Dende este semana, inicio unha nova etapa na miña vida por partida dobre: inicio como profesor e inicio como alumno. Como profesor, xa que dende o pasado mércores dou clases sobre temática histórica relacionada con Pontevedra na Universidade sénior do Campus de Pontevedra, e como alumno, xa que a miña especialización en Historia Antiga levoume a comezar co estudio dunha nova lingua: o hebreo clásico, neste caso no Instituto Teolóxico Compostelán, no monumental edificio de San Martiño Pinario.
Nova etapa pois chea de ilusións e de medos, ilusión por contar ca confianza da Universidade de Vigo para terme coma docente convidado durante os vindeiros catro meses, e de medo ante a dúbida de se consiguirei aprender algo de hebreo clásico. Sempre me sentín moi atraído pola cultura hebrea, ata chegar o punto de que na miña vida me atopei con xente que pensaba que eu era xudeu. Dende que teño uso de razón sempre tiven un soño: participar nunha escavación arqueolóxica en Xerusalén. Era e é a única razón de que estudiara Historia, de que fixera o Diploma de Estudos Avanzados en Historia Antiga xa vai para quince anos, e que agora esté facendo a tese doutoral, por suposto en Historia Antiga.
Tras anos de formación e de contactos, este verán conseguín poder colaborar nunha campaña arqueolóxica na propia cidade vella de David, en Xerusalén, ca equipa da Dra. Johnson… tiña todo: formación académica, contactos, pero todo non… faltábame o máis importante: poder desprazarme ate Xerusalén. Obviamente o normal sería ir en avión ate o aeroporto Ben Gurion con algunha escala. Pero dende fai un ano medio, unha lesión no oído impídeme subirme a un avión, non podo tan sequera subirme a un tren. Polo tanto, o meu pesar tiven que deixar pasar esa oportunidade, que posiblemente nunca máis se presente.
Eu tentei explicarlle este problema ó SERGAS para que me comezaran a tomar en serio e me puxeran nunha lista de espera para unha timpanoplastia… Un ano e medio despois, non estou nen unha lista de espera, é máis, dixéron, textualmente que o non hai nada que operar, que o tímpano xa pechou. E que ademais eles non tiñan a culpa de que eu me metera un bastoncillo polo oído, e que pola tanto, que me fastidiara, incrible pero certo. A falta de empatía do SERGAS chega ata ese punto, e non podo votarlle a culpa ós políticos, xa que non está nen Rueda nin Sánchez detrás da xente para ver si me operan ou non. Eu sigo tendo o mesmo ruido interno que o primeiro día, un ruxido que de xeito eufemístico chaman "acúfeno", como se fora un pitidiño. A primeira vez que me veu un especialista do SERGAS díxome: o tímpano, unha vez aberto, só pecha en nenos, en adultos SEMPRE hai que operar. Meses despois dixéronme que xa estaba pechando e xa vai para máis dun ano que me din que non hai nada que operar, que está pechado. Algo que, sinceiramente, non creo, xa que sinto como unha frauta no oído, sinto que entra aire, como unha frauta. Ademais, non quedáramos que só pechaba en nenos?. Resulta que este mes cumpro 49 anos, pero para os do SERGAS son un neno de pediatra. A postura do SERGAS para comigo é de negativa de asistencia médica, ó cal é delito. Levo meses tentando ter un avogado de oficio para denunciar ó SERGAS, pero é como pedir a un brazo dun monstro que ataque o seu outro brazo: todo é Estado represor, ladrón e explotador. De feito, estou gastando os cartos que non teño en sanidade privada. Todo tería solución cunha timpanoplastia e un parche no tímpano: podería subirme a un avión para irme a Xerusalén ou Pekin, volvería a disfrutar con outra das miñas paixóns xunta ca Historia Antiga: tocala gaita.
Esa lesión de oído que para o SERGAS non existe, todo está aí dentro perfectamente, trocoume a vida, e como poden agardar para peor. Tería que estar facendo comunicacións en congresos e non podo, tería que estar participando en escavacións arqueolóxicas e non podo, e xa que non podo nen unha cousa nen a outra, podería entreterme tocando a gaita… non, tampouco podo. Eu sacaba cartos coa música, a xente que non me opera, pero que cobra tódolos meses como se o fixera, non atende a razóns e me din que "teño que convivir" con ese problema. Eu négome a convivir cun problema de saúde que podería arranxarse nun quirófano en pouco máis dunha hora de intervención.
Soen decir que hai que pagar impostos para construir escolas, hospitais, estradas, pero vendo que as escolas son centros de adoutriñamento, os hospitais edificios baleiros nos cales traballan como moito un día á semana, e as estradas son de peaxe, pregúntome erguendo as mans cara o ceo: pero ónde meten os cartos? E cando miro ó "Bribón" navegar polas aguas galaicas dirixo coma un torpedo o meu dedo cara el digo: "aí, aí están os cartos".
Resumindo, agradezo a confianza posta en min pola Universidade de Vigo, e "agradezo" igualmente á desidia á cal estou sendo sometido polo SERGAS. Tíñanme que facer unha resonancia e danme cita para o 30 de setembro do 2024, case dentro dun ano. Que exhumen o meu cadáver e lle fagan todas as resonancias magnéticas que queiran, prefiro que invirtan os cartos nixo que construir hospitais mastodónticos que están destiñados a estar baleiros e pagar ós privilexios dunha casta con dereitos de cuna.