O poder dos panos de mesa

07 de octubre 2024
Actualizada: 16:34

Debémoslle moito aos panos de mesa. Sexan de papel ou de tea. Os panos de mesa convertéronse, ao longo da historia, na base de moitos negocios. Unhas veces nos restaurantes, outras nos bares, deixaron unha pegada que chegou a ser revolucionaria. Poderíamos dicir que os cafés ou as cervexas "casan" moi ben coas ideas, cos negocios ou cos contratos

Debémoslle moito aos panos de mesa. Sexan de papel ou de tea. Os panos de mesa convertéronse, ao longo da historia, na base de moitos negocios. Unhas veces nos restaurantes, outras nos bares, deixaron unha pegada que chegou a ser revolucionaria. Poderíamos dicir que os cafés ou as cervexas "casan" moi ben coas ideas, cos negocios ou cos contratos. Neste mundo dos panos de mesa hai de todo, e moi salientable. J. K. Rowling, mentres agardaba por un tren tomando un café plasmou o que logo sería a saga de Harry Potter. Din que tamén Stephen King esbozou nun pano de mesa a arrepiante "Misery". Nos negocios Jeff Bezos, tamén fixo, nun pano de papel, o esquema do que logo sería Amazon. Os creativos de Pixar usaron anacos de papel do pano para deseñar a Nemo. Marilyn Monroe deixou estampados os seus beizos nun pano no ano 1.962.Hai unha lenda urbana que di que os personaxes da serie dos Simpson son de cor amarela por que esa era a cor dos panos nos que os debuxaron. A min unha das cousas que máis me gusta dos panos de mesa é o deseño do Mini que Alec Issgonis fixo nun bar. Deixaba ver tres ideas que revolucionaban o mundo dos coches, o deseño minimalista, o motor colocado de través e as rodas como se fora un kart.

Detalle do deseño do "Mini", da páxina de Facebook de Mini España (A.N.R.)

No mundo do deporte español hai dous panos de mesa, de papel, con moita sona. O primeiro anda entre a verdade e a lenda xa que ten todas as características para ser lenda. É o caso da fichaxe de Zidane polo Real Madrid. Din que despois dunha gala da FIFA Florentino Pérez pasoulle un pano de papel a Zidane no que ía escrito: "Tu veux jouer avec nous?" (Queres xogar con nós?). A outra é o caso de como se formalizou o contrato de Lionel Messi polo Barça. Iso non é lenda, ese pano foi poxado na casa de poxas inglesa Bonhams en maio deste ano por 890.000 euros.

Mais o que quero é falar de economía no que tamén é importante o pano de mesa. A historia deste pano cumpriu o setembro pasado 50 anos. Nixon acababa de dimitir polo Watergate, Ford pasaba de vicepresidente a presidente dos EEUU. Estábase ha plena crise do petróleo, a economía americana non arrancaba, había moito paro, inflación con prezos moi altos. Nun restaurante xúntanse dous políticos, que logo destacarían con Donald Trump, Dick Cheney (foi Vicepresidente) e Donald Rumsfeld (foi Secretario de Defensa), naquel intre eran o xefe de Gabinete do presidente Ford e o seu axudante, con eles na mesa estaban o periodista, e gurú, do Wall Street Journal, Jude Wanniski, e un profesor de Economía da Universidade de Chicago , Art Laffer. Nesa mesa falan dos problemas que había na economía dos EEUU e xurde unha teoría que aínda hoxe non deixamos de escoitar un día si e outro tamén: "Baixando impostos aumenta a recadación fiscal". Din que como Cheney non daba entendido iso de baixar impostos e recadar máis, Laffer debuxouno nun pano de mesa de tea de algodón. (A imaxe é propiedade do Museo Smithsonian, pódese ver aquí: https://www.si.edu/object/laffer-curve-napkin:nmah_1439217)

 

Cando se fai esta reunión estaban nun momento que había tipos marxinais que agora parecerían extremistas, nos EEUU era dunha media do 78%. Delano Rooselvet conseguiu que se implantara unha taxa do 94% ás fortunas por riba dos 200.000 dólares da época. No Reino Unido as taxas marxinais máximas do imposto sobre a renda nunca baixou do 89% ata os anos 70. Mais con Ford de presidente comeza a aplicarse as teorías de Laffer, baixaron os impostos ata o 24%, mais non houbo aumento da recadación. Logo veu Reagan que tamén cría pero o que se demostrou é que nos EEUU cando se baixan impostos non sobe a recadación. O que pasa é que a curva de Laffer está baseada en evidencias e simplezas. Si miramos a fig.1 vemos que si a taxa impositiva é 0 (cero) os ingresos tamén serán 0 (cero), pola contra si a taxa impositiva é 100 (cen) tampouco habería ingresos xa que ninguén traballaría porque iría todo a impostos e a economía colapsaría, segundo Laffer habería unha taxa óptima (t*) co que se obtería o máximo de recadación, o que é simple e evidente. A conclusión máis importante que se pode acadar é que non só importa a recadación, senón que importa o xeito de facela, quen van ser os beneficiados, quen pagará máis e cal el o obxectivo. Si temos memoria lembraremos como, fai dous anos, na terra de Margaret Teacher, herdeira do reaganismo, cesaba a primeira ministra Lizz Truss polo fracaso da súa política económica que se baseaba na curva de Laffer. Lizz Truss propoñía baixar os impostos as rendas máis altas do 45% ao 40%, mentres que o básico pasaría do 20% ao 19%, e anulaba a subida do imposto de sociedades do 19% ao 25%, e ao mesmo tempo seguir co mesmo ritmo de gasto. No debate parlamentario a portavoz laborista Rachel Reeves díxolle: "Baséanse nunha ideoloxía absolutamente desfasada, que defende que se compensamos a aqueles que xa son ricos, a sociedade verase compensada. Decidiron saltar da distribución territorial da riqueza ao reparto das migallas". Lizz Truss estivo gobernando 45 días, mais o seu cese non se debeu a folgas por todo o Reino Unido, non foi polos sindicatos, non foi polos partidos de esquerda, non, foi o mundo do capital quen protestou por esa baixada de impostos (parece o mundo ao revés).

A dereita usa a curva de Laffer como os charlatáns (en inglés bullshitter), que como di Daniel Raventós "non son necesariamente mentireiros (que menten sabendo que menten porque saben que a verdade non é o que din, pero pretenden enganar) senón que simplemente non lle interesa si o que di ou insinúa é verdade ou mentira, só persegue a impresión, o efecto, a auga de borraxas". Lévanse anos demostrando a falsidade dos argumentos da curva de Laffer, nin nos EEUU, nin en UK, nin en España hai confirmación empírica de que baixar impostos impulse a actividade económica e incremente a recadación. Está claro que a curva de Laffer agocha unha fiscalidade regresiva.

O sueco Jacob Lundberg (Department of Economics , Uppsala University, Sweden), economista xefe do think thank liberal Timbro, na súa obra "The Laffer curve for high incomes", (https://www.econstor.eu/handle/10419/197646/) fixo estimacións para 27 países da OCDE, e no caso de España, fig.2, que ten un tipo máximo sobre o 50%, demostra que a recadación comezaría a baixar a partir do 71%. Só se poderían baixar, e pouco, en Austria, Bélxica, Dinamarca, Finlandia e Suecia. Aínda hai partido. Mentres tanto Art Laffer segue de guía dos neoliberais, Donal Trump concedeulle a Medalla Presidencial da Liberdade.

Queren convencernos dunha teoría mentireira e fracasada, sempre en beneficio dos máis ricos. As palabras Javier Fernández-Lasquetty en abril de 2021, cando era o responsable de Hacienda y Economía do goberno de Madrid, presidido por Isabel Díaz Ayuso, para xustificar as baixadas de impostos aos ricos dixo: "Subir impuestos es hacerle daño a quienes menos tienen". E quedou tan pancho. Como di Daniel Raventós, Fernandez-Lasquetty sabía que non dicía a verdade pero o que el quería, e a súa xefa, era o efecto, a auga de borraxas.

Non podo rematar este artigo dos panos de mesa sen falar da guerra en Oriente Medio, tamén aquí tiveron a súa importancia. En 1.996 Isaac Rabin fixo esquemas dos mapas para a paz en panos de mesa, de papel, do Hotel Plaza Sheraton de Xerusalén (este pano de mesa foi poxado na casa Nate D. Sanders). Sobra dicir que Rabin foi asasinado por un extremista xudeu que se opuña ao plan de paz. Tamén nas reunión de paz de 2008 o primeiro ministro de Israel Ehud Olmer presentoulle un plan a Mahmud Abbas, presidente da Autoridade Palestina, mais non quixo darlle unha copia, cando Abbas chegou a Ramallah debuxou unha copia nun pano de mesa para o seu equipo. A ver si temos, máis cedo que tarde o pano definitivo da paz.

Coidado co que facedes cun pano de mesa e un bolígrafo, pode acabar sendo moi importante.