Non che conto a verdade porque te mentiría

01 de abril 2024
Actualizada: 18 de junio

Lembreime desta frase que me dixera un propietario dunha zona de concentración parcelaria que eu dirixía ao ver todo o rebumbio que se está montando coa fábrica de pasta de papel que se quere instalar na Ulloa. Coa desculpa de tomar un polbo á feira en Melide din unha volta pola Ulloa para ver como ía o conto

"Tristeza não tem fim, Felicidade si"(Vinicius de Moraes, María Creuza e Toquinho)

Lembreime desta frase que me dixera un propietario dunha zona de concentración parcelaria que eu dirixía ao ver todo o rebumbio que se está montando coa fábrica de pasta de papel que se quere instalar na Ulloa. Coa desculpa de tomar un polbo á feira en Melide din unha volta pola Ulloa para ver como ía o conto. Eu fundeses parvos que viron con bos ollos, cando PP, PSOE e BNG, aproban unha proposición non de lei que daba "prioridade ao proceso de deseño da primeira fábrica de fibras téxtiles en España" e que "ía pechar o ciclo da produción de madeira en Galicia" (BOPG 11 276 F 0). A súa localización preferente ía ser a Mariña, tan tocada da crise co peche térmica das Pontes e o problema de Alcoa. Todo adubado ca axuda dos fondos Next Generation. Gustábame a idea do ciclo pechado. Escoitara por primeira vez as palabras "industria de enclave" no ano 1974, en Vilalba, Xosé Manuel Beiras presentaba "O atraso económico de Galicia" falábase de actividades de produción na que se extraía a materia prima mais a transformación facíase nos países desenvolvidos. Poñían, xa daquela, como exemplo ENCE que contaminaba a Ría de Pontevedra para facer a pasta mais a transformación nos distintos tipos de papel facíase fóra de Galicia.

Impulsa Galicia firma público-privada pola Xunta de Galicia na que os investidores privados son Xunta (40 %), Abanca (38 %), Reganosa (12 %) e Sogama (10 %), a finais de 2021 anuncia que a empresa elixida é a portuguesa Altri (produtora de celulosa en Portugal con tres plantas, que merca eucalipto en Galicia e que ten denuncias por contaminar ríos en Portugal) para o proxecto de fabricar 200.000 t/ano de lyocell unha fibra téxtil "sostible" que iría ocupando o lugar das fibras sintéticas procedentes dos combustíbeis fósiles. Non se fala do lugar elixido pero si de 800 M€ de inversión, 2.500 postos directos e 6.500 indirectos. Hai quen di que en ENCE Pontevedra non gustou esta elección xa que Altri é un competidor directo. Pouco despois anuncian que a planta non vai para a Mariña senón que se instalará en Palas de Rei. O proxecto xa ten nome como se pode ver nos comunicados trimestrais de Altri 3T22. Será Proxecto Gama.

En 2023 o Proxecto Gama queda fóra dos fondos Next Generation. Acusacións da Xunta contra o Goberno do Estado. Nadia Calviño avisara que o proxecto de Altri non tiña encadre en ningún dos PERTE. En fin que o plan e as xustificacións da inversión non eras as correctas. Os ministros de Industria de Pedro Sánchez traballan para incluílo nalgún PERTE, mesmo algún foi a Lisboa. Cambian de PERTE, ao principio ía no de Economía Circular e agora vai ao de Descarbonización. A finais do 2023 xa non é Altri, agora é Greenfiber S.L., unha sociedade entre Altri e Greenalia (a dos eólicos que fichara facía pouco tempo á que fora conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato). Hai que actuar. Como?. Traballando cos "lobby", e si os hai locais mellor. E hainos, na Ulloa dinnos que hai dous importantes. Por unha banda está Ánxeles Vázquez, exalcaldesa de Melide, exconselleira do Medio Rural e actual Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A consellería é un bo altofalante para estar nos medio defendendo "a causa", responsable Augas de Galicia e por riba "é de alí". Pola outra banda está Pepe Blanco, natural de Palas de Rei, onde foi concelleiro. Unha vez que deixou de ser europarlamentario entrou en ENAGAS, cun salario de máis de 100.000€, e fundou, xunto a outros "ex" do PP e PSOE, o que din que é o "lobby" máis importante de España. O seu nome é Acento Public Affairs, era onde ía a entrar o exministro Garzón e que logo non o fixo polas críticas. Acento é unha consultoría "superespecializada" en "asuntos públicos". Os afectados pola instalación din que Acento Public Affairs actuou de valedora do proxecto. Pepe Blanco estivo nos "Encontros en El Progreso", falou da empresa que ía para a Ulloa, defendeu o plan, coñecíao moi ben, criticou aos ecoloxistas que falan do alto consumo de auga dicindo que en Galicia non hai escaseza de auga, sentou cátedra. Nestes encontros tamén dixo que estaba convencido que a empresa ía ter fondos europeos.

A Xunta de Galicia declarou o proxecto como Proxecto Industrial Estratéxico para acelerar trámites administrativos, lémbrame a Fraga declarando a Supramunicipalidade de ENCE para que non puidera actuar o concello de Pontevedra. Porén o día 4 de marzo sae no DOG á información pública a solicitude de autorización ambiental integrada, o estudo de impacto ambiental, a declaración de utilidade pública e o proxecto para a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas, promovido por Greenfiber, S.L. (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240304/AnuncioG0692-200224-0017_gl.html), neste DOG hai cousas significativas, copio e pego:

1.- Descripción da actividade: instalación dunha fábrica de fibra téxtil a base de celulosa, cunha capacidade final de produción de 400.000 ADt/ano de celulosa (soluble) (ADt: tonelada métrica de pasta secada ao aire, expresada cunha secura do 90 %) e 200.000 t/ano de lyocell. Fase inicial (fase I) cunha produción de 250.000 ADt/ano de celulosa e 60.000 t/ano de lyocell.

2.- Instalacións químicas para a fabricación de produtos químicos orgánicos, fibras a base de celulosa

3.- Instalacións de combustión cunha potencia térmica nominal total igual ou superior a 50 MW, en que se produza a combustión de combustibles fósiles, residuos ou biomasa.

4.- Consumo de auga: caudal de 46.000 m3/día

5.- Augas residuais sanitarias durante a explotación, que se tratarán nunha estación depuradora de augas residuais (EDAR) compacta e modular, cunha capacidade de 50 m3/día (200 hab eq.)

Mentiras, trolas e outras falsidades. Primeiro mentiron dicindo que ía ser de fibras téxtiles e agora vemos que é unha fábrica de pasta de celulosa coma ENCE. Logo dicindo que se ía pechar o ciclo en Galicia e vemos que non, que vai ser igual que ENCE, aquí a pasta de celulosa e logo xa a transformarán noutro sitio. Tamén nos mentiron cos postos de traballo que foron de 2.500, logo 1.500, despois 500 e piden auga sanitaria para 200, sinalar que Altri en Portugal, nas tres plantas ten sobre 800 empregos. Mentiron coa auga que van coller. Mentiron e seguen mentindo. Nunca entenderei ese afán, da Xunta do PP, de mentirnos para defender este tipo de empresas, antes ENCE, agora Greenfiber, S.L que o que fan é chucharnos o noso, contaminar, e o bo facelo fóra. Non todo vale, non. A Ulloa esta despoboándose mais con este tipo de fábricas non arranxamos nada, perderemos máis gandeiros e agricultores co que gañamos cos empregos a crear. Perderemos mariscadoras e pescadoras.

A auga que se vai usar vai volver ao río Ulla. Afecta a tres provincias galegas, A Coruña, Lugo e Pontevedra. Nesta zona hai produción de queixos con denominación de orixe Ulloa e Arzúa, o que implica gandería e agricultura. Ao final o Ulla fai ría, o mar de Padrón que dicía Rosalía de Castro, a Ría de Arousa, a nosa ría marisqueira e peixeira por excelencia e que xa está bastante tocada. Queren facer o mesmo con esta ría como fixeron coa de Noia e as minas de san Fins?.

E, que pasa con INDITEX?

Cando, contaba ao principio que me ilusionaba o proxecto de pechar o ciclo en Galicia. Pensei eu que estaría detrás INDITEX, iluso de min, non, non está INDITEX. A Xunta de Rueda, e antes Feijóo que isto empezou con el de Presidente da Xunta saberá porque. Poñen sempre a INDITEX como tractor. Xa vexo que é postureo. Vexo que non saben gobernar, que actúan ao ditado dos que lle piden. Vexo que defenden a eses neoliberais que din, e espallan, aos catro ventos que non se paguen impostos, que o mercado se regula só, que o problema é a esquerda cas súas normas intervencionistas, que España se rompe, que o idioma galego non vale para nada, que o importante son os postos de traballo aínda que se contamine. Vexo claro a quen lle fan caso. Desde logo ao País non, ni o defenden. Falouse con INDITEX para que entrase no proxecto ou xa sabían que era de celulosa?. Mirei o plano das fincas afectadas e a superficie ven sendo, mais ou menos unha 370 ha, o equivalente a mais de 12 veces a superficie de ENCE Pontevedra, vai ser unha "macrocelulosa"?

Mentres tanto INDITEX asinou coa finesa Infinited Fiber Company un acordo para mercarlle durante máis de tres anos máis de 100 millóns de euros de fibra téxtil reciclada, que leva o nome de Infinna. A sinatura foi en maio do 2022, pasou moi desapercibida nos medios. Aquí se ve: https://cincodias.elpais.com/cincodias/2022/05/12/companias/1652367998_233376.html. INDITEX marca o camiño, a Xunta non está nin se lle espera para traballar por Galicia, cada vez deixan ben clariño a quen defenden. Gustaríame que se industrializara a Ulloa, ao igual que moitas das comarcas despoboadas ou deprimidas económicamente, tendo un plan serio, non con parches publicitarios, cun plan sustentable que se cumpra. O de Greenfiber, S.L así non. Non o merecemos, e Galicia tampouco.