Este pasado 1 de xaneiro foi o concerto de aninovo, o de Viena dende o Musikverein, contando conChristian Thielemann na batuta, pero tamén o de Pontevedra. Non fun a ningún dos dous, no primeiro é evidentemente que é bastante oneroso ir a tal concerto, e cando fun a un concerto á Musikverein, fai máis de dez anos, era o mes de agosto, onde hai menos lista de espera. Tampouco podería ir a Viena por non poder subir a un avión pola lesión no oído que se solucionaría cunha operación que se negan a facerme. A otóloga díxome directamente que non pensaba operarme e que eles "non tiñan a culpa de que metera un bastoncillo polo oído" (textualmente). En canto o de Pontevedra, na presente colaboración desgranarei as razóns de non ter asistido. Pero tamén quero facer breves alusións ós concertos que sí asistín.
Moitas veces escribin neste medio sobre a necesidade de mellora-la oferta cultural na cidade para os amantes da música clásica. Fai uns días asistín a un concerto da "Sociedad Filarmónica" dun cuarteto de corda, puiden disfrutar nel de Mozart, Schubert e o meu cuarteto favorito de Shostakovich, o nº 8, co seu trepidante segundo movemento. Sería moito pedir unha orquesta filarmónica na cidade, xa que temos unha, pero só toca unha vez o ano e cando o fai toca música galega. Seica dende o Concello lles obrigan a tocar música galega, gustaríame saber se ós grupos que veñen o festival de blues e jazz tamén lles obrigan a tocar música galega. Se non o fan cos ditos grupos e os amantes da música jazz e blues poden disfrutar dunha serie de concertos o ano dos mencionados estilos musicais, cál é razón de que non pase o mesmo cos amantes da música clásica? Que conste que eu mesmo son gaiteiro e gústame a música galega, pero teño múltiples ocasións o ano para escoitar música de gaita e amólame que para un concerto vienés que facían o ano, o transmutaran nun concerto de música de gaita.
Eu pregúntome si o parecer non hai xeito de ter unha orquestra filarmónica na cidade que toque concertos regulares de música clásica durante a tempada de outubro a maio, si polo menos se poden facer concertos dun cuarteto de corda, para que os amantes de música clásica podamos disfrutar deste tipo de concertos. Un cuarteto residente con músicos do conservatorio "Manuel Quiroga", por exemplo. Con concertos, un o mes, no cal os amantes de música clásica podamos deleitarnos con Mozart, Beethoven e Schubert sen que nos metan polo medio unha foliada. Temos dereito a que a programación cultural da vila nos teña en conta. A miña proposta é que para asistir a tales concertos se pague unha entrada económica, para evitar que a xente vaia, colla asento e á segunda peza abondone o teatro.
E falando do conservatorio pontevedrés, fai unha grata sorpresa escoitar no concerto de Nadal que deu unha das súas orquestras, escoita-lo primeiro movemento da miña obra favorita, o Scheherazade de Korsakov. Outros dos interesantes concertos os cales sí fun este Nadal foi o organizado pola Universidade da "Orquesta Clásica de Vigo". A batuta foi a de Manuel Martínez Álvarez-Nava e o solista era Severino Manuel Ortiz Rey. Puiden disfrutar do meu concerto favorito para piano e orquestra de Wolgang Amadeus Mozart, o nº 20 KV.466. Ademais escoitei pezas de Gounod, Chueca e dúas pezas de Johann Strauss fillo: a simpática Pizzicato-Polka op.234 e o Shatz-Walzer op.418. O derradeiro concerto de Nadal foi no salón nobre do pontetevedrés "Liceo-Casino", no cal un cuarteto de corda que se presentaba en sociedade, "Vagalume", no seu debut nos deleitou co concerto "Fatto per la Notte di Natale" de Corelli adaptado a cuarteto de corda, así como unha serie de movementos do "Crebanoces" de Tchaikovsky e unha serie de panxoliñas. A pesares dixo, non vos creades que a programación en Pontevedra de música clásica é satisfactoria, está moi, moi lonxe de sela.
Teño algo máis que unha sospeita de que o trato de ninguneo que recebemos en Pontevedra os amantes da música clásica, débese a cuestións ideolóxicas. Cando fai uns anos presentárase en Pontevedra a orquestra filharmónica "Cidade de Pontevedra", hoxe Orquestra Filharmónica de Pontevedra, pensaba que por fin chegara o seu fin o ostracismo dos melómanos pontevedreses. Pero fora unha vana ilusión, defraudada co paso do tempo. Teñen a falsa idea de que somos poucos, pero as butacas de cando hai concertos de música clásica demostran o contrario. Dende comezos do 2020 que non se representa unha ópera en Pontevedra, cando en Vigo, A Coruña e Compostela hai varias cada tempada. A posta en marcha dunha ópera implica moitos recursos, pero cando tan sequera temos a un cuarteto de corda residente cunha tempada anual de concertos é por desidia das autoridades municipais e a súa programación cultural monocolor. Temos unha programación cultural de aldea, esa á verdade, con bandas de música e festivais de corais, algo propio en poboacións de poucos miles de habitantes, pero impropio ate chegar ó insulto nunha capital de provincia. Dá a sensación de que tódolos esforzos diríxense en ter unha cidade bonita máis para o visitantes que para o residente. Unha programación máis dirixida ó estómago, con múltiples eventos gastronómicos o longo do ano (para a xente que poda permitirse ir de tapas), que ó espíritu. Sinxelamente, aquí apodrezo.
Temos un conservatorio na cidade, un convenio co mesmo para que polo menos haxa un concerto ó mes non é pedir imposibles. Hai anos, grazas os da "Ruta cicloturística do Románico", tiñamos un concerto á semana, pero cando faleceu o presidente da mesma, todo desapareceu sen que ninguén continuara con aquel sano costume. É tanto pedir un recital de piano o mes?, é tanto pedir un cuarteto de corda o un trío, un violín e un piano?. Ós que dirixen a programación cultural desta vila, lles pido por favor que deixen de agraviar ós cidadáns de Pontevedra que queremos poder disfrutar do noso xénero musical favorito. Somos unha capital de provincia, teñamos unha programación cutural dunha capital de provincia, en troques de gastarse tódolos cartos nunha semana de festas en custosos concertos, algúns deles de dubidoso gusto, fagamos unha tempada cultural, non é tan difícil, só hai que poñerse e de seguro que conseguen algo. Dentro dunhas semanas, dúas, tres, catro, volverei a escribir sobre o mesmo, son un pesado, seino, pero escribo sabendo que moita xente está pensando no mesmo: que temos unha programación cultural de aldea. Menos cuchipandas gastronónicas para quen poda pagalas e máis cultura a prezos económicos. A música clásica é a MÚSICA con maiúsculas, e os seus amantes merecemos un respecto. A música galega é dos galegos, pero Beethoven, Schumann, Schubert… son patrimonio universal. Teño a sensación de que tódolos cartos son invertidos en festas e que en cultura non se invirte nada.