoria e á creación dunha vía libre de lombos para favorecer o traslado dos pacientes ó hospital.

En O contrato social, Rousseau xa nos dicía que un goberno dexenera cando pasa do gran número ao pequeno, ou cando o gobernante usurpa o poder soberano do pobo, converténdose nun déspota que rompe o acto social, a democracia, na que os depositarios do poder executivo non deben comportarse como os amos do seu pobo, senón como os seus funcionarios; e que cando cesa a pluralidade, a liberdade acábase. Leccións que, no seu adormecemento de máis de dúas décadas, o BNG non soubo asimilar. Como non comprendeu que na desconfianza é imposible erixir un mandato estable, mentres que na xenerosidade si se pode construír, como demostraron os socialistas, apoiando un novo goberno progresista na cidade e achegando estabilidade, investimentos e novos proxectos no mandato anterior. Xenerosidade que, na súa arrogancia, os nacionalistas non quixeron agradecer. Pese á man tendida do PSOE, o BNG ofreceulles unicamente a oposición, que estes parecen estar dispostos a exercer responsablemente, mentres Lores non entenda que sacaría dos seus posibles socios máis utilidade que de aqueles que, por serlle demasiado fieis, deixarán de lado as súas obrigas co pobo, como advertiu Maquiavelo en O Príncipe.
 
Agardemos que o final do verán saque do seu soño aos ‘Lores’ do nacionalismo e eu poida ver un carrusel en Pontevedra.