"O Pazo de Lourizán", Asociación de Veciños Estriceres e a Comunidade de Montes

10 de febrero 2017

A Asociación de Veciños Estriceres e a Comunidade de Montes queremos manifestar publicamente a nosa incredulidade ante a insensibilidade que amosan as distintas administracions para coa nosa parroquia, Lourizán.

Historicamente xa sofrimos a amputación traumática da nosa ribeira, para instalar nela unha fábrica que a día de hoxe sigue danando o noso medio, a nosa saúde e mesmo a convivencia entre os que moramos neste degradado territorio.

Posteriormente, as obras declaradas ilegais polos tribunais de xustiza volveron visibilizar o nulo compromiso das administracións cos veciños desta parroquia.

Sempre o mesmo argumento, o progreso. Sempres as mesmas mentiras, o interese xeral. Nunca os veciños foron escoitados.

Pero xa os últimos capítulos que estamos a vivir podemos calificalos como berlanguianos, mesmo esperpénticos, co tema do Pazo de Lourizán, as esmolas de Ence para as entidades sociais, a ampliación da EDAR dos Praceres ou o paseo marítimo.

Imos centrarnos na proposta de que Ence "invirta" na restauración do Pazo de Lourizán, despois de que foran as administracións, Deputación e Xunta, as que o deixaran esmorecer hasta chegar ao lamentable estado que presenta na actualidade. Lonxe de recapacitar e pór en marcha un proxecto digno, para uhna parroquia sometida a aberrantes actuacións, agora a Xunta de Galicia, corresponsable do abandono do edificio, pretende firmar un convenio de colaboración coa empresa privada que disfruta da concesión dos terreos roubados ao mar, para que esta "filantropicamente" mutile o único espacio de lecer da parroquia.

Parece que agora toca rapiñar este emblemático edificio, que é un dos poucos vestixios dun pasado mellor. Roubarllo aos veciños e a toda a cidadanía. Privatizar o público. A proposta de que sexa Ence quen pague a súa restauración a cambio de cederlle o seu uso é, simplemente, vergonzosa. O patrimonio cultural debe ser conservado cos cartos públicos. Non se poden privatizar os bens públicos. Como construción de valor histórico e artístico, despois da súa restauración, debería ter un uso social e cultural. Non é unha ubicación idónea para un centro de investigación. Pero a culpa de que esta proposta teña eco non é de Ence, é dos políticos que pensan que todo vale.

Queremos recordar que as entidades de Lourizán xa falaron no seu momento sobre este tema. Todas as entidades da parroquia apoiaron por unanimidade un proxecto presentado ao Concello, para que o elevase as distintas administracións con responsabilidade no pazo, que contemplaba a restauración integral do edificio e a creación dun Centro de Interpretación do Pazo de Lourizán, que incluíse unha sala sobre Montero Ríos e a Restauración Borbónica, outra sala sobre a historia do Pazo e outra sala sobre a historia da parroquia de Lourizán. Pero coma sempre, a voz dos veciños caeu en saco roto.

O patrimonio é de todos. E debemos mantelo entre todos, cos cartos públicos. O noso patrimonio non se vende. O futuro dos nosos fillos tampouco se vende. E as nosas conciencias tampouco. Se Ence quere realmente invertir na parroquia, o mellor que pode facer é aforrar eses cartos que está disposto a aportar para o Pazo de Lourizán, para a depuradora, e para as entidades sociais, para pagar o peche definitivo en Lourizán en 2018 e a reversión dos terreos aos seu estado orixinal.