Novembro, mes da vinganza

18 de noviembre 2024

"La venganza nunca es buena, mata el alma y la envenena". El Chavo de Ocho

Vingáronse os nazis dos xudeus en novembro. Era venres 28 de novembro, a vinganza "Kristallnacht, a noite dos cristais rotos". As SS arrestaron a miles de xudeus, asasinaron a 92, deportaron aos campos de concentración a case 30.000, acabaron cos seus negocios, roubándolle os seus bens en moitos casos. Este novembro parece levar un camiño parecido de consecuencias inimaxinables. A chuvia de outono fai agromar os cogomelos, mais tamén fai agromar os mentireiros e desinformadores. Nos EEUU xa está Trump preparando o seu goberno, dixo que "non ía ser ditador, agás o primeiro día do goberno". Polos nomeamentos que está facendo vese a consolidación da vinganza.Elon Musk , o ministro sen carteira, víngase dos seus inimigos, do que máis o estado. Nos primeiros meses de goberno, despois do 20 de xaneiro iremos vendo as vinganzas "made in USA".

Na vella Europa tamén hai vinganzas, neste intre soan forte dúas. Manfred Weber presidente do PP Europeo, quere vingarse de Ursula Von der Leyen por ocupar un posto que quería el. Weber, segundo me contan os meus amigos na UE, é un político mediocre, con pouca formación, só fala alemá e un mal inglés. Leva 20 anos na UE e quería o posto, mais a CDU de Merkel elixiu a Von der Leyen. Weber agarda vinganza. Tamén quere vingarse de Pedro Sánchez, que o recriminou no debate na UE sobre a amnistía e preguntoulle si lle gustaría "devolver a las calles de Berlín el nombre de los líderes del Tercer Reich". Outro que quere vinganza, non o oculta, é Alberto Núñez Feijóo. Aínda non asumiuqueestamosnunha democracia parlamentar e consegue a presidencia aquel que acade máis apoios, non foi o seu caso, por moito que fose o partido máis votado. Vinganza contra Pedro Sánchez. Feijóo, nin o seu equipo nin o seu partido, lle deron ningún momento de tranquilidade a Pedro Sánchez. Colleu o mal vicio que cando aquí había un problema para facerlle dano a Sánchez o que facía era internacionalizalo, nomeadamente na UE. A Feijóo e o PP non lle importa o dano que se lle faga a España, eles ao seu. Fica claro que por moita "banderita" que leven no pulso os problemas de España non lle interesan, só interesa o deles. Agora, para agochar o problema da DANA na Comunidade Valenciana e a incompetencia de Mazón, en aplicación da na teoría do profesor Antón Losada de "non vai ser para tanto, seguro que se arranxa só, seguimos o protocolo e a culpa é dos demais", volve a facer o mesmo, ir a UE. Xuntouse a fame coas ganas de comer. Feijóo, e González Pons tamén saben da necesidade dos votos do PP que ten Weber para seguir sendo presidente do PPE no congreso que se celebrará en Valencia en maio. Dito e feito, xa temos vinganza. Non lles importa acabar co pacto histórico entre os demócrata-cristiáns, os socialdemócratas e liberais. Que máis lles dá que Teresa Ribera, que se fixo un nome en Europa , que é moi respectada sexa a candidata ideal, ou que ocupe unha española un posto de tanta importancia. Feijóo e Weber van a solucionar "lo mío", a vinganza. Matar dous paxaros dun tiro e a peza a cazar e Teresa Ribera. Tampouco nos debe estrañar o xiro a extrema dereita, aquí o PP de Feijóo pactou con Vox, eWeber só lles pon a condicón de que sexan proeuropeos, proucraínos e proisraelís. Aquí xa entran Vox e Meloni. Ven o tempo dos mediocres e dos faltos de formación. Tivemos o Trío das Açores, agora temos o Trío da Vinganza: Trump, Weber e Feijóo.

Falo disto co meu amigo Antón, dime que os periodistas de Madrid, antes de escribir sobre Feijóo o que tiñan que facer era vir aquí e informarase ben. E logo — pregunteille eu. Cóntame que el , ao igual que Feijóo, tamén entrou como interino na Xunta a mediados dos anos 80. Como el tamén quería ser fixo e, coma el, tamén foi delegado sindical. Ata aí as coincidencias. Feijóo con compañeiros da dereita, entre eles o que foi alcalde da Coruña Carlos Negreira crean a Asociación de Funcionarios Interinos e Contratados Administrativos (Afica). Feijóo sae delegado sindical pola Afica, e Antón tamén, pola INTG. Dime Antón que Feijóo era un acomplexado, que tiña envexa do poder, e da xente coa que andaba, non lle gustaba a súa orixe. Pertencía — segue Antón — a caste de funcionarios chamados "os caladiños", os que non dan problemas, os que din a todo "si señor", como recompensa tiñan dietas, cursos, horas extras, ou, indo contra a lei, xefaturas de servizo. Había expertos en "vestir o santo", que non é outra cousa que acabar arranxando no papeis un feito administrativo que non hai por onde collelo, facendo bo o proverbio: "o papel aguanta con todo". Antón pon cara de cabreado para dicirme nos din que era "progre" cando de verdade apuntaba maneiras de "trepa", os do seu grupo acabaron aprobando todos a oposición (100% de eficacia), aínda que en San Caetano dicíase que propuxeran eles o exame, unha vez fixo esqueceuse do sindicalismo e do resto dos interinos, Antón segue na CIG, e foi delegado dúas veces máis. Fíxate nunha cousa — segue — cando entra Fraga e forma goberno que funcionarios interesan, "os caladiños", Feijóo sendo "trepa" e, non tendo principios, nin éticos nin políticos claros, tivo a sorte de estar sempre aí, no lugar preciso. Vese na carreira meteórica que levou. Sempre con Romay Becaría (Opus Dei) primeiro xeral técnico para a consellería de Agricultura, cambio á consellería de Sanidade. Coñece e a Marcial Dorado (https://www.infolibre.es/opinion/plaza-publica/feijoo-narco_129_1597397.html). Logo Ministerio de Sanidade, o INSALUD, Correos e volta a Galicia. Consegue ser conselleiro pola traizón que lle fan os do "barrete" desde Madrid a Xosé Cuiña (que presentou a dimisión, aínda que sempre negou o feito, el falaba de doazón) pola venta de material por valor de 40.000 € que fan as empresas da familia de Cuiña na crise do Prestige (unha broma comparado coas comisión das mascarillas dos parentes de Ayuso, dise que a noticia da Cadena Ser foi facilitada polos do barrete, "lume amigo" de M. Rajoy). Fraga noméao herdeiro e ao perder as eleccións e, apoiado por Madrid, pasa a presidente do PPdG. Aquel "trepa" que lle tremían as pernas en presenza de Fraga faise xefe do seu partido. Ca inestimable axuda da prensa galega, nomeadamente La Voz de Galicia, convértese no pioneiro das "fake news", das loiadas, das mentiras e da desinformación. Que si Touriño era "un adicto ao luxo", que si Quintana "lle pegaba á súa esposa", que si os Audis, que si os lumes e a "manguerita" e moitas mais noticias falsas, un día si e outro tamén.

Sabíamos que era un trepa, mais non que era vingativo e vingador. Estábamos certos que era un acomplexado. Non é un "pura sangue" da dereita. M. Rajoy xa naceu así, el non. Xente como Rajoy xa sabes por onde vai, e por onde ven. Os acomplexados non, eses son moi perigosos cando teñen poder, sempre teñen dous discursos, por si acaso. Cando ganou ao bipartito, borrou todo o que podía cheirar a PSOE, BNG ou bipartito. Encheu a Xunta de técnicos e funcionarios de pouco perfil político, "caladiños". Vingouse de todo, do idioma galego rompendo o consenso desde Manuel Fraga, as Galescolas pasaron a ser Galiña Azul, as Uxfor funcionando a ser Sofor inútiles, e así unha tras outra , Rueda segue co borrador na man.

Con este currículo de vinganza xa non estraña o que está facendo en Europa ca súa "troupe". Non aprendeu nada á carón de Manuel Fraga, era ultra con pasado de ditadura, mais na democracia era leal ao goberno. Fraga xamais tomaría a decisión de aconsellar perder esta oportunidade, faría o posible porque Ribera chegase ao que agora lle toca.

A M. Rajoy notábaselle moito cando non dicía a verdade polo tic do ollo. A Feijóo, con gafas, ou sen gafas, nótaselle oo movemento da cabeza e ese toque de acomplexado (ou intimidado por Ayuso). É un marulosegundo a definición da RAG : Marulo, adxectivo. Que persiste nas súas ideas ou actitudes, mesmo ante a evidencia de estar equivocado ou obrando mal.

Si quere vingarse que o faga con estilo. En 1964 Charles de Gaulle visitou Colombia. No brinde, o presidente G. L. Valencia berrou dicindo: ¡Viva España!. Ninguén protestou. En 1979 o presidente colombiano Julio César Turbay vistou Francia. Jacques Chirac alcalde París no saúdo: "Estamos diante do representante lexítimos da democracia colombiana, unha das máis grandes e mellor conservadas democracias africanas". Non protestou ninguén . Moita Finezza

O que fai Feijóo pode ser moi perigoso para España e, sobre todo, para Europa, vai darlle entrada aos fascistas por mor das súas envexas.

Por iso vivo permanentemente no conto de José María Monterroso: "Cando espertou, o dinosauro aínda seguía alí".