Nova orde mundial, cambio de paradigma: privatización do poder

11 de noviembre 2024

Vexo páxinas e páxinas, e artigos e máis artigos, faladoiros e máis faladoiros que saíron á conta das eleccións á presidencia dos EEUU. Non entendo é a que ven tanto cabreo, tanto desgusto. Pola contra custa entender que un tolo, machista, racista, xenófobo, golpista e delincuente, por riba limitado por cuestións de idade acabe sendo presidente dos EEUU. Ninguén pode queixarse, esa é a herdanza que deixa Joe Binden. Empeñouse en seguir presentándose nunha segunda convocatoria presidencial. No Partido Demócrata (Democratic Party) tampouco ninguén se lle puxo enfronte. Faltando catro meses, despois de moitas presións, polas súas limitacións xa á vista argallouse unha candidatura urxente de comenencia, de entrada non era unha mala candidatura. Bernie Sanders, o senador por Vermont, e na liña máis a esquerda que a oficial do Partido Demócrata declarou: "O Partido Demócrata abandonou á clase traballadora". Na mesma liña se manifesta a congresista por Nova Iork, Alexandria Ocasio-Cortez. Non ían faltos de razón. Como aquí os ricos son cada vez máis ricos e os pobres máis pobres. No mundo o reparto da riqueza é cada vez máis desigual. O ascensor social está roto. Nos EEUU teñen un paradoxo incrible na sanidade, sendo unha das sociedades máis avanzadas non lle garante a asistencia sanitaria á súa cidadanía, cando a inversión publica en sanidade é moi superior á dalgúns países con renda per cápita menor. Os prezos dos medicamentos son dos máis altos do mundo e non se cobren as baixas por enfermidade.

Na nosa vella Europa vexo dous cabreos. Os da propia Europa e os da "cultura woke 1" (aclaro que vou usar termos que se usan acotío nos medios como se fora normal, custoume moito entendelos, así que ao final do artigo explico o seu significado ao meu entender).

Na vella Europa estase vendo que a presidencia de Donald Trump pode traer problemas polas modificacións xeopolíticas que planea. Trump, amigo de Putin, quere que se acabe a guerra de Ucraína, retirándolle a axuda ao goberno de Zelenski. Si se perde Ucraína comeza o camiño cara a perda da UE. Aquí van planear problemas os "rojipardos 2",aínda que xa non son o que eran, agora é máis pose que outra cousa, pero esta pose pode ser daniña cando fan falta os seus votos para aprobar decretos ou leis e tirar abaixo unha lei porque lle falta unha coma. Europa xógase moito sobre todo pola presión de Polonia, as repúblicas bálticas e Suecia, e iso significa aumentar as inversións en defensa. Tamén andan co corazón encollido pola política proteccionista que quere impoñer Trump aumentando os aranceis. Afectaría a moitos sectores exportadores europeos, nomeadamente ao sector automobilístico que, precisamente, non está para tirar foguetes. Tamén implicaría facer unha aposta clara cara unha fiscalidade común, que o que máis rexeitan os estados (a maioría) encabezados polos "estados frugais 3". Nesta crise a Europa, exportadora, debe mirar cada vez máis aos "BRICS 4". Ten que aclararse si quere ser independente ou unha franquicia USA.

No caso da "cultura woke" europea é entendible o cabreo, mais deben recoñecer que os deberes non están feitos. Neste caso deberían saber que nin Donadl Trump era o problema, nin Kamala Harris a solución. Explicouse antes onde comezan os problemas. O problema pode estenderse (se non o está xa) a Europa. A socialdemocracia europea estivo facendo unha política de centrodereita e agora vense os resultados. En España, ata que chegou Pedro Sánchez e, seguramente, forzado polas alianzas veuse forzado a facer máis política sociai. José Luis Rodriguez Zapateroempezara a facer algunhas. Agora fanse máis, e séguenos parecendo poucas, o importante é que se vaian facendo. A democracia esta en perigo, dinnos os woke. As solucións están nas nosas mans. Agora a nosa dereita, e a extrema dereita, coa ganancia de Trump superan complexos, vense máis fortes. Con este vimbios temos que facer a cesta de defensa da democracia, hai que garantir os dereitos dos individuos. Seremos capaces?

Donald Trump levaba catro anos de campaña. Na maioría das veces baseada nas loiadas e mentiras, na desinformación. Trump soubo rodearse dos donos da desinformación . Primeiro foiElon Musk (Space X, Tesla, X antiga Twiter...), o rei da desinformación anda falando da "eficiencia gubernamental", cando parece dicir dádeme ese choio a min. Non vai ser ministro mais vai estar aí (no goberno). Outro que tal baila éPeter Thiel(cofundador de Pay Pal e magnate de Silicon Valley), din que é o Cabaleiro Escuro. Planearon moi ben a campaña a través da desinformación. Saben que os medios de información clásicos "mainstream 5xa non marcan tendencia, agora marcan tendencia os "youtubers"e os "influencers". Nese campo tanto Musk como Thiel son os donos do algoritmo que controla parte das nosas vidas. Con todo isto Donald Trump consigueu, mesmo, facer desaparecer o Partido Republicano, o Grand Old Party, e transformalo no seu partido o MAGA (Make America Great Again). Contaba co apoio dos homes "AWM 6" e "alt-right 7". Conseguindo o voto dos latinos ganaba. Escoito moitas opinións, moitas delas da cultura "woke" e "rojiparda" que cando falan da política española sempre se preguntan:"é que un obrero ou un gay poden votar á dereita?". A resposta é fácil: hai que facer ben os deberes. No caso dos latinos falo a través da experiencia dos meus veciños emigrantes que nunca volveron definitivamente, os fillos e netos xa naceron nos países onde foron. Dicíanme que intentaron integrarse, os seus fillos eran nacionalizados alá e, e os netos eran completamente dese país. Pois os latinos igual, primeiras, segundas e terceiras xeracións xa son "made in USA" e votaron pensando na súa economía.

Asústanme as palabras de Trump no programa de Sean Hannity, en Fox TV, onde dixo : "non vou ser dictador agás o día 1". Venganza e limpeza nun día, logo terra queimada. Tamén dixo: "imos protexer ás mulleres, queiran ou non". Vexo cruces do KKK (Ku Klus Klan). As mulleres cos dereitos recortados como nos países islámicos. Os países con materia prima para as baterías dos Tesla que non se aveñan a negociación invadidos. Xa vivimos na distopía. Van vir anos duros para a democracia, para a xustiza social e para a xustiza económica. Na vella Europa imos ter que pelexar duro contra os que queren facer caer as bases da democracia.

Papelón vai ter o xuíz Juan Manuel Merchán no "caso Stormy Daniels". Donald Trump está acusado de falsificar documentos para agochar o pago coa fin de mercar o silencio dunha actriz porno. Xa dixo que lle da igual que o condenen el "vai autoindultarse" ou "autoamnistirase". A xeito de brincadeira pregunto: "o PP está en contra deste indulto?".

Definicións

1 Cultura woke. Está referido ao que se relaciona coa esquerda. Podía dicirse cultura progresista. Ven do concepto wake up (desperta ou despertade).Puxo de moda Elon Musk, hai uns dous anos usando en Twiter de xeito despectivo contra o progresismo.

2 Rojipardismo. Posturas de extrema dereita con retórica de esquerda. O exemplo claro é Alianza Sahra Wagenknecht (Bündnis Sahra Wagenknecht-Vernunft und Gerechtigkeit; BSW), unha escisión da esquerda alemana. Sahra Wagenknecht é o nome da súa lideresa. Defende o proteccionismo con toques nacionalismo euroescéptico. Nas eleccións de Turingia quedaron terceiros

3 Estados frugais. Priorizan a austeridade no gasto público e a estabilidade económica. Son: Países Baixos, Dinamarca, Austria e Suecia.

4 BRICS. Agora xa se denominan BRICS+, é unha asociación de países emerxentes como espazo alternativo ao G7, Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica e agora se ampliou a Exipto, Emiratos Árabes Unidos, Etiopía e Irán.

5 Mainstream . É a corrente principal, o gusto da maioría. Úsase principalmente en cultura, arte e música. O exemplo claro é o "pop", aínda que se aplica a máis cousas como no artigo á prensa escrita de máis tirada, e ás veces hai quen se refire ao comportamento político.

6 AWM (angry whotw men), os homes brancos cabreados, non entenden porque "se lles cuestiona todo o que aprenderan de como é ser home e agora séntense vítimas, vulnerables e ameazados".

7 Alt-right. Movemento de extrema dereita, nacionalista e supremacista branco. Tamén os hai quen denuncia o supremacismo branco (negros e latinos), son os "alt-lite" ou "new rwight"(nova dereita).