O cambio climático, aquí e agora

08 de diciembre 2022
Actualizada: 18 de junio 2024

Todos os días lemos ou escoitamos "o peor dato desde que hai rexistros", sexa sobre a temperatura da terra, o desxeo de polos e glaciares, os temporais, as asolagamentos ou outros fenómenos climáticos estremos. O cambio climático está aquí, un ano castigará máis e outro algo menos, mais ímolo padecer cada vez con maior intensidade.

Todos os días lemos ou escoitamos "o peor dato desde que hai rexistros", sexa sobre a temperatura da terra, o desxeo de polos e glaciares, os temporais, as asolagamentos ou outros fenómenos climáticos estremos. A tremenda seca que padecemos este ano 2022, que chegou a poñer en perigo o subministro de auga á poboación nunha zona como Pontevedra no que tradicionalmente sobraba auga, supoño que disiparía calquera dúbida sobre a realidade, a profundidade e o alcance do cambio climático que ameaza o noso futuro como humanidade. O cambio climático está aquí, un ano castigará máis e outro algo menos, mais ímolo padecer cada vez con maior intensidade.

A inmensa maioría somos conscientes da gravidade do cambio climático, pedimos e esiximos que se adopten medidas para frealo ou palialo e indignámonos cos fracasos ou cos poucos avances das Cimeiras polo Clima. Esta elevada conciencia ambiental que existe na nosa sociedade é unha boa base para afrontar as medidas necesarias para loitar contra o cambio climático. É un primeiro paso básico e imprescindíbel para avanzar nese camiño de coidar o futuro do noso planeta.

Pero queda pasar da conciencia á acción. Das ideas ás prácticas. Das palabras aos feitos. Ou, se se quer, queda aplicar aquilo de “Pensa globalmente, actúa localmente”. Pensar globalmente no futuro do planeta xa pensamos, pero actuar, adoptar decisións concretas e aplicalas no noso ámbito parece que custa máis. Aínda que se teñan recursos económicos para facerlle fronte, accións como aforrar toda a enerxía que se poida, separar todos os residuos que xeramos, reducir o desperdicio alimentar, utilizar o coche o mínimo necesario, gastar a menor cantidade auga posíbel, racionalizar o período de luces de Nadal, son, entre outras moitas, pequenas gran decisións que colaboran a paliar o cambio climático.

Unha boa parte da cidadanía facemos esforzos para actuar localmente contra o cambio climático. Somos maioría suficiente?, a suma dos esforzos é de abondo para tal fin?. Asáltanme estas dúbidas ao comprobar que cando estas decisións as adopta un poder público, sexa o goberno de Franza, o concello de Madrid ou o de Pontevedra, a contestación non tarda en xurdir. Sexa por tentar reducir as emisións dos carburantes, por tentar racionalizar o uso do vehículo na cidade, ou o alumeado de Nadal ou a ubicación de industrias; calquera medida para afrontar o cambio climático ten contestación.

Como expresaba Unamuno nun artigo de 1906 : “Que inventen, pues, ellos y nosotros nos aprovecharemos de sus invenciones. Pues (…) la luz eléctrica alumbra aquí tan bien como allí donde se inventó” parece que hai sectores que pensan: “Que eviten o cambio climático, pois eles, e nós xa nos aproveitaremos dos seus resultados. Se salvan o planeta, aquí teremos un clima tan san como onde o salvaron.”

Ou se se quer, aquilo tan tradicional de “uns por outros e a casa por varrer”, neste caso, algo moitísimo máis importante que a casa, o propio planeta que nos dá acubillo a todos os humanos e que estamos pondo en perigo. Calquera invento con tempo pode copiarse e aproveitar as súas vantaxes. Das desfeitas do cambio climático non nos imos salvar ninguén.

Son optimista por natureza e estou convencido de que se entre todos e todas conseguimos que Pontevedra sexa recoñecida a nivel mundial como bo exemplo de accións contra o cambio climático, no futuro afondaremos aínda máis neste camiño e avanzaremos moito máis. O obxectivo meréceo e os esforzos que fagamos estarán moi ben empregados. Incluso desde un punto de vista egoísta, os custes da desfeita climática van ser moito maiores que os pequenos esforzos que fagamos.

Non o deixemos para despois, para cando xa non haxa remedio. Loitemos contra o cambio climático aquí e agora!

Por anticipado, Felices Festas a todas e todos!