Non temos investidura pero temos voda, non hai cor, onde imos comparar

08 de abril 2024
Actualizada: 18 de junio

Tiven e, cada vez máis, teño unha dúbida sobre o tempo que se tarda na formación de parlamentos (Estado e CCAA) e da toma de posesión dos respectivos dirixentes. Estamos no século XXI. Está todo moi dixitalizado. Os recontos de votos fanse no mesmo día, agás nos do estranxeiro que demora unha semana. Tardar tanto, cando os datos están claros, fainos ser un pouco parvos

Tiven e, cada vez máis, teño unha dúbida sobre o tempo que se tarda na formación de parlamentos (Estado e CCAA) e da toma de posesión dos respectivos dirixentes. Estamos no século XXI. Está todo moi dixitalizado. Os recontos de votos fanse no mesmo día, agás nos do estranxeiro que demora unha semana. Tardar tanto, cando os datos están claros, fainos ser un pouco parvos. Podo entender que a investidura de calquera deses postos se tarde tempo cando non hai maioría absoluta e se ten que negociar como pasou en Bélxica que botaron máis de 500 días. Ao contrario Portugal, tivo eleccións despois da galegas, xa ten Primeiro-Ministro, e iso que non hai maiorías de goberno. No caso de España o Parlamento constitúese aos 25 días despois das eleccións. No caso de Parlamento Galego A Lei Electoral do Parlamento Galego, Lei 8/1995, de 13 de agosto di que a "data constitutiva do Parlamento, terá lugar dentro do prazo dun mes, a contar desde a celebración de eleccións. E, si a min me parece que é moito tempo de agarda para unha investidura (cando se ten a maioría absoluta) vai Alfonso Rueda e en vez de facelo de xeito normal, como levaban feito os seus predecesores, vai e adía a investidura unha semana máis.

Se non fora porque é un tema moi serio sería de pensar si é unha brincadeira ou un titular dunha revista de humor. Pero non, ese non é o caso. É certo. Alfonso Rueda cambia a data de investidura por unha voda. O día 6 ou 7 de abril sería o día acaído para facer a investidura, mais xa se sabe que Alfonso Rueda non se debe a Galicia como ten demostrado. Por moi Presidente da Xunta de Galicia que sexa, el débese ao seu partido, o PP. Por orde de Feijóo o 6 de abril foi decretado como festivo Popular xa que casan ao solteiro do partido, e por iso quedan anulados todos os actos ese día. Alfonso Rueda cambia a data para asistir á voda, entre a túa investidura e a voda do alcalde Madrid está claro que o importante é a voda. O da investidura aplícaselle a frase de M. Rajoy "para la investidura ya tal", onde imos comparar?. Se non fora porque a traxectoria de Rueda o precede preocuparíame, pero esta unha máis das mostras de desleixamento que ten con Galicia.

Tomando un viño pregunteille ao meu amigo Antón: Tan importante é que Rueda asista á voda do alcalde Madrid? —respondeume ríndose—Home claro, é que aí vai estar "la crème de la crème aristocrática", tamén toda a cúpula do PP, e Rueda debe estar, ten que darse a valer (??), tamén vai a estar o poderío económico. Rueda quere que na súa investidura asistan os "importantes", os dirixentes do PP, o poderío económico e supoño que algún toque de aristocracia. Venme a cabeza a toma de posesión de Feijóo que na súa investidura estaban persoeiros da economía. Fixeime como se abrazaba ao presidente de Iberdrola.

Isto lémbrame a miña avoa,—díxenlle eu— cando había un enterro e me obrigaba a min a ir en representación da nosa familia. A min non me gustaban, nin me gustan, e tampouco aguantar a misa, nin os cheiros a incenso queimado. Miña avoa sempre me dicía o mesmo, "ti fai como queiras, si non queres entrar na igrexa non entres pero a ti que te vexan". Entón Rueda a que vai á voda, a que o vexan?

Si e non. —contestoume—a Rueda, igual que ao PP do barrete, Galicia impórtalles pouco. Son xente con moi pouca formación política. Son burócratas que levan facendo toda a vida o mesmo, viven na súa verdade, nas súa xestoría, o deles é o DOG ou o BOE, xa marcarán a liña outros que son os que pensan. Por riba, ao igual que fixera Feijóo colleulle o gusto de ir a Madrid a explicar as cousas de Galicia. Onde estaba o día que Santalices, o presidente do Parlamento Galego, lle tiña que comunicar que era o elixido para a investidura? En Madrid. Onde está unha gran parte do tempo? En Madrid. E por riba el o quere é ter xente "importante" na súa investidura, e si están na voda non van asistir ao seu acto. Pois iso.

Marchei pensando no que me dixera Antón e pasáronme pola cabeza unhas palabras que a exdirixente do PP Andrea Levy dixo esta semana no periódico El País cando lle preguntaron polo poder das empresas do Ibex-35 e elas respondeu: "El poder en nuestro país no solo lo ejercen los políticos y los medios, también las empresas. Hasta el fútbol. Y todo eso se concentra en Madrid." Queda moi clariño, todo pasa por Madrid e polo que se ve Rueda teno asumido. O máis triste de todo que o PP de G, de agora (e o de antes?), nunca tivo en conta a importancia que ten Galicia como País. Non saben que somos, segundo a tan encomiada por eles Constitución Española, unha nacionalidade histórica, e que no primeiro que hai que pensar é en Galicia e non nunha voda.

Acabo de ver as fotos da voda. O primeiro é que a igrexa na que se fai San Francisco de Borja (coñecida co nome de Los Jesuitas) era (é?) habitual do franquismo. Ía sempre Carmen Polo e Carrero Blanco. Era onde lle facían as misas a Franco cada 20 de novembro. Nas fotos, con pe, vese a unha representación de "royals", nobres, empresarios, futboleros e cociñeiros. En cabeza o campechano visitante de Sanxenxo, filla, netas e netos, pasando por apelidos ilustres de rancio abolengo español , moito apelido con "de" ou con guión "-" ou apelidos empalmados, presidentes de equipos de fútbol da capital, adestradores, xogadores e unha longa lista do "papel couché". Como no ía a estar Rueda?. Que vaia con coidado a ver en que mesa o poñen que polo que se vai vendo, vai haber moitos defraudadores de Hacienda, imputados e comisionistas. E políticos moitos políticos, tanto en activo coma ex. Mais todo eran da mesma liña. Se nos "royals" presidía o emérito, nestes presidía Feijóo,

O máis sorprendente é a comparación entre Rueda e Almeida respecto ao seu poder . Almeida preguntado en Madrid Directo da TeleMadrid sobre a voda respostou: "no me voy a distraer con la boda, se lo aseguro a los madrileños". Rueda distraeuse coa voda. Nunca contestou a porque adiou a data da investidura, ou si?. Foi recibir ordes a Madrid, a facer acto de presenza. Como dicía José Benito Suárez vídeo das elección galega: "ten un defectillo e é que non é puntual" e neste caso é certo, a súa investidura chega tarde por ir de voda. E Galicia e a investidura? "Pues Galicia... si ya tal". Éche o que hai.