Si señor! Leva razón Celulosas. Claro que a leva. Ten todo o dereito que queira a ocupar a praia de Pontevedra. De feito xa está a ocupala. Ou é que somos parvos? É verdade. Si señor. E quérena desafiuzar! Cumpre ser mal nacido! Este é un país solidario. Aquí non se desafiuza a ninguén. Diso Celulosas dá bo exemplo: os bancos socios-propietarios de ENCE nunca desafiuzaron a ninguén das vivendas que eses bancos adquiriron dos maneira lexítima, xusta e equitativa, a causa do impago das hipotecas por parte dos morosos que as habitaban. ENCE paga. E paga ben por ocupar a nosa praia. É xenerosa en elementos contaminantes! Non entendo por que queren desafiuzala. Nin é xusto nin é de dereito.
De feito, disque don Lanberto está pensando en propiciar non xa que ENCE medre na praia de Pontevedra, como vén medrando, senón que se multiplique. E en ocupar eses solares ermos que non serven para nada, como son, poño por caso, a praia de Silgar, a Praia de Carnota ou a praia da Lanzada, para montar nelas máis factorías de ENCE e dotar eses desertos de vantaxes comparativas tales como auga gratuíta, disimulada posibilidade de contaminación até os límites, materia prima abundante e barata ... E a onde ENCE non chegue, calquera outro empresario, sexa galego, español ou estranxeiro ten dereito de ocupación, así, gratuitamente, e de gozar das vantaxes comparativas que solicite. Quedaremos agradecidos a quen teña esa caridade conosco.
No entorno deses focos industriais florecerá un Corno de Ouro, do que emanará a cachón saúde, diñeiro e amor e dará orixe a unha próspera cidade, como a que se desenvolveu en Lourizán, arredor de Celulosas.
Tampouco é xusto que os avogados do Estado, os avogados dos que sufrimos a ocupación, non se poñan do lado do ocupa e o defendan. Isto non fai falta argumentalo. Chega con dicilo.