Son, foron, e seguramente serán, moitas as bromas que a xente me fai cos meus apelidos. É unha das peaxes que teño que pagar por non ter apelidos comúns e que por riba sexan coincidentes con persoas que foron presidente do goberno unha, e presidente da Xunta de Galicia outra.
Falando disto co meu amigo Ramiro dime que xa que escribo en Pontevedra Viva porque non escribo diso, e do que eu opino deles, de como os vexo. Coméntolle que non me parece lóxico pola miña distancia ideolóxica deles. Por iso mesmo debes facelo, a ver como che sae, coñécelos ben, polo menos na política - replícame. Pois veña. E acabei aceptando o desafío.
Os dous cruzáronse na miña vida. Rajoy en Padrón, o seu primeiro destino, e eu teño unha oficina técnica agraria que polo traballo implicaba relacións co rexistro da propiedade. Alí sinto falar del polos seus amigos padroneses, tiña sona de estudoso, mesmo "empollón".
Feijóo coincide comigo como interino. Tamén no sindicalismo el no Afica e eu na CIG. Este sindicato tiña un punto único: facer fixos aos interinos, nomeadamente aos do grupo A (os de arriba). A xente chamáballes "o sindicato dos trepas". O tempo doulle a razón, na foto que poñía o sindicato na súa propaganda, aparte de Feijóo están persoas (todo homes) que logo foron directores xerais, delegados ou alcaldes coma Carlos Negreira. Cando se convocaron oposicións as primeiras foron as do grupo A, as outras demoraron moito. Os interinos do grupo A aprobaron todos, nos B, C, D e no E houbo suspensos. Unha vez que aproban o sindicato desaparece.
Cando Rajoy sae deputado sígoo pola simpatía do apelido. Sorprendeu, máis na esquerda, o rebumbio dos seus escritos a primeiros dos 80. No 1983 fala do libro de Luis Moure Mariño "La desigualdad humana": "Ya en épocas remotas se afirmaba como verdad indiscutible que la estirpe determina al hombre (...), era un hecho objetivo que los hijos de "buena estirpe" superaban a los demás". En xullo do 1984, , sobre o libro de Gonzalo Fernández de la Mora "La envidia igualitaria" e aquí ten dous parágrafos, transcribo, logo vostedes opinen. Di: "El hombre es desigual biológicamente, nadie duda hoy que se heredan los caracteres físicos como la estatura, el color de la piel y también el cociente intelectual. La igualdad biológica no es pues posible. Pero tampoco lo es la igualdad social: no es posible la igualdad del poder político". E tamén: " ¿Por qué, mediante la imposición progresiva, se hace pagar a unos hasta un porcentaje diez veces superior al de otros por la misma cantidad de ingresos? Para penalizar la superior capacidad, o sea, para satisfacer la envidia igualitaria". No 2007 insultaba a Zapatero dicindo ""para ser presidente del Gobierno deberían exigir algo más que ser mayor de 18 años y ser español". Definía o que é "aristocracia". Lémbrame a un compañeiro que tiven, fillo de aristócratas. Levaba anos como funcionario interino. Dicíame "Andrés yo no sé como sigo aquí de interino, a mi siempre me educaron para ser jefe". Rajoy, sempre foi educado para ser da "elite". Non un funcionario normal, non. Non como Feijóo que é da Administración Xeral. Non, Rajoy é dos altos funcionarios do estado. Rajoy é dos da posta de largo no Casino. Foi educado para iso. Para mandar.
Feijóo non é coma Rajoy. Non o educaron para mandar. Educárono para ser mandado. A min tamén me dicían cando era estudante iso de pórtate ben, estuda moito e a máis sonada "non te metas en leas". Algunha non a cumprín. Feijóo veu que sendo caladiño e obediente podía ir medrando, máis aínda nunha Xunta de Galicia na que non había concursos de traslados como debería e había moitos postos de libre designación. E medrou. Vaia se medrou. Aí comeza a súa carreira, sempre pegado a Romay o home do Opus Dei. Tíveno de xefe como secretario xeral técnico da Consellería de Agricultura. Pasou á Consellería de Sanidade. Sigue con Romay. Comeza o periplo madrileño. Insalud. Correos.
Cando queren acceder á presidencia do goberno, Rajoy, e a presidencia da Xunta, Feijóo xa comezan a semellarse. Os dous baséanse en mentiras. No caso de Rajoy baséase a campaña botándolle a culpa a ETA dos atentados do 11-M. Feijóo, axudado pola prensa amiga, de aquí e de Madrid, cunha mentira moi grande: a dos audis. Isto seino porque eu aparcaba o coche oficial co que ía facer o meu traballo ao campo, pegado aos audis que se mercaran no goberno de Fraga, eran varios, estaban cheos de po por non andar con eles e Touriño só mercara un. Fan trumpismo. Tamén, hai que recoñecelo, Rajoy na noite na que perdeu as eleccións e sabendo a verdade da súa mentira espetoulle a Aznar: "¡Tú y tu maldita guerra! (esta frase nunca foi desmentida).
Son moi parecidos, se non iguais, cando chegan ao poder. Non sei si é unha directiva do PP ou de colleita propia. O primeiro que fan, e polo que vemos quere facer Feijóo e así o está dicir nesta campa das eleccións 23-X, e borrar toda a referencia ao que fixeron os gobernos que non foron deles. Nunca soportan que outros gañen. O chiringuito é deles. Aos outros sempre lles chaman "okupas". Zas, dun golpe todo novo. Todo ao noso xeito, din eles. Nada de cartos para o "público" coma a sanidade, educación, terceira idade, igualdade. Por non falar da memoria histórica que se gababan de non poñer un euro para o desenvolvemento da lei. E no que máis iguais son é no desprezo ao idioma galego. Rajoy nunca enganou, sempre se negou a falalo, e estou seguro de que sabe, mais el é doutra caste. Feijóo lexislou para menosprezar ao idioma, converténdoa nunha lingua de segunda e facendo que cada vez se fale menos, poñendo un vicepresidente, que agora é presidente da Xunta, Rueda, que se manifestaba con Galicia Bilingue contra o idioma.
Aínda así e todo teñen cousas moi distintas. Rajoy tivo momentos moi duros. O Prestige. M punto Rajoy.Ese señor del que usted me habla. Tamén os desprezos de Aznar que foron moitos. Practica unha máxima, moi vista por min en moita xente en Pontevedra mesmo na familia, que é que si non o tratas o problema, este non existe e nunca choveu que non escampara. "Laissez faire, laissez passer". Cando ía a sesións do parlamento español invitado polos meus amigos do PNV, sempre me dicían que Rajoy era un bo político, que sabía o que facía e era un bo negociador. Isto tamén mo dixeron deputados do PSOE ou IU. E é certo que cando o vin nas comparecencias dos mércores víao con soltura seguro de si mesmo. En Pontevedra Rajoy foi nomeado persoa non grata. É unha cousa que non comparto xa que é coma odiar, si odias ti cabréaste e o odiado nin se decata, é dicir non vale para nada. O que se lle debía dicir en Pontevedra a Rajoy é que non deixa ningún legado agás a defensa de ENCE na ría. Que mire o que fixeron polas súas cidades os anteriores presidentes. Súarez puxo a Ávila no mapa. Felipe González que dicir do que fixo con Sevilla. Aznar con Valladolid o mesmo. Zapatero con León unha morea de cousas entre elas o centro de control da DGT, de onde nos veñen as multas con 800 empregos directos. E Rajoy... ENCE na ría. Non concordo con el na súa política pero recoñezo que sabía como defender as súas conviccións.
Feijóo cando desembarca de novo en Galicia mostrou un gran complexo pola súa anterior condición de interino e actuou con este colectivo con desprezo, que quere o mesmo que quería el, fíxolle un forte ataque aos seus dereitos na Lei de Medidas do Emprego Público (2012), que logo se modificará a favor deste colectivo por medidas do goberno de Pedro Sánchez (2022). Feijóo nunca gobernou. Non. Feijóo mandou. É moi distinto o mandar e o gobernar. Non gobernou porque actuou como un xestor administrativo. Xestionaba as cousas que viñan de Madrid poñéndoas no DOG. Cando se deu conta que tiña poder mandou. Mandou moito nos seus e non deixou poñer debaixo del ninguén que lle fixera sombra. Non fora a ser. Aínda que presume de ser da aldea pasou polo ferro aos da "boina" e axiña se xuntou cos do "birrete". Como parlamentario galego usaba un ton entre chulo e faltón unhas veces e perdoavidas noutras. Nunca fala de política. Actúa en función dos intereses dos grupos que defende: os grandes. Agora que está presentándose en Madrid xa non ten a careta, xa non ten a protección da prensa amiga, xa non todas a televisións son como a galega secuestrada, xa se ve como é. Un home que naceu para ser mandado. Sabe que el non manda que por riba está Ayuso. Como Groucho Marx un día ten uns principios e outros outro. Como bo mandado obedece o que marca MAR e as grandes corporacións e fortunas. A min asústanme os pactos aos que está chegando Feijóo con Vox, que queredes que vos diga.
Eu non son da corda de ningún dos dous, non os vou votar, pero dixen que ía valorar e teño claro que a distancia entre Rajoy e Feijóo é moita. Miña avoa sempre dicía "non sirvas a quen serviu, nin pidas a quen pediu". Esta claro que como político quen gaña e por goleada, Rajoy. Pode equivocarse nas frases, aínda que xa está superado por Feijóo, pero nunca o superará na retranca, para iso hai que valer, e Feijóo non vale.