Seguro que terán ouvido o lido algo sobre o remanente, nesta ocasión sobre o "remanente de tesourería"que foi presentado en sociedade polo concelleiro de facenda da nosa corporación: Manuel Costas.
Non é doado traducir a linguaxe dos mortais este concepto, mais se nos axustamos a unha definición de libro poderíamos dicir que é un indicador da liquidez dunha corporación municipal, noutras palabras, dos cartos que ten – ou debería ter - o Concello nas súas contas bancarias para gastos correntes, para cousas do día a día . Sería , levado o noso patrimonio, algo así como o que temos de saldo no banco e na casa mais o que sabemos ou creemos que nos van pagar neste ano. Estou seguro que a estas alturas xa entenderon a dificultade de comprender ou explicar estas cuestións tan áridas.
O Concelleiro de Facenda, Manuel Costas, gabase e presenta fachendoso un remanente de2.505.700,00 euros. Ben certo que é unha digna cantidade, ben certo que o citado e cuantificado "remanente de tesourería" parece amosar una "saúde financeira" de primeira; mais compre facer, cando menos, unhas reflexións antes de botalo foguete electoral.
O presuposto do Concello ronda os quince millóns de euros e esta historia cóntanos que despois de cobros, pagos, saldos, impostos, taxas, etc. ... lles "sobran" dous millóns e medio de euros: moi ben feito. Quen puidera facelas mesmas contas na casa, aforrar preto dun 17% dos seus ingresos anuais. E todo ese aforro "sen ter subido nestes últimos 10 anos nigunha taxa e imposto municipal, evitando así que se vexan afectados os bolsillos da veciñanza" , contou o Sr. Costas. ¿Cómo?.
Estanos a dicir o Sr. Costas que sen ter subido os impostos "sóbranlle" dous millóns e medio?. Inescusable, do que tería que gabarse era de telos baixado para que si se viran afectados – en sentido positivo – os petos da veciñanza. Non se trata de quedar a cero ou con saldo negativo pero as constas son ben doadas: supoñendo que foran 25000 almas as residentes en Marín, significaría que 100 euros que podiamos ter cada un no peto tennos o Concello; significa que cada fogar de Marín podería ter 450 euros mais na súa conta bancaria ou onde lle petase. Convertese o Concello mais en nun abafante recadador que nun bo xestor que é, o cabo, a súa función.
Desta primeira reflexión xurde a segunda: que fan os cartos no banco?. Non sabemos. Un cría que pagabamos impostos para invertelos, para gastalos en manter e facer mais e mellores cousas para a cidadanía. O Sr. Costas non debe ser do mesmo parecer: prefire "empetar" que investir nun momento no que o que non faltan son espazos físicos, urbanos, espazos sociais, culturais e colectivos nos que caería como auga de maio un substancial INCREMENTO da inversión, do gasto.
Abalan esta carencia de inversión e presupostos, de partidas para o fomento da mellora do noso concello e da súa actividade económica e social a falla reiterada de propostas e modelo de desenvolvemento coherente que ten o Partido Popular de Marín. É síntoma inequívoco dun esgotamento, da atrofia do proxecto de María Ramallo e , de maneira mais particular, do rebase ou desborde que o Sr. Costas está a sofrer pola súa pluriactividade ou pluriempleo como Concelleiro e Deputado Autonómico.
Teríase producido esa desidia inversora se o Sr. Costas adicase o 100% do seu tempo a Marín?. Eu creo que non e permítanme rematar un consello – de lego – para o Sr. Costas e o PP: "mais inversión e menos remanente" e, se o entende mellor na linguaxe da tasca, "menos samba e mais traballar".